Libro das Lamentacións

O Libro das Lamentacións é unha obra pertencente ao Antigo Testamento da Biblia cristiá e á Tanax xudía. Está formada por cinco poemas que expresan o pesar pola destrución do Templo de Xerusalén polos babilonios, interpretándoo como un castigo de Deus polos pecados dos xudeus.

Xeremías lamentándose logo da destrución de Xerusalén. Cadro de Rembrandt (1630)

Contexto editar

No ano 587 a.C Nabucodonosor II, rei de Babilonia, remata coa rebelión xudía ordenando a destrución do Templo de Xerusalén, cerna da xudaísmo. Ademais, prende á familia real de Xudá e incendia Xerusalén, a cidade santa para os xudeus. Estes acontecementos sumen aos xudeus nunha profunda crise posto que tamén serán deportados a Babilonia.

Previamente, Xeremías alertara nas súas profecías, recollidas no Libro de Xeremías, da ira de Xahvé (Deus) contra o pobo escollido, os xudeus. O sincretismo relixioso, que levara practicar cultos a outros deuses e as demais violacións das condicións da Alianza, anunciaban o castigo divino.

Contido editar

Cada un dos cinco poemas que conforman o Libro das Lamentacións forman un capítulo do libro. Todos están baseados na dor pola destrución do Templo, da cidade e do reino de Xudá. Non pretenden narrar os feitos aludidos, senón que se trata de meditacións nas se suplica aos xudeus a arrepentirse da súa apostasía e a recoñecer a falta cara ao seu Deus para lograr o perdón. Así, por exemplo no terceiro poema (3, 40) dise: "Investiguemos o noso comportamento e examinémolo. Convertámonos ó Señor."[1] Seguindo a argumentación xa presente no Libro de Xeremías, o castigo de Deus é xustificado pola violación xudía do pacto, pero tamén confía na misericordia de Deus para restaurar no futuro a Israel.

A temática particular de cada poema, ou capítulo do libro, é a seguinte:[1]

  •  
    Ilustración da destrución de Xerusalén nas Crónicas de Núremberg (1493)
    Capítulo 1, primeira lamentación: profunda mágoa pola desolación de Xerusalén. Descríbese a cidade santa como unha viúva"(1, 1) onde a tristura domina aos seus veciños (1, 4), mentres que os seus inimigos están felices (1, 5). Mais, considérase merecido o castigo: "O Señor é xusto, porque eu me rebelei contra a súa palabra" (1,18).
  • Capítulo 2, segunda lamentación: Deus é o responsable do mal de Xerusalén e dos xudeus: "O Señor devorou, sen ter compaixón, todos os pasteiros de Xacob" (2, 2), e insta aos xudeus ao arrepentimento: "Que o teu corazón lle pida axuda ó Señor" (2, 18).
  • Capítulo 3, terceira lamentación: recorrendo a un ton máis persoal preséntanse as angurias que padecen os xustos, chámase á resignación: "Cubrícheste de ira e perseguíchesnos, mataches sen teres compaixón" (3, 43).
  • Capítulo 4, cuarta lamentación: refírense á penuria na que viven os habitantes de Xerusalén, mais responsabilízase da catástrofe aos gobernantes: "A presenza do Señor mandounos ó abismo (para) non seguir contemplándoos, (pois) non respectaran os sacerdotes, non tiveran piedade dos anciáns" (4, 16).
  • Capítulo 5, quinta lamentación: nun ton de maior patetismo describe as consecuencias da toma de Xerusalén, pero tamén implora a misericordia de Deus para a súa restauración: "Fainos volver a ti, Señor, e volveremos" (5, 21).

Estilo editar

 
Letras do alfabeto hebreo. Nos catro primeiros poemas cada estrofa comeza cunha letra, segundo a orde alfabética.

Predomina o emprego dun ton elexíaco para remarcar a dor que inspiran os poemas. As lamentacións están escritas seguindo o metro poético chamado quinah (quinot en plural) propio da poesía hebraica. As tres primeiras están feitas en estrofas de tres versos, fronte a cuarta que está en estrofas de dous versos.

Unha particularidade dos poemas que forman o Libro das Lamentacións é que os catro primeiros están compostos seguindo a orde alfabética. Deste xeito cada un deles ten vinte e dúas seccións, segundo cada letra do alfabeto hebreo. Nos poemas do primeiro, segundo e cuarto capítulo a palabra inicial de cada estrofa escomeza coa súa respectiva letra do alfabeto. Aínda así, no segundo, terceiro e cuarto poema altera a orde alfabética tradicional e a letra pe atencede a ayim. O motivo pode ser facilitar a memorización do texto.[2]

Autor editar

A tradición xudía adxudica as lamentacións o profeta Xeremías, algo que tamén mantivo o cristinianismo de forma tradicional. Con todo, dende o século XVIII existen teorías que dubidan sobre que Xeremías sexa o autor do Libro das Lamentacións. Os que consideran que se trata do propio Xeremías, apoiánse en expresións que se empregan nas Lamentacións e que xa foran usadas no Libro de Xeremías. Hoxe en día, a corrente maioritaria, tanto de estudosos critiáns como non crentes, sosteñen que Xeremías non é o escritor do Libro das Lamentacións. Apóianse en que, aínda que Xeremías na altura da destrución do Templo, era un persoeiro coñecido, non aparece o seu nome no libro. Ademais, o estudo do léxico empregado sinala que o primeiro poema e o quinto son posteriores á obra do profeta. Algunhas fontes suxiren que estes poemas naceron de ser recitados cando os xudeus regresaron a Xerusalén (autorizado polo rei persa Ciro no 538 a.C) e se xuntaban nos restos do Templo para orar.[3]

Lectura ritual editar

No xudaísmo o Libro das Lamentacións é lido na festa de Tisha B'Av, a conmemoración da destrución do Templo de Xerusalén, o 9 do mes ab (xullo/agosto).[4] No critianismo, a lectura deste libro é parte da liturxia da Semana Santa para evocar a Paixón de Xesús de Nazaret.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Capítulos 1 - 5 :: A Biblia Galega". www.abibliagalega.com. Consultado o 2021-02-05. 
  2. García Cordero, Maximiliano (1961). Biblia Comentada: III Libros Proféticos. Editorial Católica. 
  3. "Libro de las Lamentaciones". Biblia Latinoamericana (Editorial San Pablo). Arquivado dende o orixinal o 11-04-2021. Consultado o 6-2-2021. 
  4. "YUTorah Online - The Reading of Eicha on Tisha B'Av (Rabbi Josh Flug)". www.yutorah.org. Consultado o 2021-02-06. 
  5. "El Libro del Pueblo de Dios". Editorial San Pablo. Arquivado dende o orixinal o 11-04-2021. Consultado o 6-2-2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar