Lentella

especie de planta
(Redirección desde «Lens culinaris»)

A lentella (Lens culinaris) é unha planta da familia dos legumes ou Fabaceae. É un arbusto de crecemento anual, duns 40 cm de alto. Cultívase polas súas sementes, que medran dentro de vaíñas usualmente de dúas en dúas. O nome provén da forma de lente que teñen esas sementes.

Historia e usos editar

A planta probablemente ten a súa orixe na India, e foi parte da dieta humana dende tempos neolíticos, sendo un dos primeiros cultivos domesticados.

Cun 26%, a lentella é a terceira planta alimenticia cunha maior porcentaxe das súas calorías en forma de proteínas, despois da soia e os grans de cánabo[1]. Isto fai dela unha parte importante da dieta en moitas partes do mundo, especialmente no subcontinente indio, onde hai grandes poboacións vexetarianas. Son alimentos tradicionais, ademais de na India e Paquistán, na rexión mediterránea e no Medio Oriente.

Tipos editar

 
Tipos de lentellas.
 
Lentellas vermella e marrón.

Hai unha gran variedade de lentellas, con cores tan variadas coma o amarelo, vermello, verde, marrón ou negro:

  • Pardina leonesa ou castelá (marrón).
  • Lentellas de Puy (Lo Puèi de Velai) ou francesas verdes.
  • Beluga negra.
  • Eston Green, Richlea, Laird (verdes).
  • Petite Golden (amarelas).
  • Masoor (Coa pel marrón, son vermellas dentro).
  • Macachiados (amarelas grandes mexicanas).

Preparación editar

Cociñar as lentellas aumenta a súa dixestibilidade, xa que a calor incide no nivel de antinutrientes coma pitatos e taninos, presentes nelas.[2] Algúns tipos de lentellas son tan duros que teñen que ser deixadas dun día para o outro a remollo antes de cocelas. A cocción dura entre 20 e 30 minutos, dependendo da variedade.

Mestúranse frecuentemente con arroz, xa que ten un tempo de cocemento similar. Este prato mesturado denomínase mujaddara no Medio Oriente, khichdi na India e kushari en Exipto.

En Galicia adóitanse preparar estufadas con chourizo e touciño, e mesmo mesturadas con arroz. Tamén se consomen cocidas con outros vexetais ou simplemente fervidas para o seu uso en ensaladas

 
Lentellas con chourizo e touciño.

Valores nutricionais e de saúde editar

Ademais do seu elevado grao de proteínas, as lentellas conteñen fibra, vitamina B1 e minerais[3][4]. A revista Health seleccionou as lentellas como un dos cinco alimentos máis saudables[5].

Contido en ferro editar

Son unha das mellores fontes vexetais de ferro. Isto fainas unha parte importante da dieta vexetariana, e útiles para prever a carencia de ferro en todo tipo de dietas, máis en particular para os adolescentes e mulleres en xestación[Cómpre referencia]

Produción editar

 
Produción mundial de lentellas.

A FAO informou que a produción mundial no ano 2007 foi de 3,487 millóns de toneladas. Un terzo da produción mundial de lentellas dáse na India, seguida do Canadá co 17% e Turquía co 15%. O Canadá, cuxa produción se concentra na rexión de Saskatchewan, é o maior exportador do mundo[6].

Notas editar

  1. Callaway JC (2004). Hempseed as a nutritional resource: an overview. Euphytica 140:65-72.
  2. Rehman, Zia-ur; Shah, W.H. (2005-6). "Thermal heat processing effects on antinutrients, protein and starch digestibility of food legumes". Food Chemistry (en inglés) 91 (2): 327–331. doi:10.1016/j.foodchem.2004.06.019. 
  3. "USDA nutrient database". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2015. Consultado o 26 de setembro de 2010. 
  4. "Lens culinaris na base de datos USDA". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  5. "Alimentos máis saudables do mundo (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2008. Consultado o 26 de setembro de 2010. 
  6. "Produción agrícola canadense (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2010. Consultado o 26 de setembro de 2010. 

Ligazóns externas editar