Ensalada
A ensalada é a denominación xenérica dun conxunto de pratos fríos baseados nos vexetais fríos, pero admite combinacións, preparacións, presentacións e temperaturas moi diversas. Malia non ser un prato tradicional galego, si no mediterráneo, hoxe en día é frecuente. A máis común en Galicia combina leituga e tomate (con cebola se se gusta dela) aderezados principalmente con sal, aceite e vinagre (que pode ser substituído por limón). Adoita ser tomada como entrante ou como gornición do prato principal. Tamén pode constituír por si mesma o prato principal.
Ingredientes habituaisEditar
Unha ensalada ten tres compoñentes básicos:
- A base de folla verde. Pode ser outro vexetal.
- O mollo, con base de aceite e vinagre.
- Os ingredientes complementarios (optativos).
A base da ensalada é xeralmente unha man de vexetais de follas verdes como as diversas variedades de leituga, col, herba dos cóengos, eiruga, agrón, espinacas, endivias e outros vexetais. Esta combinación básica pode complementarse con máis ingredientes como o atún en conserva, a cenoria, o ovo duro, os espárragos etc. Unha ensalada admite como ingredientes complementarios practicamente de todo: carne, peixe, legumes, queixos, froitas, millo doce, arroz, pastas, noces, abelás, piñóns, améndoas etc. As máis modernas tamén admiten froitas como o ananás, a mazá, a pera, froitos do bosque etc. Aínda que a maioría das ensaladas se toman frías, tamén hai modalidades con ingredientes mornos ou quentes. A vinagreta (aceite, vinagre e sal) pode suplirse por outros mollos como o limón, a maionesa, a salsa rosa etc.
Tamén se chaman ensaladas a outras combinacións baseadas nun vexetal (cocido ou cru) que se toma frío e sazonado cun mollo de aceite e vinagre (ou variantes) combinado con outros ingredientes (como xa se indicou). Deste xeito, fanse as ensaladas de pataca, feixóns, tomate etc.
Galería de imaxesEditar
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ensalada |
BibliografíaEditar
- Castro, X. (1998) A lume manso: estudios sobre historia social da alimentación en Galicia. Vigo: Galaxia.
- Cunqueiro, Á. (1973). A cociña galega. Vigo: Galaxia.
- Parada, C. (1982). Recetas de cociña galega. Vigo: Galaxia.