Laureano Prieto
Laureano Prieto Rodríguez, nado en Carracedo da Serra (A Gudiña) o 9 de setembro de 1907 e finado en Ourense[1] o 23 de xullo de 1977, foi un mestre que se especializou na etnografía galega, particularmente a relacionada coa comarca de Viana (Ourense).
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 9 de setembro de 1907 Carracedo da Serra, España |
Morte | 23 de xullo de 1977 (69 anos) Ourense, España |
Actividade | |
Ocupación | mestre, etnógrafo |
Obra | |
Obras destacables
| |
Traxectoria
editarFillo de Manuel Prieto e Adelina Rodríguez, estudou as primeiras letras co párroco de Carracedo para continuar despois os estudos en Viana e Verín e o bacharelato no instituto de Ourense. Emigrou a Cuba, onde xa estaban traballando o seu pai e máis o seu irmán Enrique, aínda que regresou pronto a Galicia para estudar Maxisterio. Alí foi onde coñeceu a Vicente Risco, con quen comezou a interesarse polos costumes e tradicións galegas. Foi mestre en Bembibre (Viana), en Pentes (A Gudiña) e na propia Gudiña. Pasou logo a ser mestre de Oleiros (Silleda) para regresar a Ourense, onde se xubilou. Casou dúas veces, con Elena e con Carmen, e tivo unha filla, María Elena.
Publicacións
editarÁ par do seu traballo como mestre dedicouse á investigación etnográfica e recollida de léxico e tradicións propias da Gudiña e Viana, publicando numerosos traballos en distintas revistas especializadas, como o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense ou o Boletín Avriense, tanto galegas como portuguesas. Igualmente colaborou intensamente con Risco, Cuevillas, Taboada Chivite, Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo. Formou parte do grupo Marcelo Macías, creado por Ferro Couselo en 1970.
Tamén colaborou con distintas institucións, como por exemplo o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Participou, con Ferro Couselo, nas escavacións do Castro de Santa Ádega (en Vilamarín, Ourense), en 1963.
A seguir, algúns dos traballos publicados:
- "Antiguas minas del río Camba", en Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, 1946.
- "Juegos infantiles (Tierra de La Gudiña)", en BCMO, 1947.
- "Cuentos de animales" en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 1948.
- "Notas etnográficas sobre animales domésticos y salvajes de La Gudiña", en Douro Litoral, 1949[2].
- "As adiviñas na terra da Gudiña (Ourense) e no concelho de Vinhais (Tras-os-Montes)", en DL, 1949.
- "A cantiga na Gudiña", en DL, 1950 e 1951.
- "La zooantropía en Galicia", en Zephyrus, 1953.
- "Astrología y meteorología popular", en BCMO, 1957-1958.
- Contos vianeses, Galaxia 1958.
- Contos pra nenos, Galaxia 1968.
- "A meiguería negra en terras de Viana do Bolo", en Boletín Avriense, 1971.
- "Notas encol da fala vianesa", en BA 1973.
- "Contos de cregos na terra de Viana", en BA 1978.
Notas
editar- ↑ "Laureano Prieto Rodríguez | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 2018-07-23.
- ↑ Maribel Outeiriño (6 de outubro de 2022). "Los animales salvajes y domésticos de A Gudiña". La Región.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Álvarez Pousa, Concepción (2018). "Laureano Prieto, mestre da vida e da cultura popular da Terra vianesa". A Trabe de ouro (107): 43–66.
- Isorna, José (1977). Un mestre da boahomía galega: Laureano Prieto Rodríguez. Ourense.
- "Homenaxe a Laureano Prieto Rodríguez", en Boletín Avriense, VIII, 1978.
- "A Gudiña, historia, arte e natureza", en Guía do Concello da Gudiña, 2000.