O lago Lomond (en gaélico escocés, Loch Lamoainn) é un lago (loch en gaélico escocés) situado 23 quilómetros ao norte de Glasgow, Escocia, constituído como Parque Nacional baixo a denominación de Loch Lomond & The Trossachs National Park. É o lago de auga doce máis grande de Gran Bretaña.

O lago Lomond

Xeografía editar

As dimensións do lago son de 39 quilómetros de longo e entre 0,8 e 1,2 de ancho. Abrangue unha superficie de 71 quilómetros cadrados e posúe unha profundidade media de 37 metros, chegando a acadar os 190.

A ribeira norte presenta unha orografía estreita e profunda configurada polo espazo existente entre o propio lago e as montañas circundantes. Cara ao sur anchea, converténdose nunha piscina natural, ampla e plana, ateigada de illas (máis de 30) recubertas de bosques. A ribeira sur é o lugar do Castelo de Balloch, así como do punto de información principal do Parque Nacional.

Na costa oeste atópase a pintoresca vila de Luss, mentres que o leste está dominado polo Ben Lomond que cos seus 974 metros de altura é un dos montes máis característicos das Terras Altas de Escocia, as Highlands en inglés.

Xeoloxicamente cómpre citar a presenza da Highland Boundary Fault, falla que exerce de estrema entre as Terras Altas (Highlands) e as Terras Baixas (Lowlands) escocesas e que transcorre a través da marxe sur do lago.

Flora e fauna editar

 
Bosque nas inmediacións do lago

A contorna do Loch Lomond acolle un dos mellores exemplos de carballeiras centenarias do Reino Unido[1]. Na rexión montañesa adxacente, xa no territorio dos Trossachs, salientan exemplos de vexetación alpina, amplos bosques de coníferas e plantas da familia das saxifragáceas. Esta flora contrasta con algunhas especies de orixe subtropical que se poden atopar na área máis suroccidental.

En canto á fauna, arredor de 200 especies de aves foron descritas[2], entre as que salientan o falcón peregrino, a aguia peixeira o miñato e a pita do monte. Entre os mamíferos destacan o cervo escocés, o gamo e a xoia do Parque, o gato montés escocés. Outros mamíferos máis comúns, coma o raposo, o coello, o esquío, a lontra, o tourón, a garduña ou a doniña pódense ver con relativa facilidade nas inmediacións do lago.

Actividades editar

A navegación é unha das actividades de lecer máis practicadas no lago Lomond, existindo á disposición dos visitantes a posibilidade de percorrer parte da marxe sur do mesmo en embarcacións ao efecto. Segundo se afirma nos trípticos de información turística, é o lugar favorito dos escoceses para a práctica do esquí acuático e a vela.[3]

O sendeirismo e o ciclismo son outros deportes moi practicados, aproveitando o feito de transcorrer polas ribeiras do lago a West Highland Way, ruta de 156 quilómetros de lonxitude que conecta Glasgow con Fort William.

Notas editar

  1. Loch Lomond & the Trossachs National Park (2006), Official Visitor Guide, VisitScotland, páx. 24
  2. Loch Lomond & the Trossachs National Park (2006), Official Visitor Guide, VisitScotland, páx. 25
  3. Loch Lomond & the Trossachs National Park (2006), íd. Authority, National Park Headquarters, Balloch, Escocia.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Loch Lomond & the Trossachs National Park (2006), Official Visitor Guide, VisitScotland, Stirling, Escocia.

Ligazóns externas editar