La borra del café
La borra del café é unha novela en lingua castelá do escritor uruguaio Mario Benedetti, publicada en 1992 pola editorial Suma de Letras. A novela está ambientada na cidade de Montevideo durante a mocidade do autor, narrada baixo a perspectiva dun alter ego.
La borra del café | |
---|---|
Autor/a | Mario Benedetti |
Orixe | Uruguai |
Lingua | Castelán |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Suma de letras |
Data de pub. | 1992 |
ISBN | 978-987-580-462-3 |
Precedido por | Primavera con una esquina rota (1982) |
Seguido por | Andamios (1996) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ten 48 capítulos, e conta cunha dedicatoria (aos tradutores de Benedetti a outras linguas) e tres citas de Julio Cortázar, Louis Jouvet e Milton Schinca. Amais, ao inicio dos capítulos conta con citas de Rosario Castellanos, Fernando Pessoa
Trama
editarClaudio o personaxe principal, fala da súa infancia no barrio de Capurro, onde vive co seu pai, a súa nai (que morre moi nova) e a súa irmá máis nova. No barrio coñece os seus primeiros amigos: o seu curmán Daniel, o seu curmán Fernando e o seu veciño Norberto. Con eles vive experiencias como a morte de El Dandy, un vagabundo (bichicome), de quen descobren o cadáver no parque de Capurro mentres os adultos contemplan o voo do Graf Zeppelin. Manteñen o descubrimento en segredo e non logran saber a que se debeu a morte do home. Historicamente, este evento tivo lugar o 29 de xuño de 1934[1].
Pouco despois o seu pai dille que a súa nai está doente e que lle quedan poucos meses de vida. Entón, coñece a Rita, unha rapaza que entra na súa habitación a través dunha figueira e o consola.
Trala morte da súa nai, Claudio múdase a Punta Carretas coa súa familia e con Juliska, unha rapaza de Montenegro que fai os labores domésticos. Alugan unha habitación baleira a Natalia, unha estudante que ten un mozo chamado Quique. Un día en que quedan sós na casa Claudio e Natalia, esta incítao a teren relacións sexuais para que el perda a virxindade. Tempo despois, o pai casa con Sonia, a súa nova moza.
Tras rematar a escola Claudio desexa ser pintor, e comeza a traballar nunha empresa de publicidade copiando deseños alleos, se ben o que a el lle gusta pintar son reloxos. Unha tarde atópase con Rita nunha cafetería. Concertan unha cita para o día seguinte, mais é enganado e ela non aparece.
Claudio comeza unha relación con Mariana, unha estudante de veterinaria á que coñece bailando tango. Logo dun tempo xuntos, fan plans de matrimonio e de mercaren unha vivenda xuntos, coa condición de que se decida ao azar: se el ten boa sorte na ruleta e gaña cartos, dan o paso adiante. Claudio consegue moitos cartos e deciden mercar unha casa.
Esa mesma semana marcha a Quito a un seminario de deseño gráfico. Logo de saudar aos seus avós en Buenos Aires, Claudio queda durmido no avión, e soña que Rita, traballando como azafata, o bica. A obra remata cun final aberto acerca do eterno retorno na vida e na morte.
Narración
editarA obra alterna a primeira e a terceira persoa. En ocasións hai un narrador omnisciente, que coñece os pensamentos dos personaxes.
Hai dous aspectos clave no relato: por unha parte a borra do café, que dá título á obra. A "lectura" ou interpretación do residuo do café na cunca é unha tradición procedente do oriente, que permite coñecer o pasado, presente e futuro da persoa que tomou o café.
Por outra banda, as 15:10 é unha hora clave nesta novela: nese momento atopa o cadáver de El Dandy, morre a súa nai, atópase con Rita e perde a virxindade con Natalia.
Espazo
editarA novela está ambientada en varios barrios de Montevideo, como Capurro e Punta Carretas, no departamento de Montevideo.
Tempo
editarHai varios eventos que sitúan cronoloxicamente o tempo histórico, como o paso por Montevideo do cepelín ou o afundimento do barco de guerra Admiral Graf Spee durante a Batalla do Río de la Plata, no marco da Segunda guerra mundial, o 13 de decembro de 1939.
O tempo narrativo dura varios anos, desde a infancia do protagonista até a súa mocidade.
Notas
editar- ↑ "Hace setenta años, por el cielo de Montevideo cruzó el Graf Zeppelin", artigo de Rubén Borrazás en La Red 21, 29 de xuño de 2004 (en castelán).