O Juche (en coreano: 주체, pronunciado /tɕutɕʰe/), oficialmente designado como a idea Juche é a base ideolóxica do estado de Corea do Norte. Unha frase atribuída ó líder norcoreano Kim Il Sung define o jucheísmo do siguinte xeito: "En poucas palabras, a idea Juche significa que os propietarios únicos da revolución e da construción posterior son as masas".

Torre Juche, en Pyongyang
Desfile en Pyongyong coa Torre Juche ó fondo

Fundamentos editar

O Juche é un sistema filosófico e ideolóxico cuxo desenvolvemento atribúese ó propio Kim Il Sung. O seu fillo e continuador na xefatura de Estado de Corea do Norte, Kim Yong Il, é oficialmente o encargado da súa interpretación. Vén a ser unha adaptación do comunismo leninista á cultura coreana e ás necesidades propias do Goberno da República Democrática Popular de Corea.

A súa idea principal é que o individuo é responsable do seu propio destino. Esa máxima, nun sistema revolucionario, traslada á suma de individuos que compoñen as masas populares a autoría da revolución e o seu desenvolvemento. Desa forma, cada norcoreano ten a súa parte de responsabilidade no destino da colectividade. A revista norcoreana "Korean Review" sinala que "Juche significa adoptar o papel de mestre da revolución e reconstrución do teu propio país. Isto significa un proceder independente e creativo de cadaquén coa fin de adaptar as solucións ós problemas que poidan aparecer no proceso de revolución e construción".

Algunhas características de Juche son:

  • Defensa da independencia económica e política respecto a países estranxeiros.
  • Songun: o aspecto militar é o máis importante da política.
  • Voluntarismo.
  • Nacionalismo e defensa da homoxeneidade étnica. Kim Jong-il considera que unha característica da nación é a unidade de sangue.
  • Respecto e defensa da cultura tradicional.

Teóricos editar

Juche toma o nome dunha teoría filosófica tradicional. Dícese que Juche foi inspirado a Kim Il Sung polo monte Paektu, un cumio mítico para os coreanos e todo un símbolo da nación.

Kim Il Sung foi o ideólogo e promotor, con decenas de volumes publicados. Outros, como Wang Yan Yop, encargáronse de dar un sentido práctico ás súas obras. Kim Il Sung e Kim Jong-il están considerados como os auténticos responsables do desenvolvemento da doutrina Juche, o primeiro creándoa e o segundo actualizándoa segundo os novos retos da revolución.

Kim Il Sung expuxo unha doutrina autodefensiva, contraposta á depedencia que adoptaba Corea do Sur respecto aos Estados Unidos. Juche ensalza a bandeira da soberanía nacional popular, poñendo o sistema político á marxe de influencias externas que poidan acabar co bo desenvolvemento da transición ó comunismo. Deste xeito, Kim Jon-il segue configurando unha doutrina que dá un sentido ideolóxico á práctica política da República Democrática Popular de Corea.

Citas editar

En 1975, tras aprobarse a Constitución da República Democrática Popular de Corea de 1972, Kim Il Sung publica ¡Juche!22, obra na que se pón a base da teoría que dá sentido ideolóxico á estrutura estatal norcoreana. Mostras do seu pensamento son as siguintes frases incluídas no libro:

-Estamos facendo a revolución coreana. E todo o que a ela afecta, os coreanos saben como afrontalo mellor que ninguén. O aspecto fundamental da revolución coreana, e que os coreanos decidimos, é que a nosa forza é o factor decisivo na nosa vitoria.
-Ningún estranxeiro pode darnos a receita de qué facer coa nosa revolución. Para poder levala a bo fin con éxito, os coreanos, eles mesmos, deben empregar o seu cerebro, resolver os problemas co seu enfoque, un enfoque que debe facerse conforme ós intereses da revolución coreana.
-O noso partido adoptou con forza a idea Juche, para resolver os problemas da revolución e a construción do socialismo con independencia, segundo as condicións propias do noso país, cos nosos propios enfoques; e nós, todo o pobo, formaremos unha piña ó redor do espírito dunha autoafirmación que nos chama a crearmos unha revolución e construción do socialismo e o comunismo no noso país, cos nosos enfoques e os recursos do noso país, afastándonos da idea de depender doutros.

O Juche no exterior editar

Os intentos de Corea do Norte de espallar o Juche como fórmula resultaron un fracaso. De tódolos xeitos, atópanse grupos de estudo do xucheísmo en países como Reino Unido, España, Brasil, Xapón, Perú ou Australia, entre outros.

O calendario Juche editar

Tras a aprobación da constitución de 1972, Corea do Norte oficializou o calendario Juche, baseado no calendario gregoriano e que fixa o ano un no 1912 despois de Cristo, ano do nacemento de Kim Il Sung. Corea do Norte fixaba así o seu propio calendario revolucionario. Polo xeral, nos textos coreanos figuran en primeiro lugar o ano juche e despois o cristián: Juche 95 (2006).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar