Xosé Arcos Moldes

xornalista galego
(Redirección desde «José Arcos Moldes»)

Xosé Arcos Moldes, nado en Outeda (Curro, Barro) o 28 de maio de 1863[1] e finado en Rianxo o 29 de outubro de 1945, foi un perito mercantil coñecido principalmente pola súa actividade como xornalista republicano e director do semanario El Barbero Municipal de Rianxo, no que se produciron os primeiros textos e caricaturas de Castelao.

Xosé Arcos Moldes
Nacemento28 de maio de 1863
Lugar de nacementoBarro
Falecemento30 de outubro de 1945
Lugar de falecementoRianxo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Con 8 anos foi vivir a Rianxo e, tralos primeiros estudos, entrou no seminario de Santiago, do que pronto o expulsaron. Aínda que logo volveu entrar no seminario, rematou abandonándoo definitivamente. A finais de 1894 promoveu o semanario El Censor.

En 1896 comezou a estudar na Escola de Comercio da Coruña, onde se titulou como perito mercantil e comezou os seus contactos co republicanismo galego. Tras unha breve estancia en Rianxo marchou a Barcelona a seguir os estudos de Comercio, para regresar, xa definitivamente, a residir en Rianxo.

En 1901 creou a Asociación de Marineros y Productores en General de Rianxo, da que foi presidente, primeiro, e secretario xeral, despois. Con esta asociación buscaba fomentar a exportación do peixe fresco ós mercados do interior do país, aí como sentar as bases para a industrialización do sector mariñeiro coa construción dunha fábrica de salgadura en réxime asociativo. Promoveu o semanario La Defensa.

A Asociación de Marineros terminou fracasando pero Arcos continuou promovendo diferentes accións colectivas e sociedades agraristas, como a Sociedad Unión Pinera (en 1916) ou a Sociedad Unión Obrera de Oficios Varios, coa que creou a Casa do Pobo de Rianxo.

En 1910 Ramón Rey Baltar fundou El Barbero Municipal, órgano do Partido Conservador local, con Castelao como articulista e caricaturista, e Eduardo Dieste como director literario. A revista desapareceu en 1914, tralo que Arcos fundou o semanario La Justicia, como voceiro de Acción Gallega, de liña agrarista.

En 1914, traballando daquela como mestre, creou a sociedade cultural Pro-Cultura, con Castelao como secretario, organizou comparsas, corais e obras de teatro, actividades todas nas que buscaba a participación da xuventude de Rianxo. O primeiro obxectivo desta asociación cultural era a educación dos asociados, como se reflicte no compromiso que figuraba nos Estatutos:

Los socios más instruídos se obligan a enseñar gratuítamente la lectura y escritura de nuestro idioma, las operaciones elementales de la Aritmética, el sistema métrico-decimal de medidas, pesas y monedas, nociones de Geografía, Historia, Economía, Agricultura, Higiene etc. a aquellas que carezcan de los mencionados conocimientos, hasta conseguir que ningún asociado deje de poseerlos, siquiera en el grado elemental al transcurrir un año desde su ingreso en la sociedad.

Foi correspondente en Rianxo de Gaceta de Galicia de Santiago, El Telegrama, Nós, Galicia, El Noroeste da Coruña, Galicia Nueva e El Eco de Arosa de Vilagarcía.

Arcos morreu en Rianxo o 29 de outubro de 1945.

Vida persoal editar

Casou con Mercedes Tubío Seco e tivo 9 fillos: José Gerónimo, Manuel, Adolfo, Alfonso, Rafael, Soledad, Rosa, Joaquina e Carmen Arcos Tubío.

Notas editar

  1. "José Arcos Moldes". Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2017. Consultado o 15 de abril de 2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Santos, Xesús; Comoxo, Xosé (1994). Concello de Rianxo, ed. Biografía de Arcos Moldes. Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira. 1865-1944. 
  • José Antonio Durán en Gran Enciclopedia Galega, 2003, s. v. Arcos Moldes, José.

Ligazóns externas editar