José Alberto de Oliveira Anchieta

José Alberto de Oliveira Anchieta, nado o 9 de outubro de 1832 en Lisboa, e finado o 14 de setembro de 1897 en Caconda, Angola, foi un explorador e naturalista portugués.

José Alberto de Oliveira Anchieta
Nacemento9 de outubro de 1832
Lugar de nacementoLisboa
Falecemento14 de setembro de 1897
Lugar de falecementoCaconda
NacionalidadeReino de Portugal
Alma máterUniversidade de Coímbra
Ocupaciónexplorador e zoólogo
editar datos en Wikidata ]
Laboratorio de Anchieta en Caconda.

Traxectoria Editar

Anchieta naceu en 1832 en Lisboa, e comezou os seus estudos de matemáticas na Universidade de Coímbra. Debido á súa tenaz independencia e ao seu carácter excéntrico, porén, non se adaptou ben á universidade e trasladouse á Escola Politécnica de Lisboa.

En 1857 un dos seus amigos máis achegados trasladouse a Cabo Verde, colonia portuguesa no océano Atlántico ao oeste de África e Anchieta foi a reunirse con el. Alí pasou o seu tempo estudando a flora e a fauna da illa de Santo Antão, a máis oriental do arquipélago, e finalmente terminou axudando aos seus habitantes como médico afeccionado (el tiña estudado algúns medicamentos). Unha epidemia de cólera matou a maioría dos habitantes da illa, e el case morreu tamén, pero puido volver a Portugal despois de dous anos.

Despois, de acordo co que el cría que era a súa vocación, estudou medicina en Lisboa, Londres e París, pero non puido completar a carreira e volveu a África, esta vez a Angola, a maior das colonias da África Occidental Portuguesa, en 1865, xa casado, e a súa esposa acompañouno. Permaneceu na rexión de Benguela, establecendo un laboratorio dentro das ruínas dunha igrexa, dedicándose á exploración e á recollida de animais, até que, en 1867, o goberno portugués o contratou como naturalista, aínda que o máis probábel é que Anchieta fora recrutado como axente secreto e informador.[1]

Anchieta viviu en Angola até 1897, data da súa morte. Tivo éxito como explorador do interior e como naturalista e, despois de estudar e recoller numerosas novas especies animais e plantas, regresou a Portugal. Aínda que a maioría das súas coleccións se perderon cando a súa canoa naufragou nun río, doou o que quedaba ao Museo de Historia Natural da Escola Politécnica lisboeta, onde os espécimes foron examinados e catalogados por zoólogos e botánicos, particularmente por José Vicente Barbosa du Bocage.

Moitas das especies de mamíferos, aves, réptiles, anfibios, e peixes descritos por el eran descoñecidos até a data e así foron nomeados anchietae na súa honra por Bocage e outros.

Anchieta foi o máis importante explorador de Angola no século XIX. Era curiosa a súa biblioteca, non só porque As mil e unha noites cohabitaban con obras científicas, entre elas, nas que fundamentou o seu traballo, como Ornithologie d'Angola e Herpéthologie d'Angola et du Congo, de J. V. Barboza du Bocage. [2]

Publicou algúns artigos, pero non foi iso o que o caracterizou. Desde o punto de vista científico, non era un naturalista de gabinete, senón un naturalista de campo, un explorador, polo tanto eran outros os que escribían, el sobre todo lía, non publicaba.[2]

En total, segundo Bocage, Anchieta foi o responsábel de identificar 25 novas especies de mamíferos, 46 de aves e 46 réptiles e anfibios. Non lle importaba moito escribir artigos científicos, porén deixou esta tarefa aos seus colegas de Lisboa, cos que mantiña correspondencia.

Algunhas especies que levan o seu nome Editar

Notas Editar

  1. Beolens, Bo; Watkins, Michael & Grayson, Michael (2014): The Eponym Dictionary of Birds. London: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-4-7290-5734-1.
  2. 2,0 2,1 Maria Estela Guedes: José de Anchieta, o feiticeiro. O naturalista José de Anchieta en Triplov.com (en portugués).

Véxase tamén Editar

Bibliografía Editar