Jean Omer Marie Gabriel Monnet, nado en 1888, en Cognac e finado en 1979 en Yvelines, foi un economista francés que xunto con Konrad Adenauer, Robert Schuman e Alcide De Gasperi é considerado un dos "Pais de Europa", en referencia á Unión Europea (UE). Aínda que nunca fora elixido para cargo público ningún, Monnet actuou nos bastidores de gobernos europeos e americanos como un internacionalista pragmático ben relacionado. Foi o primeiro presidente da Alta Autoridade da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro no marco do Plan Schuman. Posteriormente continuou a xogar un papel importante na integración europea durante toda a súa vida.

Jean Monnet
Nome completoOmer Marie Gabriel Jean Monnet
Nacemento9 de novembro de 1888
Lugar de nacementoCognac
Falecemento16 de marzo de 1979
Lugar de falecementoBazoches-sur-Guyonne e The Jean Monnet House
SoterradoPanteón de París e Bazoches-sur-Guyonne
NacionalidadeFrancia
Alma máterColégio da Europa
Ocupacióneconomista
CónxuxeSilvia de Bondini
IrmánsMarie-Louise Monnet
PremiosPremio Erasmus, Premio Carlomagno, Wateler Peace Prize, Medalla Presidencial da Liberdade, cidadán de honor de Europa e Grande Cruz do Mérito da República Federal da Alemanha
Na rede
WikiTree: Monnet-120 Find a Grave: 7520 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Jean Monnet, procedente dunha familia de comerciantes en Cognac, principiou a súa carreira dentro da empresa familiar. Con apenas 17 anos, recibiu o encargo paterno de abrir mercados internacionais para a produción da adega que a súa familia posuía en Cognac. Con 18 foise a Londres e desde alí viaxou a Escandinavia, Rusia, Canadá, Estados Unidos e Exipto por mor dos negocios familiares. Esta experiencia contribuíu a ampliar a súa visión do mundo, e a asentar os alicerces dun futuro dedicado ao proxecto da Europa unida.

Durante a primeira guerra mundial propúxolle ao presidente do consello a coordenación dos recursos económicos dos aliados e colaborou na organización e coordenación do transporte marítimo das potencias aliadas. Durante o período de entreguerras foi Secretario Xeral adxunto da Sociedade de Nacións (1919-23) e dirixiu negocios importantes nos Estados Unidos e outros países. En San Francisco paticipou na creación dun banco de investimento, que se viu afectado pola Gran Depresión, feito ao que se referiu nas súas memorias: "Os homes só aceptan o cambio resignados pola necesidade e só ven a necesidade durante as crises". Tamén traballou en Xangai para o goberno nacionalista de Chiang Kai-shek.

Co comezo da segunda guerra mundial en 1939 foi designado presidente do comité franco-británico de coordenación económica. Tras a derrota de Francia pola Alemaña nazi en 1940 argallou un plan para a fusión política entre Francia e Gran Bretaña, que obtivo o apoio de Churchill, pero non encontrou eco entre os exiliados da «Francia libre». En 1943, en Alxer, espresou xa os seus ideais europeístas: "Non haberá paz en Europa, si os Estados se reconstrúen sobre unha base de soberanía nacional (...) os países de Europa son demasiado miúdos para asegurarlle aos seus pobos a prosperidade e os avances sociais indispensables. Isto supón que os Estados de Europa se agrupen nunha Federación ou "entidade europea" que os converta nunha unidade económica común".

Monnet traballou para os aliados en misións diplomáticas e financeiras, e formou parte do Comité de Liberación Nacional francés que presidía Charles de Gaulle (malia a que nunca foi gaullista e se sentiu especialmente distante do nacionalismo francés en xeral).

Abrollos da UE editar

Terminada a guerra, dirixiu a elaboración dun plan de equipamento e reconstrución económica (o Plan Monnet) que, apoiándose na axuda estadounidense do Plan Marshall, permitiu a Francia modernizar as súas estruturas produtivas e relanzar o crecemento en pouco tempo. Pero, consciente das limitacións dos Estados tradicionais, centrouse desde entón en lidar polo ideal europeísta; foi el quen concibiu a estratexia de comezar pola integración económica de Europa, para fomentar así unha solidariedade material que contrarrestase os particularismos nacionais e fose o alicerce para unha futura unión política.

Partindo do pensamento que Arístides Briand expuxera en 1929, Monnet reelaborou a idea da unidade europea fundamentándoa nunha base económica solidaria, e imprescindible para lograr a posterior unión política. Con tal propósito participou en 1948 na creación do Consello de Europa na Haia e a elaboración da Declaración Schuman (1950), pola que Francia e a República Federal Alemá puxeron os seus sectores carbonífero e siderúrxico baixo unha autoridade supranacional e conxunta.

De 1952 a 1955 foi o primeiro presidente da Alta Autoridade da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro así xurdida, que sería o xermolo da posterior Comunidade Económica Europea. Monnet tivo un papel decisivo na concepción deste instrumento de integración continental (1957), sempre con obxeccións por mor do protagonismo que conservaron no seu seo os gobernos dos estados. A segunda parte do plan ideado por Monnet ía cara a integración e a unidade política: a Comunidade Europea de Defensa (CED). O veto do Parlamento francés en 1954 supuxo o primeiro fracaso importante no proceso de unidade.

O Consello Europeo de Luxemburgo deu a Jean Monnet o título de "Cidadán de honor de Europa" en 1976 e foi galardoado co premio Robert Schuman polos seus servizos á causa de Europa. En 1977 foi galardoado co Premio Erasmus.[1] O presidente francés François Mitterrand fixo trasladar os seus restos mortais ao Panteón de París en 1988.

Notas editar

  1. Fundación Praemium Erasmianum (ed.). "Former Laureates - Praemium Erasmianum". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2015. Consultado o 9 de novembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar