Irmáns Hernández

Dúo de irmáns ourives españois

Osmundo Hernández Calzada (1895-1956) e Eloy Hernández Calzada (1897-1974), os Irmáns Hernández, foron dous ourives e esmaltistas vigueses de grande prestixio. O taller que fundaron en Vigo en 1924 continúa operando na actualidade, a punto de cumprir cen anos de actividade ininterrompida, tendo producido unha enorme cantidade de pezas e recibido numerosos recoñecementos.

Os Hernández trataron con grande mestría os materiais preciosos como o acibeche ou o marfil, e demostraron domear os metais en esculturas de gran formato. Souberon trasladar a delicadeza do traballo da xoiaría á monumentalidade da escultura, transferindo tanto as técnicas empregadas na ourivería: o relevado, o esmalte ou a glíptica; como os materiais: a prata e o ouro. Tamén á inversa, entendendo a xoia, non como mero ensamble de metal e pedras preciosas, senón como obra elaborada produto dunha reflexión artística.

Historia editar

Ambos irmáns comezaron a súa preparación dende moi novos, na Escola de Artes e Oficios de Valladolid. Alí adquiren unha ampla formación nas técnicas da pintura e da escultura. Esta aprendizaxe viuse reforzada en París, onde se trasladaron fornecidos cunha pensión da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas da Institución Libre de Enseñanza. Osmundo partiu en 1917 e Eloy uniuse a el uns anos máis tarde, en 1922.[1][2]

Foron alumnos da prestixiosa Escola Boulle, fundada en 1886, que tivera un gran desenvolvemento impulsada polo movemento “Arts and Crafts” (e que aínda hoxe permanece como unha das máis influíntes escolas europeas de Artes Aplicadas).

Durante a súa estancia en París tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a arte antiga, exipcia e grega, custodiada nos museos parisienses e de achegarse aos obradoiros de Limoges e aos seus esmaltes medievais e renacentistas, que focalizaron definitivamente a súa atención por esta técnica.

Unha vez rematado o seu período de formación en París, deixan a súa Valladolid natal e se establecen na cidade de Vigo atraídos polo prometedor futuro dunha urbe en plena expansión.

A súa presentación artística na cidade de Vigo tivo lugar en agosto de 1924, cando amosaron varias das súas obras na Primeira Exposición de Arte Galega, organizada polo Ateneo de Vigo e instalada na Escola de Artes e Oficios.

Instalados definitivamente en Galicia, os Hernández implicáronse rapidamente na vida artística de Vigo e identificáronse prontamente co ambiente de renovación da plástica galega que se vivía na cidade e que coñeceron grazas á especial amizade que mantiveron con artistas como o escultor Francisco Asorey, o pintor Carlos Sobrino ou o arquitecto Antonio Palacios con quen tiveron a oportunidade de colaborar no Templo Votivo do Mar de Panxón.

A calidade artística das súas obras situounos rapidamente entre os máis recoñecidos artistas locais, o que lles permitiu involucrarse nas institucións culturais da cidade e participar activamente nas exposicións de arte galega.

Ese contacto con artistas locais e as súas propias vivencias na sociedade galega da época, aínda moi influenciada por unha secular tradición rural, fixo que rapidamente incluíran nas súas obras temas populares e rexionais. Os seus esmaltes reproducirán recantos de vellas cidades e vilas, escenas costumistas ou tipos iconográficos que, dende unha vertente de carácter máis intelectual, dan vida a un rexionalismo de corte simbolista. Ocupará un primeiro plano a sublimación do mar e da súa xente.

Tamén a literatura de Valle-Inclán, que exerceu unha gran influencia na arte dos seus coetáneos, se percibe na súa obra, coa representación simbólica dunha Galicia entre real e soñada, de paisaxes idílicos. A Guerra Civil veu alterar os plans dunha maior proxección de ambos irmáns no estranxeiro, frustrando, entre outros, os seus plans de participar na Exposición Internacional de París de 1937 con un dos seus máis ambiciosos bustos esmaltados, titulado A dama do mantón de Manila.

Pasada a guerra, ambos irmáns continuaron coa súa actividade, tornando a comparecer en importantes exposicións e certames. Deste xeito, obterían un notable éxito na Exposición de Industria e Arte galaicos, celebrada en Vigo en 1944, onde exhibirían a devandita Dama do mantón de Manila.

O 20 de xullo de 1956 falecía repentinamente en Vigo o maior dos irmáns, Osmundo.

A partir desa data Eloy, xunto cos seus fillos Julián e Eloy Hernández Santo Domingo, continuou coa actividade do taller, que pervive ata os nosos días, dirixido dende 1991 polo seu neto, o pintor Eloy Hernández Rollán.

Eloy Hernández Calzada morreu en Vigo o 1 de outubro de 1974.[3]

A familia Hernández é extensa, e outros dos seus membros acadaron moita visibilidade na escena artística local e nacional, como o músico e compositor Julián Hernández, fillo de Julián Hernández Santo Domingo, fundador e líder da banda Siniestro Total, que foi unha importante figura da Movida Viguesa nos anos 80 do século XX.

Taller en Vigo editar

O taller da firma Hernández inicia a súa existencia en 1924. Inicialmente o taller estivo situado na Porta do Sol e foi trasladado á rúa do Príncipe en 1926. Alí continuou ata que, en 2007, desprazouse á Gran Vía, onde continúa a súa actividade.

Dende a súa chegada á cidade os Hernández involucráronse en institucións culturais como o Ateneo vigués e a Escola de Artes e Oficios, ou na iniciativa de constitución do Museo de Arte Galego, xerme do actual Museo Municipal Quiñones de León, formando parte do seu primeiro padroado en 1935.

A longa traxectoria creativa do taller maniféstase nunha infinidade de pezas das máis variadas técnicas (ourivaría, esmalte, escultura, pintura...), todas elas executadas baixo unha filosofía de perfección propia de artesáns renacentistas, aínda que con unha linguaxe actual e compasada cos novos tempos, o que permitiu ós seus autores adaptarse a unha clientela ampla e moi diversa.

Da produción do taller a maior parte das obras quedaron en Vigo, pero tamén se repartiron moitas por Galicia e América. Co tempo a ambiciosa e persoal linguaxe reflectida nas súas pezas converteu ao obradoiro nun referente a nivel nacional[2], onde se achegaban os esmaltistas máis destacados para completar a súa formación, como Victoriano Juaristi[4] ou Miguel Soldevilla, director da Escola Massana de Barcelona.

Os esmaltes editar

A técnica coa que os Hernández se sentiron máis cómodos foi o esmalte. Na súa elaboración atoparon o espazo para a experimentación estética, e o seu coñecemento das artes pictóricas permitiulles acadar unha grande variedade de matices. Sen dúbida, constitúen a súa produción artística máis importante e na que alcanzaron o máis alto grao de perfeccionamento. Neste aspecto a súa principal achega foi a capacidade de esmaltar unha escultura en bronce, o que lograron tempo antes de que a Escola de Belas Artes de Berlín (fundada en 1946 por artistas asociados á Bauhaus) se enorgullecese de conseguilo.[Cómpre referencia]

Dende os primeiros tempos do obradoiro os esmaltes son realizados de xeito manual, seguindo os preceptos establecidos dende tempos medievais, é dicir, trátase de cristais pulverizados aplicados sobre superficies metálicas (cobre, prata ou inclusive ouro) e logo fundidos a alta temperatura para darlle seu aspecto final. O resultado é unha realización que, ademais da súa enteira orixinalidade, pervive inalterable no tempo grazas á súa extraordinaria durabilidade.

Adscrición artística editar

O traballo dos Irmáns Hernández manifesta o aprecio polos valores estéticos e teóricos da arte, moi influídos polas súas vivencias no París dos anos 20, opulento, vital e optimista, no que se impuña a estética Art déco, a arte de entreguerras.[5]

A sociedade europea, que afrontara a dura experiencia da primeira Guerra Mundial, buscaba entón unha vida plena, construtiva e pracenteira, favorecida polos avances tecnolóxicos que xurdían día a día. Naceu así unha visión “poética” do mundo moderno, mecanizado e tecnificado, que substituíu os antigos valores por novos conceptos científicos e estéticos. Esta nova realidade expresábase mellor co Art déco e, especialmente, coas artes gráficas do cartelismo inspiradas, en maior ou menor medida, polo cubismo e o futurismo, no que a paisaxe industrial, a enerxía e a velocidade se converteron en temas preferentes.

Os Hernández sumáronse a esta corrente, pero a súa obra non quedou no materialismo e o pragmatismo, senón que adquiriu un fondo contido alegórico-poético que lles puxo en relación co simbolismo.

Premios e recoñecementos editar

  • En 1927 o Concello de Vigo nomeounos Fillos Adoptivos da cidade.
  • Segunda Medalla (1932)[6] e Primeira Medalla (1934) dentro das Exposicións Nacionais de Belas Artes celebradas en Madrid.
  • Fillos Distinguidos da cidade de Valladolid (1934).
  • Primeiro Premio na Exposición Nacional de Artes Decorativas de 1935
  • Gran Premio de Honra na I Exposición Internacional de Artesanía de 1953.
  • Participación na Exposición Universal de Bruxelas de 1958
  • Primeiro Premio da Exposición Rexional de Arte Galega en 1960.
  • Medalla de Ouro ao Artista Artesán en 1969.
  • Medalla de honra na Exposición Nacional de Belas Artes celebrada Santiago de Compostela en 1971.
  • Recoñecemento de Vigueses Distinguidos no ano 2006.
  • Socios de Mérito da Asociación Española de Pintores e Escultores.

En 2006 tivo lugar unha exposición antolóxica no Museo Municipal Quiñones de León, na que os vigueses puideron gozar por vez primeira da colección de pezas que se conserva na familia.[7]

Notas editar

  1. Brasas Egido, José Carlos (2009). Los hermanos Hernández: orfebres y esmaltistas art decó. Diputación Provincial de Valladolid. ISBN 9788478522262. 
  2. 2,0 2,1 Brasas Egido, José Carlos (2003). Los Hermanos Hernández y la orfebrería religiosa Art Decó en España (PDF). Estudios de platería. San Eloy 2003 (Universidad de Murcia, Servicio de Publicaciones). pp. 97–109. 
  3. "Eloy Hernández Calzada". Afundación - Obra Social Abanca. Consultado o 10/11/2023. 
  4. Juaristi, Victoriano (1933). Esmaltes, con especial mención de los españoles. Editorial Labor. 
  5. Larriba Leira, Mariel (2011). A percepción do clásico na obra dos ourives Hernández de Vigo. "GLAUCOPIS" BOLETÍN DO INSTITUTO DE ESTUDIOS VIGUESES 16 (Instituto de Estudios Vigueses). pp. 299–346. ISSN 1135-1810. 
  6. Catálogo Oficial de la Exposición Nacional de Bellas Artes 1932 (PDF) (en español). 1932. 
  7. Larriba Leira, Mariel (2006). Os Hernández. Ourives de Vigo. Concello de Vigo. Museo Municipal Quiñones de León. ISBN 8487637914. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar