Abrir o menú principal

Igrexa de Santa Mariña de Fragas

Coordenadas: 42°31′29″N 8°33′28″O / 42.52472, -8.55778

Igrexa de Santa Mariña de Fragas.

A igrexa de Santa Mariña de Fragas é a igrexa parroquial de Fragas do concello pontevedrés de Campo Lameiro. Trátase dunha igrexa de orixe medieval que conserva parte da súa fábrica románica.

HistoriaEditar

Segundo Bango Torviso trátase dunha igrexa pouco coñecida que xa debuxou Enrique Campo no ano 1908, debuxos conservados na actualidade no Museo Provincial de Pontevedra. Anos despois, 1972, Ángel del Castillo tamén a recollerá no seu Inventario monumental y artístico de Galicia[1].

DescriciónEditar

Pouco chegou ata os nosos días do que debeu ser un importante templo románico, a xulgar polos restos, principalmente a fachada occidental, a portada. A igrexa dátase na segunda metade do século XII.

ExteriorEditar

Fachada occidental. A fachada románica foi moi modificada na súa parte superior. Divídese en tres rúas, a central moito máis ancha que as laterais, por medio de dúas columnas entregas, das que só se conservan as bases áticas e dezanove tambores que conforman o fuste. Non están situadas simetricamente, a columna meridional está desprazada 10 centímetros, quizais por causa dunha torre moderna levantada ao seu carón. A rúa central divídese en tres corpos por medio de dúas impostas lisas, unha que sae dos ábacos dos capiteis da porta e paralela a esta outra que une os dous fustes das columnas.

A porta é de arco de medio punto decorado con dúas arquivoltas formadas por un toro entre dúas medias canas decoradas con estrelas de seis e sete puntas moi deterioradas. A chambrana tamén moi deteriorada, así como as dovelas coa súa decoración completamente borrada.

As arquivoltas apóianse en parellas de columnas de capiteis e bases entregas e fustes monolíticos e exentos.

 
Capiteis da dereita

O capitel máis exterior da esquerda decórase cun lobo coas patas traseiras lixeiramente levantadas e coa cabeza cara abaixo atacando unha posible serpente[2]. O capitel que o acompaña presenta decoración vexetal con dous tipos de follas rematadas en espiral a modo de volutas nas puntas. A decoración dos ábacos irrecoñecible polo seu desgaste.

Os capiteis da dereita representan un home agochado cos brazos estendidos e os antebrazos flexionados representando a acción de saltar, nunha esquina unha flor con botón central e sete pétalos. No outro capitel un animal semellante o do capitel do externo da esquerda que devora a un home que coa súa man esquerda tenta agarrar a cabeza da besta tentando fuxir das súas fauces.

As bases son de perfil ático con zoupas, os plintos lisos, agás o do interior da esquerda que se decora cun rectángulo cunha liña no centro.

O tímpanoEditar

 
Tímpano da igrexa

O tímpano curiosamente apoiase sobre xambas, e non sobre mochetas como adoita ser máis común. O tímpano adórnase con baquetóns paralelos.

Represéntase no seu centro tres curiosos personaxes moi desgastados o que dificulta a percepción dos detalles. O personaxe central é máis alto, vestido con roupas ata os pes e unha especie de capa para a chuvia, levanta a man dereita en actitude de bendicir co dedo maimiño e o anular dobrados ao tempo que sostén na man esquerda sostén un báculo. Semella non ter barba. A súa dereita outro personaxe con vestido ata os pes e mangas longas co brazo dereito dobrado cara o peito portando na man unha cruz latina. a esquerda da figura central outro personaxe con vestimenta similar á do personaxe da dereita apoia sobre o peito coa man dereita un libro pechado a vez que a súa man esquerda descansa apoiada no corpo lixeiramente flexionada.

E unha obra tecnicamente moi basta ademais da forte erosión que presenta o conxunto impide apreciar máis detalles. Semella representar a un bispo acompañado por dous acólitos que portan os instrumentos necesarios para unha bendición.

Outras imaxes da igrexaEditar

NotasEditar

  1. Ángel del Castillo. Inventario monumental y artístico de Galicia (1972). A Coruña. Prego nº 264.
  2. O fuste deste capitel está partido.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza, páx 177-178. ISBN 84-300-0847-0. 

Outros artigosEditar