Hixía (mitoloxía)

Na mitoloxía grega, Hixía (en grego antigo Υγιεία Jai-Yia ou Υγεία Hygeía, ‘saúde’), filla de Asclepio e Lampecia, irmá de Telésforo, Yaso e Panacea, era a deusa da curación, a limpeza e a sanidade (posteriormente, tamén da lúa), mentres que o seu pai estaba relacionado coa medicina. Do seu nome provén a palabra «hixiene». O seu equivalente na mitoloxía romana é Salus.

Hixía.

Adquiriu significado propio ao redor do século V a. C., pois até entón era un epíteto máis de Atenea.

Aínda que Hixía fora obxecto dun culto local desde polo menos o século VII a. C., non empezou a ser coñecida fóra deste ata que o Oráculo de Delfos a recoñeceu tras as pragas que devastaron Atenas entre os anos 429 e 427 a. C. e Roma no 293 a. C. Os seus templos principais estaban en Epidauro, Corinto, Cos e Pérgamo.

Pausanias sinalou que no asclepión de Titane en Sición (fundado por Alexanor, neto de Asclepio) as estatuas de Hixía se cubrían con cabelos de mulleres e pezas de vestir babilónicas. Segundo algunhas inscricións, estas mesmas ofrendas eran realizadas en Paros.

Arifrón de Sición, un artista sicionio do século IV a. C., escribiu un famoso himno en honra de Hixía. Existe, tamén, un himno órfico dedicado á deusa. Artistas como Escopas, Briaxis e Timoteo, entre outros, esculpiron estatuas da deusa.

Era representada frecuentemente como unha muller nova de pé, coroada cunha rama de loureiro, vestida cunha túnica lixeira e alimentando unha gran serpe enroscada ao redor do seu corpo que bebía dunha copa que portaba Hixía. Estes atributos foron adoptados máis tarde pola deusa da curación galo-romana, Sirona. Ás veces era acompañada polo seu irmán, Telésforo.

O pentáculo "Hugieia" (ύγιεία: saúde) era utilizado para enviar saúdos entre os pitagóricos.[1]

Galería editar

Notas editar

  1. Allman. Greek Geometry from Thales to Euclid. Hodges, Figgis, & Co. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes editar

Outros artigos editar