Historia de Berlín

A historia urbana de Berlín ten as súas orixes nos primeiros poboados nas chairas entre os ríos Oder e o Elba, onde dous afluentes deste, o Spree e o Havel, encadean os seus cursos. Hai probas que testemuñan a presenza humana dende o 60.000 aC. No século VI aC tribos xermánicas (suevos procedentes do Báltico entre elas) asentáronse na rexión e alí permaneceron ata o século IV e V en que comezaron a súa romaxe cara ao sur (Suabia no suroeste da Alemaña actual, e un grupo mesmo ata Galicia onde fundaron o primeiro reino medieval).

Berlín en 1785, de Johann Georg Rosenberg.

Primeiras cidadelas eslavas editar

 
A rexión de Berlín en 1150.

No seu lugar, dende o século VI, viñeron a establecerse progresivamente nos vales do Spree e o Havel os eslavos que no século VIII fundan os primeiros asentamentos permanentes: Cöpenick (720) e Spandau (750), cada un nun extremo (leste e oeste respectivamente) do concello moderno. Ámbolos dous seica coma cidadelas sobor de illas fluviais, na confluencia do Spree no Havel a de Spandau, e do Spree cun terceiro afluente a de Köpenick. E ámbalas dúas convertéronse en castelos altomedievais cun burgo ao seu carón [1][2].

Fundación na Marca de Brandeburgo editar

 
Berlín e Cölln arredor de 1230.

En 1157 os saxóns derrotan finalmente os eslavos e Alberte I o Oso convértese no primeiro Margrave da Marca de Brandeburgo do Sacro Imperio. Os seus sucesores implementan unha intelixente política de asentamentos (apoiados con fundacións relixiosas do císter ou do temple) para estabilizaren e aseguraren a fronteira. Así aparecen documentados entre outros os de Cölln en 1237 e Berlín en 1244 (probablemente fundados en 1170 e 1200 respectivamente).

Dous poboamentos xemelgos a beira do Spree (seica tamén sobor anteriores aldeas eslavas), a metade de camiño entre Spandau e Köpenick, defendendo un vao (Mühlendamm) facilitado pola presenza dunha illa (onde se asentou Cölln, pobo de pescadores, emigrados moitos dende Colonia e por iso o nome, en torno a igrexa e praza de S.Pedro); na ourela norte do río disponse Berlín arredor dunha praza de mercado coa igrexa de San Nicolás (1220-30).

O lugar prospera, prevalecendo sobor Spandau ou Köpenick, ao se converter en encrucillada das rutas comerciais na rexión polo apoio concedido mediante dereitos e prebendas fiscais dos margraves Johann I e Otón III, verdadeiros creadores da vila.

En 1307 vese a conveniencia da fusión das dúas poboacións nunha soa cidade dobre, mantendo certa independencia. Para entón Berlín conta cun novo mercado a carón da Marienkirche (1270), nunha expansión ao noroeste que duplicou a súa superficie. Unha segunda ponte (Lange Brücke) constrúese sobor do Spree e o conxunto arrodéase de murallas con fosos (1250-90) [3].

Fin da autonomía comercial editar

 
Mapa de Berlín e Cölln, 1652.

O século XIV viu o ascenso de Berlín no liderado dos concellos de Brandeburgo pola súa autonomía fronte ao poder dos margraves. A metade do mesmo, as cidades xemelgas pertencen a Liga Hanseática o que fortalece a súa posición.

No entanto, coa chegada dos Hohenzollern ao goberno da marca en 1415, os margraves (xa príncipes electores) van residir na cidade erixindo un castelo xunto ao Spree (Berliner Stadtschloss en Cölln a carón da Lange Brücke, 1443-51 [4][5]). Suporá a fin da autonomía burguesa e comercial (abandono da Hansa).

Elixida a cidade coma residencia permanente, o príncipe Joachin II decide demoler o vello castelo e construír un pazo renacentista no seu lugar (1538 [6][7]). Os sucesores farán diversas ampliacións no curso da segunda metade do século XVI e todo o XVII [8].

Capital prusiana editar

Trala devastación da Guerra dos Trinta Anos (perda dun terzo das casas e a metade da poboación), o Grande Elector Frederico Guillerme I emprende unha ampla tarefa de recuperación e engrandecemento animando a inmigración amparada na tolerancia relixiosa. Para os novos habitantes (hugonotes franceses ou xudeus) créanse novos barrios (Neu Cölln e Friedrichswerder arredor da vella Cölln, 1659). O conxunto péchase cun novo recinto defensivo de bastións (1658-83).

 
Vista de Berlín coas novas murallas e máis os comezos da Unter den Linden, Schultz 1688.
 
Plano de Berlín, 1688: expansión ao oeste.

A expansión resultou insuficiente e o oeste semellaba a mellor opción para continuala fóra das murallas (chaira de Teltow). Ademais, dende o século XVI un camiño levaba do pazo aos terreos de caza dos príncipes (Tiergarten). Frederico Guillerme transformárao en 1647 na primeira grande avenida da súa capital, Unter den Linden ("baixo os tilos", un bulevar aínda que de inspiración holandesa). Así converteuse no eixo do crecemento de Berlín: en 1673, novo barrio de Dorotheenstadt e xa en tempos de Frederico I (primeiro rei de Prusia), o gran barrio burgués e futuro centro da capital prusiana, Friedrichstadt (1688-1734).

 
Berlín, 1710; Friedrichstadt no SO

Como o anterior de traza ortogonal, amplas rúas (Friedrichstrasse, principal eixo norte-sur perpendicular a Unter den Linden) e fachadas uniformes, vai contar nunha praza de mercado con dúas igrexas xemelgas (francesa para os hugonotes e alemá para o rito luterano) que cos engadidos posteriores se convertera en estampa típica da cidade [9].

O novo rei proclama un novo status para Berlín: a partir de 1710 será a Capital Real unificando finalmente as seis cidades anteriores (xa con 60.000h de 6.000h en 1661). Consonte co rango adquirido manda erixir un novo pazo sobre o vello complexo na illa de Cölln (Pazo Real de Andreas Schlüter ampliado ao longo do século [10]) coma centro visual do conxunto urbano (unha estatua ecuestre do seu pai, o Grande Elector, alzouse sobor da Lange Brücke á maneira do Pont Neuf de París). Así mesmo, unha coroa de pazos de campo arrodeaba a cidade (vg. Charlottenburg, ao oeste na ribeira do Spree).

No resto do século XVIII os seus sucesores, Frederico Guillerme I (o Rei Soldado) e Frederico II o Grande, irán enriquecendo este organismo. As murallas do Grande Elector son derrubadas e unha nova cerca (1737, en pedra 1786) abarca todo o conxunto cos suburbios que creceran ao norte, leste e sur. Xunto as entradas máis importantes vanse erixir prazas e portas monumentais [11]. Así a neoclásica Porta de Brandeburgo (K.Langhans 1793, coma arco triunfal para Frederico o Grande [12]) fronte ao Tiergarten no final da Unter den Linden (Pariser Platz) , e o lugar da futura Postdamer Platz (ante a Postdamer Thor e a octogonal Leipziger Platz).

Século XIX: Embelecemento e industrialización editar

Trala breve ocupación napoleónica, Berlín vai experimentar un forte crecemento ao se converter no centro económico e industrial prusiano. O ferrocarril a partir de 1838 axudará a todo isto (primeira estación en Postdamer Platz). Grandes continxentes de inmigración do rural arriban de todo o reino (170.000 habitantes en 1800; 420.000 en 1850; 826.000 en 1870; 1 122 000 en 1880).

A futura metrópole (a cuarta de Europa tras Londres, París e San Petersburgo) vaise prover das institucións, equipamentos culturais e monumentos representativos propios dunha gran capital burguesa e a figura do arquitecto Karl Friedrich Schinkel sobresae na tarefa.

 
Plano do centro de Berlín, 1846
 
Centro monumental de Berlín, 1850

Xa dende a época de Frederico o Grande a área que ocupaban as murallas no primeiro treito da Unter den Linden foise planificando con grandes conxuntos, expresión da magnificencia real. Así a Zeughaus (Arsenal), a despois Ópera do Estado e diferentes residencias dos soberanos que ficaron sendo a Universidade Humboldt, Academia de Artes e Bibliotecas Reais. A estatua ecuestre de Frederico pechaba o conxunto onde comezaba o treito xa existente baixo os tileiros [13][14].

Schinkel encargouse de abrir a grande avenida cunha nova Ponte do Castelo de unión coa praza norte do Pazo Real, e construíu a exquisita Neue Wache (Novo Corpo de Garda, 1818 [15]) entre a Zeughaus e a universidade. Ademais, nas proximidades, a igrexa de Friedrichswerder e a Academia de Arquitectura (1835, de estilo radical e precursor da modernidade). Na antedita praza onde estaban os xardíns do Pazo (Lustgarten) e fronte ao mesmo, erixe o Altes Museum, que dará inicio a un dos conxuntos museísticos máis importantes do mundo (Illa dos Museos). Finalmente, completará a enriba mencionada praza das dúas igrexas xemelgas (Gendarmenmarkt) co edificio entrambas do Gran Teatro da Ópera [16].

Capital Imperial editar

En 1871, após a unificación de Alemaña, o chanceler prusiano Otto von Bismarck proclama o Imperio Alemán con capital en Berlín.

O enorme crecemento de poboación continuou todo o século (extensión do municipio absorbendo os lindeiros en 1861; case dous millóns de habitantes no cambio de centuria) empeorando o problema habitacional. En 1862, o Plan Hobrecht [17] tentara darlle solución mediante un vasto programa especulativo arredor da cidade consolidada na cerca de 1786. O trazado de eixos radiais e grandes arterias periféricas (dun plan anterior de Lenné e inspiradas no París de Haussmann) con parques permitían, no entanto, a ocupación intensiva das mazás, o que deu lugar a unha heteroxénea densificación do tecido urbano (Mietskasernen, especialmente nos barrios industriais do norte, leste ou Kreuzberg ao sur de Friedrichstadt[18]). O plan atinxía tamén as infraestruturas básicas (augas, sumidoiros) e de transporte (Canle Landwehr polo sur aliviando o Spree, ferrocarrís urbanos e metropolitano, U-Bahn, a partir de 1896).

Entre os numerosos edificios e monumentos dun eclecticismo grandilocuente que se erixen nesta época, a Rotes Rathaus (novo concello, 1869), a Catedral de Berlín pechando a praza do Lustgarten e, sobre todo, o Reichstag (1894) a carón da Porta de Brandeburgo, entre o parque do Tiergarten e o Spree [19]. Xustamente a expansión residencial burguesa produciuse máis alá do parque, cara a Charlottenburgo con outro antigo camiño de caza dos príncipes electores que Bismarck se encargou de converter en gran bulevar (1876, 53m), a Kurfürstendamm [20].

O Gran Berlín da República de Weimar editar

No primeiro terzo do século XX a poboación de Berlín duplicouse acadando máis de catro millóns de habitantes e converténdose no maior centro industrial do continente e nunha das grandes metrópoles do mundo. Trala derrota do imperio na primeira guerra mundial instáurase a república e a capital vai vivir unha época de fervenza intelectual, artística e cultural de primeira orde (Grosz, A. Döblin, W. Benjamin, Jung; Fritz Lang, Murnau e Marlene Dietrich; Bertol Brecht e Kurt Weill; Einstein e Von Braun).

No terreo da arquitectura, Peter Behrens deseña en 1909 a fábrica de turbinas da AEG (ao nordés do Pazo de Charlottenburgo [21]) que marca o preludio do Movemento Moderno (os seus alumnos Walter Gropius na Bauhaus, Mies van der Rohe e mesmo Le Corbusier desenvolvérono nas décadas seguintes). Con outros nomes relevantes coma os de Bruno Taut, E. Mendelsohn, H. Poelzig ou Hans Scharoun tentarán construír unha nova idea de cidade a través dunha nova arquitectura. Así, como alternativa as Mietskasernen, propoñen unha vivenda social máis humana e funcional co exemplo das Siedlungen [22].

En 1920 instituíuse o Gran Berlín (892 km²) mediante anexións de concellos veciños, os antigos Spandau e Köpenick entre eles, configurándose a municipalidade actual [23]. Quizais o corazón deste enorme organismo nesta época buliciosa fora a Alexanderplatz. Un mercado de gando no s.XVIII nos arrabaldes do nordés, xusto fóra de murallas, transformouse, debido ao gran crecemento daqueles no XIX e comezos do XX (Plan Hobrecht), en centro de transportes metropolitanos da capital e da súa man, en centro comercial con tres grandes almacéns e da vida nocturna[24][25]. Un plan de M. Wagner en 1929 para homoxeneizar a praza soamente puido levarse adiante en parte segundo o proxecto de P. Behrens [26][27].

Soño nazi dunha capital mundial editar

A queima do Reichstag en 1933 simbolizou a fin do réxime de liberdades co ascenso do nazismo ao poder. Para a capital do Terceiro Reich, Adolf Hitler persoalmente xunto ao arquitecto Albert Speer elaboraron un plan megalómano (Germania Welthauptstadt, "Xermania Capital do Mundo" [28]). O eixo transversal leste-oeste [29][30], continuación de Unter den Linden a través do Tiergarten ata o Estadio Olímpico (1936) e o aeroporto de Tempelhof no sur son os únicos vestixios.

Ruína e Muro: a cidade dividida editar

Trala segunda guerra mundial Berlín fica virtualmente en ruínas (50% dos edificios do centro destruídos; de 4,4 millóns de habitantes a 2,8). Coma unha ironía da historia, en 1949, a cidade que naceu dobre é dividida oficialmente en dous sectores: Berlín Leste coma capital da República Democrática Alemá, e Berlín Oeste coma enclave da República Federal. En 1961 as tensións entre os dous bloques, soviético e aliado, que apoiaban a cada sector rematan coa construción dun muro divisorio, o Muro de Berlín [31], que deixa illado o occidental, provocando unha nova perda de poboación.

 
Karl-Marx-Allee: o tramo de 1951 coa arquitectura stalinista.

Berlín Oriental contiña a cidade histórica e comeza a reconstrución e desenvolvemento co centro na Alexanderplatz. O plan inicial de Hans Scharoun (1946) de aproveitar o desastre para facer unha nova cidade segundo os presupostos do Movemento Moderno quedará truncado pola división da urbe e terminará impoñéndose a maneira stalinista de entender arquitectura e urbanismo. Un "gran bulevar socialista" ao leste, a Stalinallee (1951 [32] e 1958 [33], 90m, despois Karl-Marx-Allee [34]) e posteriormente outra grande avenida cara ao norte (Karl-Liebknecht-Strasse e Prenzlauer Allee), ambas as arterias partindo da Alexanderplatz que se reconfigurou cuadriplicando a súa superficie (1969), foron o resultado [35]. Un gran rañaceos central non chegou a definirse e no seu lugar erixiuse a torre da televisión (Fernsehturm 1969, 365m). No canto do Pazo Real (símbolo do poder absolutista prusiano, que non se reconstrúe) decidiuse levantar un vasto centro cultural, o Pazo da República (1976).

Berlín Occidental, sen ningunha capacidade industrial, absolutamente subvencionada pola RFA, configúrase arredor da Kurfürstendamm. A falta dalgúns equipamentos e institucións da cidade histórica debe proverse delas duplicando aquelas. Así nace a Universidade Libre de Berlín (1948), a Technische Universität no extremo oeste do Tiergarten, outra sala de ópera (Deutsche Oper) e o conxunto do Kulturforum nas inmediacións do muro na Postdamer Platz [36] con, entre outras dotacións, a Filharmónica de Berlín (Berliner Philharmonie, Hans Scharoun 1963) xunto a nova Biblioteca do Estado do mesmo arquitecto (1967-78) e a Neue Nationalgalerie (1968) de Mies van der Rohe [37].

Capital da Alemaña reunificada editar

En 1989, a simbólica caída do muro arrastrou ao ano seguinte a reunificación de Alemaña e con ela a da cidade, recuperando deseguido, en 1991, o status de capital, agora federal, da nación.

Un dos plans urbanos máis ambiciosos do noso tempo foi deseñado para que Berlín recuperase o seu pasado esplendor entre as grandes metrópoles europeas. Coma proxectos máis sinalados: xa executada unha faixa administrativa no meandro do Spree ao norte do Reichstag coa nova estación central [38]; a Postadamer Platz coma novo centro comercial e de negocios tamén realizado [39] (en execución a Leipziger Platz [40]); en vías de realización unha Alexanderplatz que recupera a súa escala e traza orixinais, rodeada de rañaceos nas grandes avenidas perimetrais, e un tecido máis denso no primeiro tramo da Karl-Marx-Allee [41]; e o novo Foro Humboldt para o que se vai reconstruír o Pazo Real [42][43].

Notas editar

  1. Evolución de Köpenick no medievo
  2. Esquema do asentamento eslavo de Spandau na illa do Havel coa cidadela [1] Arquivado 23 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
  3. Excelente páxina sobre Berlín arredor de 1300
  4. Reconstrución do primitivo Castelo Hohenzollern, Geyer[Ligazón morta]
  5. Outra reconstrución posible?[Ligazón morta]
  6. "Planta do pazo renacentista dos Hohenzollern, 1538". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2012. Consultado o 26 de marzo de 2010. 
  7. Vista de época do pazo dende a Lange Brücke[Ligazón morta]
  8. Perspectiva do conxunto palaciano, 1685
  9. "Gravado de 1800 coa perspectiva da Gendarmenmarkt". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 07 de abril de 2010. 
  10. Vista de 1781 (J.Rosenberg) da fachada principal do novo Pazo Real dende a Lange Brücke
    coa estatua ecuestre do Grande Elector
    [2]
  11. "Planta de Berlín, Schneider 1798". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2011. Consultado o 07 de abril de 2010. 
  12. Panorámica coa Porta de Brandeburgo abrindo a cidade
  13. Vista do comezo da Unter den Linden co Pazo Real ao fondo, E.Gaetner [3] Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  14. Vista de época da Unter den Linden: a Opera Real e a Biblioteca; ao fondo os tilos [4] Arquivado 20 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  15. Neue Wache coa Zeughaus ao fondo dende a Opera Real en primeiro termo [5][Ligazón morta]
  16. O Schauspielhaus (hoxe Koncerthaus) entre as Igrexas Francesa e Alemá. [6] Arquivado 01 de abril de 2013 en Wayback Machine.
  17. Plan Hobrecht, 1862[Ligazón morta]
  18. "Exemplo de Mietskasernen berlinesa". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 12 de abril de 2010. 
  19. Panorámica de Berlín en 1900: O Reichstag en primeiro plano e a Catedral ao fondo
    entre o Pazo Real e a Illa dos Museos
    [7]
  20. Mapa do oeste de Berlín coa Kurfürstendamm, 1894[Ligazón morta]
  21. "Vista da Fábrica de Turbinas AEG, P.Behrens". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 12 de abril de 2010. 
  22. "Siedlung Siemensstadt: H.Scharoun, W.Gropius e outros 1929-34". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2011. Consultado o 13 de abril de 2010. 
  23. Gran Berlín: zonificación 1925[Ligazón morta]
  24. Espléndida vista aérea do centro de Berlín en 1920 coa Alexanderplatz destacada [8][Ligazón morta]
  25. Esquema da época co intercambiador de transportes da Alexanderplatz [9]
  26. "Plan de M.Wagner para a Alexanderplatz, 1929". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2008. Consultado o 15 de abril de 2010. 
  27. Alexanderplatz con parte do deseño de P.Behrens[Ligazón morta]
  28. "Páxina en alemán co proxecto Germania". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2008. Consultado o 15 de abril de 2010. 
  29. "Foto aérea do Eixo Leste-Oeste, 1943". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2012. Consultado o 21 de xullo de 2012. 
  30. Foto do Eixo Leste-Oeste no Tiergarten coa Siegessäule (Columna da Victoria prusiana), 1939 [10] Arquivado 11 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  31. "Páxina con información detallada do Muro de Berlín". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2010. Consultado o 19 de abril de 2010. 
  32. Páxina con infografía completa da primeira fase realizada da Stalinallee (Karl-Marx-Allee),
    a do clasicismo retórico stalinista
    [11] Arquivado 18 de novembro de 2013 en Wayback Machine.
  33. Primeiro tramo da Stalinallee (segundo en realizarse, 1958) partindo da Alexanderplatz;
    pertencente a etapa do produtivismo soviético, xa en bloques de prefabricación estandarizada con zonas verdes
    [12] Arquivado 06 de decembro de 2008 en Wayback Machine.
  34. Vista aérea moderna da Karl-Marx-Allee cara ao centro da cidade; ao fondo Unter den Linden e o Tiergarten [13] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  35. Alexanderplatz despois da reconfiguración socialista (1973): A dereita o tramo da Stalinallee de 1958,
    no fondo o comezo do tramo de 1951; á esquerda cara ao norte a Karl-Liebknecht-Strasse.
    [14] Arquivado 02 de decembro de 2008 en Wayback Machine.
  36. Vista xeral do Kulturforum en construción en 1969: ao fondo a terra de ninguén xunto ao muro e ante a Postdamer Platz;
    a esquerda o Tiergarten
    [15][Ligazón morta]
  37. "Neue Nationalgallerie (embaixo) e Philarmonie". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2012. Consultado o 11 de xullo de 2012. 
  38. Vista satelital do conxunto administrativo no meandro do Spree
  39. "Postdamer Platz e Kulturforum detrás". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2009. Consultado o 20 de abril de 2010. 
  40. "Plan do conxunto Postdamer Platz-Leipziger Platz". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2008. Consultado o 20 de abril de 2010. 
  41. "A futura Alexanderplatz e o seu contorno". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2009. Consultado o 20 de abril de 2010. 
  42. "Un proxecto para o Foro Humboldt no reconstruído Pazo Real". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 21 de abril de 2010. 
  43. Posible recuperación do trazado do Berlín medieval fronte ao Pazo Real [16] Arquivado 03 de marzo de 2012 en Wayback Machine.