Henrique López Veiga
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Henrique López Veiga,[1] noutras fontes Enrique César López Veiga,[2] nado na Coruña o 1 de febreiro de 1947,[3] é un biólogo e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de febreiro de 1947 (77 anos) A Coruña, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, biólogo |
Traxectoria
editarEstudou bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou, e axiña entrou a traballar no sector pesqueiro e da investigación, e dende 1972 a 1978 realizou tarefas de pescuda no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. Así, cursou en paralelo a carreira de economía en Suráfrica (1978). Foi nomeado secretario técnico da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, e a partir de 1982 foi o seu director.
En agosto de 1987 aprobou unhas oposicións para a Comisión Europea e ocupou diversos empregos na Dirección Xeral de Pesca e na de Mercados e Recursos Externos, onde acadou o posto de xefe de división de Estruturas da Pesca.
Aínda que membro do Partido Popular Galego (1976) de Xaime Illa Couto e, máis tarde, do Partido Galeguista durante a transición, afiliouse posteriormente ao Partido Popular de Galicia. Manuel Fraga Iribarne nomeouno conselleiro de Pesca (1990-1993). Dende este cargo, asumiu a tarefa de regulación do sector mediante a Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros e a Lei 6/1993, de 11 de maio de Pesca de Galicia. Impulsou o Centro de Control do Medio Mariño, adicado dende 1992 ao control da calidade das augas destinadas a produtos do mar para o consumo humano, o Servizo de Salvamento marítimo SOS Galicia, creado en 1991.[4] e un seguro colectivo de accidentes no mar.
Á súa saída da Xunta, traballou na dirección xeral de Política de Competencia da Unión Europea, foi xefe de gabinete de José María Gil-Robles y Gil-Delgado na súa época de presidente do Parlamento Europeo e director xeral de finanzas do Parlamento Europeo (1998-2001). Nese ano volveu a Galicia e ocupou de novo o cargo de conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos entre 2001 e 2005. Durante esta segunda etapa como conselleiro traballou nun plan de modernización da frota de baixura, no fomento da profesionalización do marisqueo, na innovación tecnolóxica do sector conserveiro e no apoio a industria transformadora, así como na informatización das lonxas e no impulso ao Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) para o estudo da dinámica dos ecosistemas en colaboración con diversas entidades do Estado e as tres universidades galegas.[5] Elaborou un Plan sectorial de Acuicultura moi discutido polas súas incidencias medioambientais e paisaxísticas[6] Foi o responsable de pesca durante a crise do Prestige.
Tras a retirada de Manuel Fraga anunciou a súa candidatura á presidencia do PPdeG defendendo unha maior democratización do partido e unha aproximación ao centro liberal aínda que finalmente non acadou os apoios necesarios para competir pola secretaría. Foi voceiro de asuntos europeos do PPdeG. O 12 de xuño de 2012 foi elixido polo pleno do Parlamento de Galicia como senador por designación autonómica. Foi presidente da Autoridade Portuaria de Vigo de 2015 a 2020.
Obras
editar- Manual de política pesqueira (2000)
- A batalla de Cavite (2002)
- Desde el Centro de Galicia (2004)
Recoñecementos
editarRecibiu a Medalla de Prata de Galicia en 1994.
Notas
editar- ↑ Toma de posesión de Henrique López Veiga, novo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura Arquivado 29 de maio de 2019 en Wayback Machine., na páxina web da TVG
- ↑ Ficha no Senado(en castelán)
- ↑ Barrera, Feliciano, ed. (2002). "López Veiga, Enrique César". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 338. ISBN 84-8064-113-4.
- ↑ Galicia 2003, Xunta de Galicia, pp 407 e 409. ISBN 84-453-3459-X
- ↑ Galicia 2003, opus cit. pp 400 e ss
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2009. Consultado o 14 de agosto de 2010.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar
Predecesor: Xosé Henrique Rodríguez Peña |
conselleiro de Pesca 1990-1993 |
Sucesor: Xoán Caamaño |
Predecesor: Amancio Landín Jaraiz |
conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos 2001-2005 |
Sucesor: Carmen Gallego |
Predecesor: Ignacio López-Chaves |
Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo 2015-2020 |
Sucesor: Jesús Vázquez Almuíña |