O Haven foi un superpetroleiro chipriota que se incendiou o 11 de abril de 1991 fronte ó porto de Xénova (Italia) para afundir o día 14. Causou unha marea negra que afectou a costa italiana de Liguria e a Costa Azul francesa, ata Hyères.

Restos do casco afundido do Haven.

DescriciónEditar

Tratábase dun superpetroleiro do tipo VLCC (Very Large Crude Carrier), construído en 1973 por Astilleros Españoles en Cádiz. Navegou orixinalmente baixo o nome de Amoco Milford Haven (tamén coñecido como M/C Amoco Milford Haven ou, abreviado, M/C Haven), cando era propiedade da multinacional Amoco. Tiña unhas dimensións de 344 m de eslora, 51 m de manga e 28 m de calado. A súa capacidade era de 267.500 tn de desprazamento e contaba con 36 tripulantes. No momento do accidente transportaba unha carga de 144.000 toneladas de petróleo cru.

O propietario do buque no momento do accidente era a empresa Venha Maritime Company e o armador a sociedade Troodos Shipping. Navegou baixo bandeira de Liberia ata 1985 para pasar, desde esa data, a facelo baixo bandeira de Chipre.

En 1988 foi alcanzado por un mísil Exocet disparado desde un buque de guerra iraniano, mentres navegaba polo Golfo Pérsico, o que provocou serios danos ó casco. Foi sometido ás necesarias reparacións en Singapur, entre 1988 e 1990. Unha vez reparado fixo unha única viaxe, que rematou no afundimento.

Varios irmáns do Haven sofriran un fin similar: o Amoco Cadiz, que afundiu o 16 de marzo de 1978 fronte Bretaña (Francia); o Maria Alejandra, que explotou o 11 de marzo de 1980 fronte a costa de Mauritania; e o Mikenes, que tamén explotou o 3 de abril de 1980, fronte á costa de Serra Leoa.

AccidenteEditar

O Haven estaba chegando a Xénova para descargar no porto de Multedo, e tivo que quedar á espera para poder entrar no porto, a unhas 6 millas da costa.

Ás 12.30 horas do 11 de abril de 1991, o petroleiro sofre unha explosión mentres se realizaba unha transferencia da carga desde os depósitos de proa ós centrais. A explosión é de tal potencia que levanta a cuberta da proa e foi seguida dun violento incendio. Durante a noite, o barco é arrastrado por varios remolcadores lonxe da costa, ata unha zona situada entre Cogoleto e Arenzano, pero durante este remolque rompe o casco, debilitado polas explosións, separándose a proa. Esta parte, duns 95 m de lonxitude, afundiu a 470 m de profundidade (44°16′22.42″ N 08°41′18.83″ E).

Na mañá do día 13, novas explosións sacudiron os restos do barco, probablemente debido a un sobrequentamento dos tanques que aínda non arderan. Por fin, ás 9:30 do 14 de abril, unha nova explosión provocou o afundimento, a unha milla e media do porto de Arenzano, a unha profundidade de 80 metros (44°22′25.75″ N 08°41′59.58″ E).

Impacto medioambientalEditar

O primeiro vertido, estimada nunhas 80.000 toneladas, formou unha ampla mancha de 12x4 km aproximadamente, que termina chegando á costa de Liguria e que despois é arrastrada cara a Costa Azul francesa. A marea negra afectou un total de 110 km de costa sen que os buques anticontaminación puidesen evitalo.

Das 144.000 toneladas de carga, arderon ó redor de 90.000 toneladas, ademais do propio combustible do barco.

 
Detalle dos restos do barco: escalera de popa.

En 1998 alcanzouse un acordo entre o FIDAC (Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á contaminación por hidrocarburos), o armador e o a aseguradora chegan a un acordo definitivo. O goberno italiano promulgou a chamada Lei Haven (xullo de 1998) que permitiu fixar as indemnizacións en 117,6 millardos de liras, das que 70 son abonados polo FIDAC e 47,6 pola compañía aseguradora.

Na actualidade pódense visitar os restos do barco mediante técnicas de mergullo recreativo ou profesional, no que se converteu no maior naufraxio visitable do Mediterráneo e un dos meirandes do mundo. O pecio xa está completamente colonizado por unha rica fauna bentonica. A popa elévase ata unha profundidade de 36 metros, o nivel ó que se cortou a cheminea por representar un perigo para a navegación.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar