Hórreo tipo Mahía

O hórreo tipo Mahía é un tipo de hórreo galego que se presenta ao longo dunha ampla e irregular área entre as provincias da Coruña e Pontevedra, delimitada por unha liña que, aproximadamente, une Rianxo, Negreira, Santa Comba, Ordes, Palas de Rei, segue o río Ulla, sobe polo río Deza ata Silleda, A Estrada, Caldas de Reis, Cuntis e Catoira. A zona norte desta área superponse coa do hórreo tipo Carral, polo leste co tipo O Pino, polo suroeste co tipo Noia e, en xeral, convive con outras tipoloxías.[1]

Hórreo tipo Mahía en Laíño (Dodro).

Características editar

Morfoloxía editar

É un hórreo de cámara rectangular, longo e estreito. A suspensión ten pouca altura, e cando se desexa aumentar a elevación da cámara constrúense sobre un zócolo. A suspensión resólvese sobre cepas, con frecuencia perfiladas con forma de vasos ou de furnas. Con frecuencia carece de rateiras, a súa función é desempeñada polo voado das lastras do chan da cámara.

Os penais son prolongación das cepas dos extremos. Entre os perpiaños dos penais déixanse rañuras horizontais para a ventilación da cámara. Os costais son de bastidores de madeira con doelas verticais cunha ou dúas faixas. Divídense en tramos por medio de cambetas de pedra colocadas por parellas sobre as cepas.

O tellado é de tella cerámica curva a dúas augas con pouco beiril. Remata contra os pinches dos penais baixo as sobrepenas. Con frecuencia non leva terminais.

Construción editar

As cepas poden ser de cantería, pero é máis habitual atopalas de cachotería. Sobre elas pousan as lastras de granito ou, excepcionalmente, trabes de madeira non moi longas que soportan o chan de madeira. Os bastidores dos costais descansan sobre as trabes ou as lastras formando paneis lixeiros estruturalmente autónomos.

Notas editar

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar