Gregorio II Yusif
Gregorio II Yusif, ou Gregorio II Yusif-Sayur (en árabe: غوريغوريوس الثاني يوسف – سيَور), nado o 17 de outubro de 1823 e finado o 13 de xullo de 1897, foi un relixioso e bispo católico, Patriarca da Igrexa Católica Greco-Melquita entre 1864 e 1897. Gregorio modernizou dita Igrexa particular e as súas institucións[1] e participou no Concilio Vaticano Primeiro, en representación das igrexas católicas orientais.
Nome orixinal | (ar) حنا يوسف سيور |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de outubro de 1823 Roseta, Exipto (pt) |
Morte | 13 de xullo de 1897 (73 anos) Damasco, Siria |
Bispo diocesano | |
1 de outubro de 1864 – ← Clemente I Bahuz – Peter IV Geraigiry (en) → Diocese: Melkite Catholic Archeparchy of Damascus (en) | |
Bispo diocesano | |
13 de novembro de 1856 – ← Clemente I Bahuz – Agapio Dumani (en) → Diocese: Melkite Greek Catholic Archeparchy of Akka (en) | |
Patriarca católico grego melquita | |
Patriarca | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1856–), sacerdote católico (1854–), sacerdote católico |
Período de actividade | (Con vida en: século XIX ) |
Consagración | Clemente I Bahuz |
Primeiros anos, presbiterado e episcopado
editarHana Yusif-Sayur naceu o 17 de outubro de 1823[2] en Rosetta, preto de Alexandría, Exipto. En 1840, cando tiña 16 anos, entrou na Orde Basiliana do Santísimo Salvador. En 1844 comezou a estudar no seminario xesuíta de Kesrouane, na cordilleira do Líbano. Entre 1847 e 1856 Yusif estudou filosofía e teoloxía no colexio Pontifical Bizantino de San Atanasio, en Roma, onde foi ordenado sacerdote o 11 de xuño de 1854. De volta a Oriente Medio, foi elixido polo patriarca Clemente I Bahuz para ocupar a sé episcopal de Acre e Galilea (a arquieparquía de Akka).[3] Recibiu a consagración episcopal o 13 de novembro de 1856 de mans do patriarca Clemente I.[4]
Durante o seu episcopado Yusif tivo que facer fronte a tres asuntos de importancia: o descontento dentro da Igrexa melquita pola introdución do calendario gregoriano por parte de Clemente I, un cisma de curta duración apoiado pola Igrexa ortodoxa rusa e unha división dentro da orde basiliana. Yusif permaneceu neutral no tocante ao calendario, mais combateu enerxicamente o cisma.[5]
Patriarcado
editarOs conflitos na Igrexa melquita medraron e en 1864 Clemente I Bahuz pediu a Roma abdicar do seu cargo e elixir a Yusif como sucesor. Roma autorizou a súa renuncia, e convocouse un sínodo episcopal para o 24 de setembro de 1864. No sínodo Clemente anunciou a súa renuncia e o sínodo elixiu a Yusif como patriarca o 29 de setembro de 1864. Yusif tomou o nome de Gregorio e foi confirmado polo papa Pío IX o 27 de marzo de 1865.
Unha vez elixido patriarca, Gregorio II traballou para restaurar a paz na súa Igrexa e rematou con éxito co cisma. Tamén se centrou en mellorar as institucións eclesiásticas e fundou un Colexio Patriarcal en Beirut en 1865 e outro en Damasco en 1875, ademais de reabrir o seminario melquita de Ain Traz en 1866.[6] Tamén promoveu a creación do Seminario de Santa Ana (Xerusalén) polos Pais Brancos en 1882, para a formación do clero melquita.[7]
Logo do decreto Hatti Humayyouni do sultán Abdul Majid en 1856, as condicións dos cristiáns en Oriente Próximo melloraron. Isto permitiu a Gregorio promover con éxito unha maior participación dos laicos melquitas na administración e asuntos públicos da Igrexa. Tamén ocupouse da atención dos melquitas que emigraran a América, e en 1889 enviou ao pai Ibrahim Beshawate OSB a Nova York para ocuparse da comunidade alí presente.
Concilio Vaticano Primeiro
editarGregorio expuso a postura eclesiolóxica oriental no Concilio Vaticano Primeiro. En dous discursos que deu no concilio, o 19 de maio e o 14 de xuño de 1870, enfatizou a importancia de cinguirse ás decisións do Concilio de Florencia e de non innovar na formulación das normas referentes aos poderes do papa, especialmente coa infalibilidade papal.[8] Anticipou un impacto negativo que tería unha definición dogmática neste eido nas relacións coa Igrexa Ortodoxa e opúxose á súa definición como dogma polo Concilio. Falando no concilio o 19 de maio de 1870 dicía:
A Igrexa Oriental atribúe ao papa o maior e máis completo poder. Porén, faino dun xeito tal que a totalidade e a primacía están en harmonía cos dereitos das sés patriarcais. Isto é así porque, en virtude dun antigo dereito fundado en costumes, o Romano Pontífice non exerce sobre ditas sés, agás en casos especialmente significativos, a xurisdición inmediata e ordinaria que estamos a definir sen ningunha excepción. Esta definición destruiría completamente a constitución de toda a Igrexa bizantina. É por isto que a miña conciencia de pastor rexeita aceptar esta constitución.[9][10]
Gregorio refusou asinar a declaración dogmática do concilio sobre a infalibilidade papal ao considerala contraproducente de cara ao diálogo ecuménico. El, xunto con outros dous bispos melquitas (de 7 presentes), votaron non placet na congregación xeral e deixaron Roma antes da adopción da constitución dogmática Pastor Aeternus.
Relacións cos papas
editarLogo da finalización do concilio, a Santa Sé enviou emisarios para obter as sinaturas do patriarca e do resto da delegación melquita. A delegación asinou o texto, mais engadindo a cláusula empregada no Concilio de Florencia: "agás os dereitos e privilexios dos patriarcas orientais."[11] Por isto, segundo algúns historiadores, obtería a inimizade de Pío IX e na súa seguinte visita ao pontífice, Gregorio II tería sido tumbado no chan aos pés do papa pola Garda Suíza, e o papa tería amoestado ao patriarca co seu pé enriba da súa testa.[12] Porén, outros autores afirman que non hai evidencia disto.[13]
Á morte de Pío IX foi elixido papa León XIII, que publicou a encíclica Orientalium Dignitas en 1894 abordando algunhas das preocupacións das igrexas católicas orientais sobre a latinización litúrxica e sobre os poderes de Roma e na que o propio patriarca Gregorio II influíu. Ademais, o papa recoñeceu unha expansión da xurisdición do Patriarca melquita para incluír a todos os fieis melquitas do Imperio Otomán.
O patriarca Gregorio II finou o 13 de xullo de 1897 en Damasco, e foi sucedido por Barakat Géraigiry, que tomou o nome de Pedro IV.
Sucesión apostólica
editar- Artigo principal: Sucesión apostólica.
- Gregorio II Youssef (1856)
- Clemente I Bahuz (1836)
- Máximo III Maslum (1810)
- Agapio III Matar (1795)
- Cirilo VII Siaj (1763)
- Euthymius Fadel (1724)
- Néophytos Nasri (1722)
- Atanasio III Dabbas (1685)
- Leonce de Saidnaya (1671)
- Macario III Zaim (1635)
- Eutimio III de Chios
Notas
editar- ↑ Dick, Ignatios (2004). Sophia Press, ed. Melkites: Greek Orthodox and Greek Catholics of the Patriarchates of Antioch, Alexandria and Jerusalem. Boston. pp. 38–39.
- ↑ "Grégoire II Youssef". Consultado o 7 de xullo de 2013.
- ↑ Hajjar J. (1988). Letouzey et Ané, ed. Dictionnaire d'histoire et de géographie ecclésiastiques 22. París. pp. 53–59.
- ↑ "Consécrations Episcopales sous le pontificat du patriarche Clement Ier Bahous". Le Lien (3): 57. 1979.
- ↑ Korolevskij, Cyrille (1932). Letouzey et Ané, ed. Dictionnaire d'histoire et de géographie ecclésiastiques 6. París. pp. 232–235.
- ↑ Graham, James (24/08/2003). "History of the Melkite Greek Catholic Church". Consultado o 8 de xullo de 2013.
- ↑ Abdallah Raheb. "Patriarcat grec-melkite catholique d'Antioche. Naissance, évolution et orientations actuelles". Ekklesiastikos Pharos 52 (s.II, III): 47–72.
- ↑ Dick, Ignatios (2004). op. cit. pp. 109–111.
- ↑ Dick, Ignatios (2004). op. cit. p. 110.
The Eastern Church attributes to the pope the most complete and highest power, however in a manner where the fullness and primacy are in harmony with the rights of the patriarchal sees. This is why, in virtue of and ancient right founded on customs, the Roman Pontiffs did not, except in very significant cases, exercise over these sees the ordinary and immediate jurisdiction that we are asked now to define without any exception. This definition would completely destroy the constitution of the entire Greek church. That is why my conscious as a pastor refuses to accept this constitution.
- ↑ Patelos, Constantin G. (1981). Collège Érasme, ed. Vatican I et les évêques uniates. pp. 482–483.
- ↑ "except the rights and privileges of Eastern patriarchs.", Zoghby (1998), p.83
- ↑ Michael J.L. La Civita. "The Melkite Greek Catholic Church". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2012. Consultado o 8 de xullo de 2013., (en inglés).
- ↑ "Néanmoins nous n'avons trouvé aucun document écrit qui pût attester la réalité historique d'un tel traitement pontifical.", Hajjar, J. (1970). Revue d'histoire écclésiastique, ed. L'épiscopat catholique oriental et le 1er concile du Vatican (en francés). p. 755..
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Clemente I Bahuz |
Arcebispo de Acre 1856 - 1865 |
Sucesor: Agapio Dumani |
Predecesor: Clemente I Bahuz |
Patriarca de Antioquía e de Todo Oriente, Alexandría e Xerusalén dos Greco-Melquitas 1864 - 1897 |
Sucesor: Pedro IV Geraigiry |