Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre

(Redirección desde «GRAPO»)

Os Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre (GRAPO) foi unha organización terrorista española de extrema esquerda, cunha forte inspiración maoísta creada en 1975. Tras múltiples anuncios do seu desartellamento por parte dos corpos de seguridade, a organización (ou pequenos grupos que así se reivindican) segue funcionando cunha mínima intensidade. É o brazo armado do PCE(r).

Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre (GRAPO)
Organización armada de España
LíderesManuel Pérez Martínez "Arenas"
Creación1975
(supostamente desmantelada en 2007)
Área de operaciónsEspaña
IdeoloxíaMaoísmo
Comunismo
Vencellado aPartido Comunista de España (reconstituído)
StatusConsiderada terrorista por España e a UE
Últimas accións en 2006
Aparentemente desmantelada en 2007

Historia

editar

As súas orixes datan do ano 1968, co nacemento no exilio en París da Organización de Marxistas Leninistas Españoles (OMLE), un partido maoísta escindido do PCE, que acusaba de revisionistas ao PCE e a Unión Soviética. Seis anos despois, en 1975, a OMLE autodisolveuse no seu primeiro congreso para dar lugar ao PCE(r) e aos GRAPO.

A primeira acción armada dos GRAPO tivo lugar o 21 de agosto de 1975, e nela resultaron mortos dous cans da Garda Civil no canódromo de Madrid. Trala morte de Francisco Franco, os GRAPO seguiron activos mediante a realización de accións terroristas máis violentas.

Nos primeiros anos da transición, os GRAPO fixeron secuestros e atentados cunha forte repercusión social. A amnistía de 1977 e os golpes policiais converteron o PCE(r) nun grupo residual moi minoritario. O seu primeiro atentado con vítimas mortais produciuse o 1 de outubro de 1975, contra catro gardas civís en Madrid. Un ano despois secuestraron o presidente do Consello de Estado, Antonio María de Oriol y Urquijo e posteriormente, en 1977 tamén secuestraron o presidente do Consello Supremo de Xustiza Militar Emilio Villaescusa Quilis. Os dous secuestros finalizaron o 11 de febreiro coa liberación policial. O 8 de xaneiro de 1979 asasinan o presidente da Sala VI do Tribunal Supremo de España Miguel Cruz Cuenca e executan un atentado contra unha cafetería madrileña, causando oito mortes.

En 1982 ofreceron unha tregua e, despois dunhas negociacións co departamento de Interior en 1983, parte dos membros abandonaron as armas. En 1987 reorganizáronse nun novo comando itinerante. Meses máis tarde, en 1988, asasinaron na súa vivenda do centro da Coruña o empresario galego Claudio San Martín, que fora presidente de Caixa Galicia e que naquela altura era o propietario da empresa de supermercados Claudio.

A partir dos 90

editar

En 1995 secuestraron en Zaragoza o empresario Publio Cordón; se ben a banda sempre argumentou que fora liberado, nunca se soubo nada máis del. En 1996 saíu á luz que o goberno de José María Aznar negociaba coa banda o seu abandono das armas,[1][2][3] pero non houbo ningún froito e en 1999 asaltaron unha sucursal bancaria en Valladolid e colocaron unha bomba nunha sede do PSOE en Madrid. En 2000, nun intento de atraco a un furgón blindado en Vigo, mataron dous vixilantes xurados e a outro deixárono ferido de gravidade. Ese mesmo ano foi desmantelada a cúpula da organización coa detención en París de sete dirixentes. Ademais colocaron diversos artefactos contra empresas e edificios públicos. No 2002 foron detidos catorce membros da organización (oito en Francia e seis en España). Mais, no 2003, volveron reaparecer co atraco a unha sucursal bancaria en Alcorcón e foron arrestados outros dezaoito membros da organización. Ese mesmo ano o xuíz Baltasar Garzón suspendeu as actividades do PCE(r) por consideralo o brazo político dos GRAPO.

Mantiveron esporadicamente as súas accións armadas a pesar de darse por desmantelada varias veces. Só uns poucos militantes seguiron colocando explosivos, cometendo atracos e extorsionando empresarios.

Actualidade

editar

O 6 de febreiro de 2006, o GRAPO reapareceu ocasionando a morte dunha muller e ferindo ao seu home, un empresario dono dunha firma de traballo temporal, nun tiroteo ocorrido na rúa Cervantes de Zaragoza. O 26 de febreiro foi detido[4] Israel Torralba como presunto autor do atentado a quen tamén se lle atribuíron os asasinatos da banda cometidos no 2000. En xuño foron detidos en Reus outros tres membros dos GRAPO, entre eles o considerado o seu máximo dirixente no momento, Juan García Martín.

Seguiron facendo atracos e o 4 de xullo, dous membros dos GRAPO atracan unha sucursal de Caixa Galicia en Santiago de Compostela. Secuestraron durante unha hora, e a cara descuberta ao director da axencia 1. Tras asaltalo na rúa Rosalía de Castro, levárono até a sucursal bancaria a punta de pistola, localizada no número 89 desa mesma rúa, para atracala. Acabaron furtando vinte mil euros. En xuño de 2007 a actividade policial detivo ós principais líderes da banda en Barcelona e anunciou a súa desarticulación.

Militantes históricos

editar
  • Manuel Pérez Martínez, alias Camarada Arenas: líder histórico da banda e secretario xeral do PCE(r) dende 1975. Preso en 1977 e posto en liberdade no 1984, foi finalmente detido en París no 2000 co resto da cúpula daquel momento.
  • Fernando Silva Sande: Nado na Coruña e membro da banda dende 1975, foi o máximo responsábel da organización armada no terreo militar. Tras ser detido e cumprir condena varias veces, en 1992 fuxiu da prisión de Granada e sería detido en París no novembro de 2002. Foi condenado en 2009 a 60 anos de prisión[5].
  • Francisco Broton Beneito: Foi detido en Benidorm en 1977 pero escaparía dous anos despois. Interlocutor nas negociacións de 1996, pasaría 25 anos no cárcere tras a súa detención en 1980.
  • Fernando Hierro Chomón: autor de numerosos atentados, foi detido en agosto de 1977 pero fuxiu do cárcere un ano despois. Detido de novo en 1980, pasou vinte anos na prisión. Participante nas negociacións co goberno en 1996, foi detido en París no 2002.
  • Josefina García Aramburu: detida en 1979 por pertenza ao Comité Central do PCE(r) en Madrid, foi liberada en 1981. Posteriormente sería considerada integrante do Comando Central dos GRAPO no que ordenaría e participaría en diversos atentados entre os que se inclúe o asasinato dun garda civil na Coruña. Detida de novo no 1983 xunto co seu home, permanecerá en prisión até o 2000. Ao ano seguinte volve a pasar a clandestinidade ao integrarse no Comité Central do PCE(r) e no 2002 detena a policía francesa en París. Xulgada e condenada en Francia, foi extraditada a España no 2006 e permaneceu en prisión até febreiro do 2008.
  • Pío Moa: membro fundador da banda, tomou parte nos asasinatos do 1 de outubro de 1975 que deron nome á banda[Cómpre referencia]. Foi expulsado dos GRAPO en 1977. Tras fuxir do marxismo, converteuse en xornalista, coñecido polas súas obras sobre a Segunda República e a guerra civil, nas que propón unha visión revisionista segundo a cal a guerra comezou no 1934, cun golpe de estado promovido polo PSOE e ERC contra a legalidade republicana. Actualmente é colaborador habitual do xornal dixital Libertad Digital, dirixido por Federico Jiménez Losantos.

As vítimas

editar

A banda terrorista foi responsable do asasinato de máis de oitenta persoas, a maioría policías e militares.

  1. Martín, Patricia (4 de decembro de 2007 [actualizado o 14 de outubro de 2016]). "Aznar negoció con el GRAPO, según dos de sus miembros". elperiodico.com (en castelán). Consultado o 29 de novembro de 2022. 
  2. Redacción/Europa Press (3 de decembro de 2007). "Un 'grapo' dice que inició con el Gobierno de Aznar una 'negociación política'". elmundo.es (en castelán). Consultado o 29 de novembro de 2022. 
  3. Redacción (3 de decembro de 2007). "Un miembro del Grapo revela que Aznar negoció con ellos". lavanguardia.com (en castelán). Consultado o 29 de decembro de 2022. 
  4. La Voz de Galicia Detido en Bilbao o presunto grapo que asasinou a unha muller en Zaragoza Arquivado 14 de marzo de 2016 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 26/02/2006
  5. Condenan a 60 años de prisión al grapo gallego Silva Sande por asesinar a dos guardias civiles Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 4/2/2008

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar