Fronte Polisario
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2022.) |
O Polisario ou a Fronte Polisario (en árabe, جبهة البوليزاريو), forma abreviada de Fronte Popular de Liberación de Saguía el Hamra e Río de Oro (Wādī ad-Dahab) é un movemento político e militar do Sáhara Occidental.
Fronte Polisario | |
---|---|
Acrónimo | Polisario, البوليساريو e بوليساريو |
Tipo | partido político e movimento de libertação nacional |
Ideoloxía | Nacionalismo saharauí, antiimperialismo, Socialdemocracia, Socialismo democrático e nacionalismo árabe |
Data de fundación | 10 de maio de 1973 |
Fundador(es) | El-Ouali Mustapha Sayed |
Secretario/a | Brahim Ghali |
Persoas relacionadas | Mohamed Abdelaziz e El-Ouali Mustapha Sayed |
Sede | Rabuni |
País | República Árabe Saharauí Democrática |
Na rede | |
https://saharalibre.es | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Polisario é o sucesor da Organización Avanzada para a Liberación de Saguia el Hamra e Río de Oro dos anos 1960, dirixido por Mohamed Bassir, asasinado polo exército español durante a ditadura de Francisco Franco.
Traxectoria
editarUn grupo de estudantes, liderados por El-Uali Mustafa Sayyid, conforma o Polisario o 10 de maio de 1973 co propósito de atinxir a independencia do territorio mediante a loita armada, primeiro do dominio español e despois do marroquí e mauritano. O día 20 inician os primeiros enfrontamentos armados co ataque, por un grupo de sete guerrilleiros, ao posto de policía de Janguet Quesat, neste ataque como noutros os combates baséanse nunha estratexia de guerra de guerrillas, a primeira organizada nun deserto. Nun primeiro momento a maioría dos militantes do Polisario residen fóra do territorio e as accións armada serven para darse a coñecer no interior, o que se une o repartimento de propaganda nas cidades saharauís.
O 30 de setembro de 1973 nun ataque a unha patrulla de policías nativos a camelo, preto da fronteira de Mauritania, prodúcese a primeira morte por unha acción do Polisario, a do cabo xefe ao negarse a entregarse. En 1974 aumentaron as accións armadas do Polisario e as autoridades españolas vense obrigadas a realizar a coñecida como Operación Barrido para loitar contra o Polisario na zona de Echdeiría, pero non consegue os seus obxectivos de eliminar os grupos guerrilleiros e o 26 de outubro o Polisario sabotea unha cinta transportadora de fosfato preto do Aaiún, o que supón que o transporte do mineral quede paralizado varias semanas. O 18 de novembro prodúcese o enfrontamento máis grave ata entón entre o Polisario e as forzas españolas, morren 2 persoas polas forzas polisarias e 6 polas españolas.
Internacionalmente, o Polisario consegue o apoio dos gobernos de Alxeria e Libia, país dende o que fai programas de radio destinados ao Sáhara dende 1974. O 11 de marzo de 1975, nun cambio de estratexia, o Polisario secuestra a un empresario canario e en maio os membros saharauís de dúas patrullas españolas revíranse contra os seus xefes e fan 15 prisioneiros que levan cara Tinduf, ademais de vehículos e armamento e obriga o goberno español a negociar co Polisario. O último ataque do Polisario ás forzas españolas ten lugar o 14 de xuño de 1975 cando ocupa, durante unhas horas, o posto de Guelta co apoio de parte da Policía Territorial.
Entre o 14 e o 19 de xuño e o 3 e o 10 de xullo de 1975 realízanse negociacións en Alxer entre o goberno español e o Polisario, que leva ás autoridades españolas a recoñecer ao Polisario como "forza nacional fundamental, non exclusiva, do Sáhara", e o Polisario aumenta a súa influencia no interior do Sáhara entre os saharauís moderados, que vén nel unha saída pacífica e controlada cara a independencia. tras a xuntanza o PUNS e o Polisario do 12 de outubro a maioría dos membros do PUNS incorporáronse ao Polisario. O 22 de outubro entrevístanse o gobernador do Sáhara e o secretario Xeral do Polisario, tras o anuncio o día 16 por parte de Hassan II da Marcha Verde. Pero o goberno español, ao tempo, comezara as negociacións co marroquino para frear a Marcha Verde.
Tras os acordos de Madrid do 14 de novembro de 1975 polos que España cedeu o Sáhara Occidental a Marrocos e Mauritania, a guerrilla continúa combatendo aos países veciños que se repartiron o territorio, logrando o 5 de agosto de 1979 que Mauritania cedese a súa parte do Sáhara Occidental ao Polisario, pero isto non é recoñecido por Marrocos, que se anexiona esa zona.
Dende 1975, a organización ten o seu centro de operacións en Tinduf, territorio alxeriano, e mantén un amplo apoio no interior do Sáhara español e entre os estudantes saharauís nas Canarias e Madrid. O mesmo ano as Nacións Unidas recoñecen o movemento. En febreiro de 1976 a Polisario proclama a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) cun goberno no exilio. A RASD é membro da Unión Africana. Foi recoñecida como estado por 66 países, a maioría africanos ou latinoamericanos. Outros moitos estados non recoñecen ao Sáhara Occidental pero si o Polisario como representante do pobo saharauí.
Os combates seguen durante 1976 e 1977, época durante a que a FP conta cuns 10.000 homes armados, atacando as localidades nas que se estableceran os marroquís e mauritanos e as instalacións de Fosbucrá, pero tamén o sur de Marrocos. Marrocos perdeu neses anos 20 avións e helicópteros, 600 vehículos e perdeu uns 4.200 homes, mentres Mauritania perdía 1.600 homes, segundo datos do Polisario. ata o 6 de setembro de 1991, día en que se acorda un alto o fogo trala creación dos muros marroquís.
A MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental) é o organismo encargado de velar polo alto o fogo e preparar un referendo, aínda non celebrado.
O Polisario controla a parte occidental do territorio alén dos muros (un total de oito), aínda que o territorio está practicamente deshabitado e as súas tropas están estacionadas en Alxeria.
En Tinduf están organizados os Campos de refuxiados saharauís. Ata fai un tempo tiñan no seu poder uns 500 soldados marroquís como prisioneiros de guerra, algúns dende hai máis de 20 anos, aínda que foron liberados incondicionalmente como xesto de boa vontade. En Marrocos foi censurada toda información sobre esta liberación, xa que a monarquía alauíta nunca recoñeceu a existencia de prisioneiros marroquís en mans do Polisario.
O apoio tradicional de Libia e Alxeria diminuíu.
Ideario do Polisario
editarDende os seus comezos, o ideario político da Fronte Polisario, baséase en:
- A salvagarda da independencia nacional.
- A integridade territorial.
- O exercicio do seu dereito inalienable á autodeterminación.
É unha ideoloxía xurdida da guerra e para a guerra, nun momento en que se impoñía a necesidade da súa identificación como pobo ante a invasión marroquí e o abandono de España. A necesidade de organizar as poboacións nos campamentos e a relativa complexidade do novo estado engaden outros conceptos extraídos do mundo árabe.
Así o Polisario considera que o pobo saharauí forma parte:
- Da nación árabe.
- Da familia africana.
- Dos pobos do terceiro mundo.
A súa estratexia política está encamiñada cara a:
- Unha política de non aliñamento.
- Unha procura da unidade dos pobos do Magreb como unha etapa cara a unidade árabe e africana
O Polisario considera que, no noroeste africano, a coexistencia dun progresismo nacionalista e do que consideran un réxime reaccionario (o marroquí). O programa dô Polisario maniféstase contra o imperialismo, o colonialismo e a explotación. As ideas democráticas de corte occidental están reflectidas na Constitución:
- A soberanía e autoridade na R.A.S.D. pertencen ao pobo.
- O estado saharauí toma a súa autoridade da vontade do pobo.
- A xustiza fúndase sobre a separación de poderes.
Aínda que o islam é a relixión oficial do Estado e fonte das leis, a liberdade de expresión e crenzas están garantidas.
Tódolos cidadáns son iguais ante a lei, cos mesmos dereitos e deberes.
- Garántese o dereito de asilo político.
- Garántese a presunción de inocencia.
- Garántese o dereito de defensa e a inviolabilidade do fogar.
Nos aspectos sociais:
- Téndese á emancipación da muller e a súa participación na nova sociedade.
- Protección dos discapacitados e dos anciáns.
- Dereito a asistencia social.
- O Estado garante a protección e a seguridade do cidadán.
- Ensino e sanidade obrigatorios e gratuítos.
- O dereito e o deber do traballo.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Fronte Polisario |
Ligazóns externas
editar- RASD
- Páxina do pobo saharauí