Francis Lema
Francisco Lema Vidal, nado o 26 de setembro de 1977 en Wolfenbuttel (Baixa Saxonia, Alemaña) e coñecido como Francis Lema, é un copiloto galego de rallys.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de setembro de 1977 (47 anos) Wolfenbüttel, Alemaña |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | copiloto |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Parentes | Amador Vidal Cernadas (curmán entregue) Ricardo Vidal Rodríguez (tío) |
Gañou dúas veces o Campionato de España de Rallys de Terra, como copiloto de seu curmán Amador Vidal, en 2014 e 2015.
Traxectoria
editarDesafío Peugeot (1999-2004)
editarComezou nos rallys en 1999 disputando o Desafío Peugeot do Campionato de España cun Peugeot 106 Rallye, como copiloto de seu curmán Amador Vidal, que xa levaba uns anos competindo en dita categoría. Acabaron como subcampións esa tempada así como as catro tempadas seguintes, correndo dende o 2001 cun Peugeot 206 XS.[1][2][3][4] Co mesmo vehículo, proclamáronse finalmente campións do Desafío Peugeot en 2004.[5]
Campionato de España de Rallys de Terra (2005-2015)
editarAo ano seguinte pasou a competir xunto a Amador no Campionato de España de Rallys de Terra, onde logrou no seu primeiro ano varios podios e a súa primeira vitoria absoluta, no Rally da Gudiña-Ourense. Remataron o campionato como gañadores do grupo N e terceiros na clasificación absoluta.[6] Na seguinte tempada lograron a vitoria no Rally de Terra de Granada e quedaron segundo no Rally de Guijuelo pero unha serie de abandonos fixeron que só puideran acabar o campionato na sétima posición final.[7] Durante os seguintes anos e ata 2011 seguiron competindo con asiduidade no nacional de terra, pero os numerosos problemas mecánicos e abandonos afastáronos dos primeiros postos da xeral, a pesar de subir ao podio nalgúns dos rallys, como no Rally de Terra de Cabanas de 2008, onde foron os vencedores. A partir de 2011 comezou a disputar rallys tamén con outros pilotos. Ese ano correu o Rally de Ferrol e o Ourense-Baixa Limia como copiloto de Javier Ramos Troitiño, quedando en 11ª e 14ª posición respectivamente, e tamén competiu no Rally Botafumeiro con Ángel Pérez "Lanchiñas". Ao ano seguinte realizou varios rallys con Vidal, Ramos e Álvaro Muñiz pero sen poder completar ningún, uns malos resultados que se repetiron tamén en 2013, ano no que disputou o Campionato de Galicia de Rally como copiloto de seu curmán Ricardo Vidal, irmán de Amador.[8]
A principios de marzo de 2014 disputou o Rally do Cocido con Javier Ramos, rematando en terceira posición, só por detrás de Iván Ares-Álvaro Bañobre e Alberto Meira-Cándido Carrera. A finais do mesmo mes correu con Amador o Rallysprint de Fafe en Portugal, xunto a pilotos como Sébastien Ogier, Ott Tänak ou Dani Sordo, pero non conseguiron acabar a proba. Uns días despois correron cun Volkswagen Polo N1 o 30º Rally de Noia, quedando en segunda posición, só por detrás de Ares e Bañobre. A finais de abril competiron no Rally Concello de Curtis, segunda proba do Campionato de España de Terra, e lograron a vitoria con máis de dous minutos de vantaxe sobre Nil Solans e Miquel Ibáñez. A vitoria animounos a disputar o resto do campionato, cousa que fixeron co mesmo coche, quedando quintos na seguinte proba en Andalucía, vencendo no Bierzo e quedando sétimos en Cervera. Con estes resultados chegaron como líderes á última proba, o Rally de Terra de Riolobos, pero con só dous puntos de vantaxe sobre o segundo, Jorge del Cid, e cun total de sete pilotos con opcións de gañar o título.[9] Comezaron o rally marcando o segundo tempo nos dous primeiros treitos, por detrás de del Cid, e foron os máis rápidos nos dous seguintes, colocándose líderes. Perderon a posición de cabeza no quinto treito, pero no seguinte Jorge del Cid saíuse da estrada e perdeu unha roda, polo que tivo que abandonar. A partir de entón os dous curmáns baixou o ritmo para non arriscar e chegar á meta, facéndoo finalmente en segunda posición ao ser superados por Nil Solans no último treito. Con esta segunda posición proclamáronse por primeira vez campións de España de Rallys de Terra.[10] Lema foi o primeiro copiloto galego en lograr o título, e ademais foron os primeiros en gañar cun Volkswagen, rompendo a hexemonía de Mitsubishi, que gañara o campionato os 9 anos anteriores.[10] Tamén ese ano disputou dúas probas do Campionato de España de asfalto, o Rally Rías Baixas con Javier Ramos, onde quedaron oitavos, e o Rally Comunidad de Madrid con Álvaro Muñiz e un Porsche 997, subindo ao podio en segunda posición, por detrás dos irmáns Sergio e Diego Vallejo e por diante de Surhayen Pernía e Carlos del Barrio.[8]
En 2015 correu de novo o campionato nacional de terra con Amador Vidal e co mesmo vehículo, comezando no Rally Terras Altas de Lorca, onde só puideron ser 16º, despois de que o seu coche se quedase parado no segundo treito.[11] A segunda cita do calendario foi o Rally de Terra Circuíto de Navarra, onde subiron ao podio en terceira posición, por detrás de Nani Roma e Alexander Villanueva.[12] En abril disputaron a terceira proba, o Rally de Terra Concello de Curtis, onde quedaron segundos, só por detrás de Karl Kruuda.[13] Con todo, o estoniano non disputaba o campionato polo que a máxima puntuación foi para Vidal e Lema. A continuación venceron nas tres seguintes probas, o Rally de Terra do Bierzo, o Rally de Terra de Cervera e o Rally de Terra Norte de Extremadura, proclamándose na última delas, en Plasencia, campións de España por segunda vez e a falta aínda dunha proba.[14]
Competicións esporádicas (2016-actualidade)
editarEn 2016 correu por última vez con Amador Vidal, no Rally do Bierzo, e dende entón ten competido de xeito máis esporádico con diferentes pilotos como Óscar Veiga, Alberto Nimo ou Pablo Molinos, ademais de Javier Ramos.[8]
Notas
editar- ↑ "Clasificacións nacionais de 2000" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2001" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2002" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2003" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2004" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2005" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2020.
- ↑ "Clasificacións nacionais de 2006" (PDF). RFEDA (en castelán). Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 "Resultados de Francisco Lema Vidal". www.ewrc-results.com (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2020.
- ↑ "Tres pilotos de RMC optan al título absoluto en la última prueba del nacional de tierra" (en castelán). 13 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ 10,0 10,1 "Amador Vidal se corona Campeón de España de Tierra" (en castelán). 15 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2020. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Nani Roma acaba segundo en el Rally Tierras Altas de Lorca" (en castelán). 1 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "CERT: Rally de Navarra 2015. Nani Roma logra la victoria" (en castelán). 30 de marzo de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "El estonio Karl Kruuda no encuentra rival en Curtis" (en castelán). 26 de abril de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
- ↑ "Amador Vidal, campeón de España de Rallyes de Tierra" (en castelán). 4 de outubro de 2015. Consultado o 16 de xuño de 2020.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Perfil de Francis Lema en ewrc-results.com (en inglés).