Fonte dos Cabalos
Coordenadas: 42°52′43″N 8°32′39″O / 42.878588888889, -8.5442916666667
- Non confundir coa fonte-monumento dos Cabalos da Praza de España en Vigo, nin coa Fonte dos Cabalos de Lalín.
A Fonte das Pratarías, máis coñecida coma Fonte dos Cabalos (tamén Fonte dos Catro Cabalos ou dos Hipocampos) é unha fonte monumental de estilo barroco compostelán, obra de J. Pernas do ano 1825 que se atopa no centro da praza das Pratarías, na cidade vella de Santiago de Compostela.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/55/Fonte_dos_Cabalos._Praza_de_Prater%C3%ADas._Santiago_de_Compostela-2.jpg/220px-Fonte_dos_Cabalos._Praza_de_Prater%C3%ADas._Santiago_de_Compostela-2.jpg)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/19/Fuente_de_los_Caballos._Plaza_de_Plater%C3%ADas.jpg/220px-Fuente_de_los_Caballos._Plaza_de_Plater%C3%ADas.jpg)
Está formada por catro cabalos que botan auga pola boca, por riba dos cales se ergue un pedestal coa Arca Marmórica rematado cunha figura feminina co brazo alzado sostendo a estrela de Compostela. O seu significado ten suscitado diferentes interpretacións ao longo dos anos, mais crese que se trata dunha alegoría á cidade de Compostela.
Historia
editarA praza das Pratarías data dos inicios da cidade, e xa sufrira danos importantes nas Revoltas Irmandiñas do século XII, cando o Arcebispo Xelmírez ordenou restaurar a fachada románica case por completo. A praza debe o seu nome por ser onde noutrora tiñan os seus obradoiros os artesáns da prata.
A mediados do século XVIII o cabido compostelán encarga a Sarela remodelar o estado da praza das Pratarías, até que en 1825 frei Xoán Conde a transforma coa actual fonte de hipocampos. Algunhas fontes din que a fonte se achaba orixinalmente no interior do claustro da catedral, pois no lugar que ocupa esta fonte hoxe en día, atopábase unha anterior, que sería a gran pía bautismal, que hoxe se atopa no centro do claustro. Outras fontes din, porén, que a pía formaba parte dunha fonte que se atopaba na praza diante da fachada da Acibecharía.[1] O escultor Juan Sanmartín, a mediados do século XIX, engadiulle a "Alegoría da Cidade de Santiago" (a figura da muller sentada sobre a arca apostólica a soster a estrela que indicou ao bispo Teodomiro o lugar do sepulcro.
Descrición
editarÁchase no nivel máis baixo da Praza das Pratarías. Trátase dunha fontana de estilo italiano, encadrado no barroco compostelán. Feita en granito, a base do encoro é circular e cunha base dun metro de altura arrodeada dun chanzo. No centro érguese a escultura, cun primeiro nivel onde se atopan os catro hipocampos a botar chorros de auga pola boca. Destes parte un pedestal que remata coa arqueta do apóstolo e por riba dela unha figura feminina (disque é Compostela) que sostén nunha das súas mans a estrela compostelá. Cómpre salientar a fermosa contorna da fonte, arrodeada doutras obras de arte da cidade, como é a Casa do Cabido, o Museo das Peregrinacións, e a escalinata que conduce á porta Sur da Catedral, coa impresionante fachada das Praterías e a Torre da Berenguela.[2]
A fonte na cultura popular
editarFederico García Lorca inspirouse nesta fonte para escribir o seu poema "Danza da lúa en Santiago" e de feito chámaa "Fonte do Soño".[3].
Nesta fonte é onde os viaxeiros adoitan botar moedas co desexo de volver a Santiago.[4]
Unha das novatadas que se fan aos novos estudantes da Universidade de Santiago é o "bautizo" na auga desta fonte; un dos veteranos fai mergullar a cabeza deste na fonte[5]. Outro costume habitual é facer mirar con detalle ao visitante as mans dos cabalos e de súpeto cando este se achega, mollalo.
Galería de imaxes
editar-
Detalle
-
Fachada das Pratarías e detalle da testa dun dos cabalos.
-
Detalle dos cabalos
-
Cadro da fonte en 1906
-
A fonte e a Torre da Barenguela.
-
Detalle da escultura.
Notas
editar- ↑ Santiagoturismo
- ↑ "Turismo de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 19 de decembro de 2016.
- ↑ "Arte e Historia.com". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 19 de decembro de 2016.
- ↑ Fonte dos cabalos
- ↑ [1]