A folosa unicolor[2] ou fulepa unicolor[3] (Locustella luscinioides) é unha especie de paseriforme da familia Locustellidae (antes estaba clasificado en Sylviidae). Reprodúcese no sur de Europa e a parte occidental temperada de Asia. En Galicia é unha ave de paso escasa.[3] É unha ave migratoria, que pasa o inverno no nas rexións norte e subsahariana de África.

Locustella luscinioides

Este pequeno paxaro encóntrase en xunqueiras, xeralmente con algúns arbustos. Poñen de tres a seis ovos nun niño entre os xuncos. Os adultos teñen un dorso marrón cincento sen raias ou vetas, partes inferiores grises abrancazadas e sen raias ou vetas na gorxa, o que é unha diferenza coa folosa fluvial. Os sexos son idénticos, como é típico nas folosas, pero as aves novas son máis amarelas pola parte inferior. É insectívoro. Non é unha especie medorenta, pero é difícil vela entre os xuncos agás cando canta.

o Locustella luscinioides.ogg canto é un renxer monótomo e mecánico parecido ao dalgúns insectos, a miúdo cantada ao solpor. É similar á canción doutras especies do seu grupo, pero é xeralmente máis rápida e profunda e ten unha forte semellanza coa do insecto tettigónido Metrioptera roeselii.

Taxonomía editar

Foi descrita cientificamente polo ornitólogo italiano Paolo Savi, autor das obras "Ornitologia Toscana" (1827–1831) e "Ornitologia Italiana" (1873–1876) en 1821, e publicou unha descrición máis completa en 1824.[4] O nome do xénero Locustella é o diminutivo en latín de locusta, 'saltón',[5] porque o canto da folosa manchada e outras especies deste xénero semella o ruído que fan algúns deses insectos. O nome específico luscinioides procede do latín luscinia, 'reiseñor', coa terminación grega -oides, 'que lembra a'.[5]

Forma un par de especies coa folosa fluvial (Locustella fluviatilis) e estudos do ADN mitocondrial mostran que están estreitamente relacionados coa Locustella lanceolata e a Locustella naevia.[6]

Existen tres subespecies. Locustella luscinioides luscinioides, que é a subespecie nominal, nativa de Europa central e do leste, Península Ibérica e norte de África. Inverna en África occidental nunha área que se estende desde Senegal ao lago Chad e norte de Ghana, e probablemente tamén no sur do Sudán.[6] Locustella luscinioides sarmatica é nativa de Ucraína, o mar de Azov, a rexión do Volga e os Montes Urais; inverna no nordeste de África. Locustella luscinioides fusca encóntrase desde Xordania a Turquía e polo leste ata Asia central; inverna no Sudán e Etiopía.[7]

Descrición editar

 
Cantando desde un amieiro

As partes superiores son de cor marrón avermellada escura uniforme, ás veces cun lixeiro ton verdoso. Ten unha liñas oculares beixes pouco definidas, loros pouco definidos e cobertoiras dos oídos marróns claras. O bico marrón é delgado e o iris tamén marrón. O queixo, gorxa e bariga son de cor beixe abrancazada e o resto das partes inferiores de cor marrón area. Na estación reprodutora, tanto as partes superiores coma as inferiores son lixeiramente máis claras. as patas son marróns. A ave mide uns 14 cm de longo.[8]

A canción é un trilo vibrante moi similar ao da folosa manchada, pero algo máis agudo e menos prolongado. A miúdo é precedida por unha serie de tics baixos que gradualmente se converten nun trilo. A ave canta desde o alto dun xunco co seu bico aberto e a gorxa vibrante. Cantan tanto machos coma femias.[8]

Comportamento editar

Muda á súa plumaxe reprodutora antes de volver á súa área de verán. Ao chegaren ás zonas húmidas, as aves voan entre os xuncos e a matogueira e raramente se ven, pero ao estableceren territorios, gabean ao extremo dos xuncos e cantan desde posicións prominentes. Aliméntanse de insectos como moscas, escaravellos, avelaíñas, larvas e cabalos do demo. Tamén se cre que comen vermes pequenos. Despois de reproducírense dispérsanse algo a pantanos con vexetación menos densa, mudan á súa plumaxe invernal e parten para a migración. Pouco se sabe dos seus hábitos nos seus cuarteis de inverno, pero ocupan áreas similares pantanosas, foron vistos en campos de millo e poden alimentarse e pousarse en pequenas bandadas.[8]

Reprodución editar

 
Ovos de Locustella luscinioides
 
Adulto no seu niño

A estación reprodutora da folosa unicolor empeza a metade de abril na parte sur da súa área de distribución e a finais de maio no norte de Europa.[8] Os primeiros machos en chegaren ocupan os mellores territorios, que son valorados pola densidade de xuncos e ciperáceas. Cando chegan as femias, emparéllanse sucesivamente cos machos cos mellores territorios.[9] Para as últimas aves que chegan quedan territorios de peor calidade e o seu éxito reprodutor é menor, porque poucas das súas roladas de polos se crían con éxito.[9] O niño constrúeo a femia sobre unha pequena plataforma ao estilo do niño das pitas de auga e está ben agochado entre xuncos mortos e matas de vexetación. Adoita estar feito de follas de Glyceria, pero algúns niños están coidadosamente forrados con herbas e follas. Xeralmente non é visible desde arriba. Poñen de catro a seis ovos (en ocasións tres). Son ovos de cor branca cincenta, con manchas de cor oxidada cincenta, ás veces formando unha banda máis escura arredor do ovo. Os ovos miden de 19 a 14 mm. A incubación dura uns doce días e faina exclusivamente a femia, e igualmente é ela a que alimenta os polos cando fan eclosión, e o macho só se une a eles cando os polos medraron máis. As crías empluman en doce días.[8] Normalmente crían dúas roladas de pitos ao ano.

Distribución e hábitat editar

Reprodúcese en Alxeria, España, incluída a illa de Mallorca, Francia, Sicilia, Creta, Italia, Países Baixos, Alemaña, Polonia, Romanía, Bulgaria, Albania, Croacia, Eslovenia, Serbia, Xordania, Turquía e Rusia cara ao leste ata o río Volga. Inverna en Alxeria, Marrocos, Sudán e Etiopía. É un visitante ocasional de Galicia, pero tamén do Reino Unido (onde unhas poucas parellas poden reproducirse esporadicamente), Bélxica, Suíza, Córsega, Sardeña, Malta, Chipre e Israel.[8]

A folosa unicolor escóntrase en xunqueiras, pantanos, marismas e albufeiras con xuncos e ciperáceas e outra vexetación de marisma, ás veces con salgueiros espallados ou arbustos. Gabea polos talos para cantar a plena vista pero noutras circunstancias son difíciles de ver, xa que voa con axilidade entre os talos e vexetación enguedellada e raramente se ve en campo aberto. Ocupa hábitats similares nos seus cuarteis de inverno, pero pode encontrarse tamén en zonas de turbeiras ou marismas con augas abertas lonxe dos xuncos.[8]

Status editar

A folosa unicolor é avaliada na lista da IUCN como "especie pouco preocupante", porque ten unha poboación total grande e unha ampla área de distribución. A poboación en Europa estímase que está entre 530 e 800 milleiros de parellas reprodutoras cun total de 1,6 a 2,4 millóns de individuos. Como en Europa viven dous terzos do total, a poboación mundial pode ser de entre 2,1 e 4,8 millóns de individuos. A cantidade destas aves pode estar decrecendo algo, pero non ata o punto de consideralas en risco.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Locustella luscinioides". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Alla Memoria Paolo Savi (en Italian). 1871. 
  5. 5,0 5,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 229, 233. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. 6,0 6,1 "Savi's Warbler (Locustella luscinioides)". Internet Bird Collection. Consultado o 2013-08-01. 
  7. Lepage, Denis. "Savi's Warbler (Locustella luscinioides) (Savi, 1824)". Avibase. Consultado o 2013-08-01. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 32–34. 
  9. 9,0 9,1 Aebischer, Adrian; Perrin, Nicolas; Krieg, Myriam; Studer, Jacques; Meyer, Dietrich R. (1996). "The Role of Territory Choice, Mate Choice and Arrival Date on Breeding Success in the Savi's warbler Locustella luscinioides". Journal of Avian Biology 27 (2): 143–152. doi:10.2307/3677143. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar