A folosa manchada,[2] fulepa pintada[3] ou folosa pintada[4] (Locustella naevia) é unha especie de paseriforme do Vello Mundo clasificado na familia Locustellidae (antes en Sylviidae). Reprodúcese nas zonas temperadas de Europa e Asia. En Galicia é unha ave de paso escasa.[3] É unha ave migratoria, que inverna no norte e oeste de África. O nome do xénero Locustella é o diminutivo latino de locusta, 'saltón'.[5] Fai referencia ao canto parecido ao destes insectos desta especie de ave e outras do seu xénero. O nome específico naevia en latín significa 'con pintas'.[5]

Folosa manchada

Canto do macho de folosa manchada, gravado en Reino Unido
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Locustellidae
Xénero: Locustella
Especie: Locustella naevia
(Boddaert, 1783)

Este paseriforme encóntrase en zonas de vexetación densa e curta, a miúdo preto da auga. É de medio tamaño dentro do seu grupo, cunha lonxitude de case 13 cm. O adulto ten un dorso marrón con vetas, e partes inferiores grises abrancazadas que non teñen vetas excepto nas cobertoiras de debaixo da cola. Os sexos son idénticos, pero os individuos novos son máis amarelos por debaixo. É insectívoro. Pon de catro a sete ovos nun niño construído no chan ou preto do chan en zonas de vexetación espesa ou de matas de herba (tussock).

É unha especie que se despraza polas matogueiras, movéndose entre os arbustos e a follaxe baixa, que é difícil de ver agás ás veces cando canta desde unha posición prominente. O seu canto é un son renxente mecánico e monótono parecido ao que fan algúns insectos, que a ave canta ao amencer ou ao solpor.

Descrición editar

Mide uns 12,5 cm de longo. É moi sixiloso e raramente se pode ver, pero a súa presenza é doadamente detectada debido á súa canción característica.[6] As partes superiores son de cor marrón olivácea, e todas as plumas teñen unha liña central marrón máis escura. As meixelas son cincentas, o iris é marrón e ten unha difuminada veta detrás do ollo. A mandíbula superior do bico é marrón escura e a mandíbula inferior marrón amarelada. As partes inferiores son de cor crema ou beixe amarelada con algunhas manchas marróns escuras e vetas no peito e flancos. As ás son marróns coa beira externa das plumas marrón clara. As plumas da cola son marróns avermelladas con barras transversais difuminadas que son visibles nalgúns individuos e nas cobertoiras subcaudais teñen vetas. As patas delgadas e os pés son marróns amarelados claros.[6]

En Dartmoor, Inglaterra

O seu canto é un trilo renxente agudo e longo e non musical realizado mantendo o bico aberto e vibrando todo o corpo. Dura desde uns poucos segundos a dous ou tres minutos facendo só unha pausa para respirar. Varía en volume desde un feble rumbar a un son que lembra ao dunha segadora de herba distante. Realízao a calquera hora do día desde á mañanciña cedo ata despois de que se poña o sol e pode sentirse constantemente desde a chegada destas aves en primavera ata finais de xullo. A chamada de alarma é un ruído de tictac repetido que se ten descrito como "twkit-twkit-twkit".[7]

Distribución e hábitat editar

Reprodúcese no noroeste de Europa e partes do oeste de Asia. A súa área de distribución inclúe España, Francia, Italia central, Romanía, Iugoslavia, as illas británicas, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Dinamarca, sur de Suecia, sur de Finlandia, e os estados bálticos e oeste de Rusia. Máis ao leste é substituído por especies relacionadas. A finais do verán migra ao noroeste de África, a India e Sri Lanka, onde pasa o inverno.[6]

Na estación reprodutora, encóntrase en sitios secos ou húmidos con herbas fortes e arbustos, como nas beiras de pantanos, claros, setos descoidados, matogueiras, páramos altos, áreas cubertas de vexetación espiñosa como toxos, plantacións novas e bosques que foron cortados. No inverno encóntrase xeralmente en localidades similares, pero a información é escasa sobre o seu comportamento e hábitat.[6]

Comportamento editar

 
A folosa manchada (Locustella naevia)

Raramente se bota a voar senón que pasa a maior parte do tempo correndo entre a densa vexetación, voando de ramiña en ramiña ou correndo polo chan. Ten unha forma de camiñar peculiar con alancadas altas e longas cando se move polas ramas horizontais, parecendo máis delgado. Voa pouco e axiña volve poñerse a cuberto, e cando pousa adoita subir e exhibir a cola para mostrar as cobertoiras con vetas da parte subcaudal. Finxe estar ferido para distraer a un predador potencial.[6]

Reprodución editar

 
Ovo da especie na colección do Museo de Wiesbaden, Alemaña

Os machos tratan de atraer as femias exhibíndose perante elas. Camiñan ou corren ao longo das ramas coa cola despregada, movendo as ás arriba e abaixo, a miúdo levando unha herba ou unha folla no bico. No aire e coas ás ben estendidas e movendo as ás, estenden a cola e esponxan as plumas.[6]

Ambos os sexos toman parte na construción de niños. O niño está ben agochado e situado preto do chan en lugares como zonas de matas de herba (tussock), toxeiras, salgueiros, xunqueiras, setos enredados, matogueiras e entre uces dos páramos. Varía en tamaño e forma pero está construído con herbas, ciperáceas e musgos e a miúdo forrado con herbas finas. Poñen de catro a seis ovos cor crema con manchas avermelladas pequenas, xeralmente distibuídos ao chou, pero ás veces fusionadas en grupos ou zonas.[7] Os ovos miden de 18 × 14 mm e pesan 1,7 g. Ambos os pais están implicados na incubación dos ovos que dura 13 ou 14 días. Os polos son altriciais e aliméntanse de insectos. Empluman en 12 ou 13 días e xeralmente hai dúas roladas na estación. As aves xoves maduran cando cumpren un ano e a maior idade rexistrada nesta especie foi de cinco anos.[8]

Dieta editar

É unha paxaro insectívoro que se alimenta dunha ampla variedade de invertebrados. A súa dieta inclúe moscas, avelaíñas, escaravellos, áfidos, libélulas e efémeras e as súas larvas. Tamén comen arañas e crustáceos oniscídeos e os polos aliméntanse de áfidos, eirugas verdes, oniscídeos e moscas.[6]

Status editar

O status de conservación da folosa manchada foi avaliada pola IUCN como "especie pouco preocupante", porque ten unha gran poboación total e unha ampla área de distribución. A poboación de Europa estímase entre 840 000 e 2,2 millóns de parellas reprodutoras cun total de 2,52 a 6,6 millóns de individuos. En Europa están comprendidos uns dous terzos da área total, a poboación mundial estímase nesta rexión en 3,41 a 13,2 millóns de individuos. O número total de aves pode estar en declive debido á perda de hábitat, pero non nun grao que poña a especie en perigo.[1] Nun estudo que examinou os posibles efectos do quecemento global nas áreas onde viven varias especies de aves, estimouse que a área de reprodución da folosa manchada sería desprazada varios centos de quilómetros cara ao norte e abranguería as illas británicas e toda Escandinavia, pero que deixaría de reproducirse en gran parte do seu actual rango na Europa continental.[9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Locustella naevia". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Definición de Folosa manchada no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. 5,0 5,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 229, 265. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 36–30. 
  7. 7,0 7,1 Coward, T. A. (1941). The Birds of the British Isles and their Eggs, Volume 1 (Corvidae to Sulidae). Frederick Warne. pp. 169–171. ASIN B00085ZBTC. 
  8. Robinson, R. A. (2005). "Grasshopper Warbler: Locustella naevia (Boddaert, 1783)". Birdfacts. British Trust for Ornithology. Consultado o 2013-08-03. 
  9. Huntley, Brian; Collingham, Yvonne C.; Willis, Stephen G.; Green, Rhys E. (2008). "Potential Impacts of Climatic Change on European Breeding Birds". PLOS ONE 3: e1439. PMC 2186378. doi:10.1371/journal.pone.0001439. 

Véxase tamén editar