A folosa fluvial[2] ou fulepa fluvial[3] (Locustella fluviatilis) é unha especie de ave paseriforme da familia Locustellidae (antes considerábase un Sylviidae), que vive en Eurasia e África. En Galicia é unha ave accidental.[3]

Descrición editar

Mide arredor de 15 cm de longo. O seu bico é fino e bicudo e a cola longa. As súas partes superiores son de cor parda cincenta e lisas, mentres que as súas partes inferiores son abrancazadas, co peito con vetas pardo griseiras e as cobertoiras inferiores da cola tamén pardas coas puntas brancas, dándolle á zona un aspecto escamado. Adoita presentar unha lista superciliar clara difusa. Os dous sexos teñen un aspecto similar e os xoves teñen as partes inferiores máis amareladas.

Algúns individuos presentan un escamado baixo a cola menos evidente, ao teren as listas brancas das puntas das cobertoiras máis largas, co que teñen un aspecto máis parecido á Locustella luscinioides, aínda que esta non ten o peito con vetas e a coloración das súas partes superiores é máis verdosa.[4]

O seu canto é un renxer rápido e monótono similar ao das carricantas, con frecuencia emitido ao solpor e en series longas.

Distribución e hábitat editar

É un paxaro migratorio que cría en Europa Central e Oriental e o oeste de Asia e viaxa ao sueste de África para pasar o inverno, aínda que existen algunhas poboacións que se reproducen no nordeste de África. En Europa Occidental é unha ave errante rara.

Adoita vivir nos bosques caducifolios próximos á auga, arredor dos pantanos ou ríos.

Comportamento editar

 
Ovos de Locustella fluviatilis

Aliméntase de insectos. Fai o niño no chan entre a vexetación densa onde adoita poñer entre 5 e 7 ovos.

É unha especie esquiva e difícil de ver, agás cando canta. Agóchase entre a herba e as matogueiras baixas.

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Locustella fluviatilis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 8 de agosto de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Normaja, Jyrki (1994) Plumage variation in River Warblers Birding World 7(5): 192-5

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar