Abrir o menú principal

Festa da coca de Redondela

A festa da Coca é unha celebración de orixe pagá que ten lugar no concello de pontevedrés de Redondela, e que ten lugar o día do Corpus Christi. A orixe desta celebración radica na lenda mitolóxica da coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. Foi declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2001.[2]

Festa da Coca
Festadacoca cal3.jpg
A Coca, o dragón que da nome á festividade.
Localización Redondela, Galicia.
Anos indeterminados
Nº edicións intederminado
Fundadores tradición popular
Data século XV[1]
Xénero Cultural
Organizador Concello de Redondela
Web oficial

A razón da celebración é a derrota deste animal mitolóxico a mans dos mozos de Redondela. Así, para conmemorar esta vitoria, realízanse representacións tanto do propio animal coma da batalla na cal a Coca foi derrotada. Esta representación coñécese como danza das Espadas, representando aos mozos que comezaron a danzar coas súas armas arredor do animal morto após de derrotalo, e baile das Penlas, representando a celebración das doncelas liberadas das fauces do dragón.

Ademais de en Redondela, a festa da Coca segue a celebrarse en diferentes lugares do conxunto etnográfico galego-portugués, como Betanzos ou Monção. Está última localidade posúe desde o ano 2002 un irmandamento con Redondela, e desde o 2003 ambas as dúas celebracións son publicitadas baixo unha promoción turística conxunta.[3]

OrixeEditar

A festa da Coca de Redondela é a única das que se celebran en Galicia que conserva unha tradición continuada e mantida no tempo. Isto débese a que a Coca de Betanzos é unha reconstrución moderna dunha tradición interrompida. Outros lugares da xeografía galega que tiveron celebracións pagás con este animal mitolóxico atendendo aos testemuños documentais foron Ribadavia, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela ou A Coruña.[1]

A coca é un animal monstruoso con corpo de dragón e cola de serpe, e do lombo nácenlle dúas enormes ás, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa faciana aluman uns ollos terribles, sobre unha enorme boca con agudos dentes. A orixe do animal é indeterminada, tendo documentos que fan referencia a ela dende a Idade Media. Crese que este animal era unha representación do demo.

A festa da coca baséase na lenda medieval:

«Conta a lenda que hai séculos moraba preto de Redondela, presumiblemente na ría de Vigo, un dragón que de cando en vez chegaba á vila para levar a unha moza á súa cova. Así o fixo varias veces, até que os mozos mariñeiros armáronse de coraxe e certo día acordaron se enfrontar ao monstro. Así o fixeron e após dunha dura loita saíron vitoriosos. Xa vencido, trouxérono ao pobo, despois de que o dragón dera os seus últimos suspiros, cando os valentes mozos, suxeitando as espadas uns aos outros, comezaron a danzar ao redor do dragón morto.»
Redondela

A primeira vez que a Coca saíu ás rúas é indeterminada, aínda que a súa orixe dataría da Idade Media, entre os séculos XV e XVI.[1]

CelebraciónEditar

 
As Penlas, coa súa indumentaria característica de cor branco e ás de anxo, enriba das burras, representando as mulleres medievais.

Para lembrar este fito histórico, todos os anos sácase á rúa unha representación da figura da Coca, o dragón mitolóxico. Posteriormente, realízase unha representación da Danza das Espadas e o Baile das Penlas, na que se representa a derrota do monstro a mans dos mozos redondeláns.

Ademais de estas celebracións, engádese as celebracións relixiosas do Corpus Christi con procesións pola vila. Tamén dende 1950 o centro da vila engalánase coas tradicionais alfombras de flores e area sobre as principais rúas do centro urbano.

A danza das espadasEditar

A danza das espadas é a representación gráfica do baile que, segundo a tradición, desenvolveron os mozos de Redondela após de derrotaren á Coca.

A representación realízase habitualmente na praza da Constitución, arredor do mediodía. Consta de vinte e cinco bailaríns, cuxa indumentaria componse de camisa e pantalón brancos e unha faixa vermella arredor da cintura, unhas castañolas e uns instrumentos de madeira que simulan as espadas. Ditos paus están unidos entre si por unha corda branca, de xeito que todas as espadas de todos os danzantes permanecen unidas entre eles. Durante a danza, os bailaríns realizan diferentes movementos entrelazando as espadas e facendo soar as castañolas.

A música empregada é unha peza de gaita interpretada en allegretto.[4]

O baile das PenlasEditar

Simultáneamente á danza das espadas, represéntase o baile das Penlas. Trátase de cativas vestidas cun vestido branco, abundantes encaixes e unhas ás de anxo, que se sitúan enriba de mulleres denominadas burras, apoiadas nos seus ombreiros, as cales danzan ao son da mesma melodía que os mozos da danza das espadas. As burras, habitualmente representadas por traballadoras do gremio das forneiras e panadeiras[5], representan a danza que levaron a cabo as mulleres da vila coma expresión de ledicia pola morte do dragón, erguendo as súas fillas ao lombo coma mostra da da liberación das súas fillas.[6]

Malia seren características desta celebración, as penlas tiveron sido documentadas con anterioridade, arredor do século IX.[7]

Celebracións similaresEditar

 
Cucafera de Tarragona.

Existen outras celebracións asentadas sobre a lenda da coca:

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 González Pérez, Clodio (1993). A Coca e o mito do dragón. Vigo: Ir Indo. pp. 167–170. ISBN 84-7680-127-0. 
  2. "Festa do Corpus Christi de Redondela, cos eventos celebrativos da Coca, As Penlas e a Danza das Espadas.". Turgalicia. Consultado o 27 de outubro de 2015. 
  3. "Redondela e Monção irmándanse mediante as súas festas da Coca". Cultura Galega. Consultado o 27 de outubro de 2015. 
  4. "Danza de espadas de Redondela." (PDF). Aires da Terra. Consultado o 27 de outubro de 2015. 
  5. González Pérez, Clodio. "El Corpus en Galicia: Redondela y Ponteareas." (PDF). Narria. Consultado o 27 de outubro de 2015. 
  6. Alonso Novoa, Tamara. "Penlas y danza de las espadas.". Galicia Enteira. Consultado o 27 de outubro de 2015. 
  7. Asensio, Eugenio (1957). Poética y realidad en el cancionero peninsular de la Edad Media. 241: Gredos. 
  8. Cucafera, forma catalá de Coca fera, en referencia á súa fereza e agresividade.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Martínez Crespo, José (2013). A festa da coca de Redondela: o Corpus Christi e as súas manifestacións, ISBN 978-84-616-4783-5

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar