Coca (mitoloxía)

A coca ou tarasca[1] é un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. É un animal monstruoso con corpo de serpe ou de dragón con cola de serpe e dúas enormes ás que lle nacen do lombo, semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa faciana aluman uns ollos de lume, sobre unha enorme boca con agudos dentes.

Coca de Redondela segundo unha intelixencia artificial.
A coca polas rúas de Redondela na Festa da coca de Redondela.
A Tarasca de Santa Marta, procesión do Corpus Christi en Valencia.

Etimoloxía

editar

A primeira referencia documentada deste ser é baixo a forma de coquetriz, atopada nun texto galego de Ourense datado en 1437. O texto dicía que a coquetriz era un dragón que levaban os zapateiros na procesión do Corpus [2]. Deste documento asúmese que o nome deriva da palabra latina cocatrix, é dicir crocodilo[3]. Noutro documento posterior, tamén atopado en Ourense, de mediados do século XV (1441), xa se usan uns nomes moi semellantes ó actual, coqa e qoqa.[4][5]

O termo tarasca vén de Tarasque, en relación co topónimo da localidade de Tarascón, no departamento de Bocas do Ródano, Francia. Este nome ten a súa orixe nunha lenda sobre Santa Marta. O Padre Sarmiento fai derivar desta tarasca a voz trasgo (trasno, demo):

"Aquí se palpa el origen de la voz trasgo, para significar el duende que se cree ser el demonio cuando está para fiestas. De la voz tarasco, suprimida la vocal, queda trasco y de ahí trasgo"
(Martín Sarmiento, 1760 [6])

Lendas

editar

A Coca de Redondela

editar
Artigo principal: Festa da coca de Redondela.

A tradición di que vivía na ría de Vigo, nas inmediacións da illa de San Simón. Un día presentouse en Redondela. Xurdiu das ondas do mar, que estaba moi embravecido, e nun veloz ataque capturou e devorou a dúas raparigas que xogaban na praia da vila. Repetiu moitas veces o seu ataque, levando sempre as máis fermosas cativas, ata que os veciños de Redondela escolleron en asemblea os vinte e catro homes máis fortes e destemidos, coa encomenda de atacar a tarasca na súa próxima aparición. A campá da igrexa deu o aviso da chegada do monstro e os elixidos acosárona e déronlle morte coas súas espadas. Arrastraron o cadáver ata a praza do lugar e formouse de contado unha gran procesión, e ó redor da besta morta os loitadores iniciaron unha danza, coas espadas en alto. As mozas seguiron o baile erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas, e danzando con elas en alto. Pénsase que aí ten a súa orixe a danza das espadas e o baile das penlas, cos que anualmente se celebra a morte da coca.

En Monção corre unha lenda similar, pero alí foi un único mozo o que se enfrontou ó monstro e lle deu morte. A coca de Monção e a de Redondela manteñen certa irmandade desde 1997, ano no que se visitaron unha á outra.[7]

A orixe da lenda é basicamente común a distintos pobos de Europa e mesmo da China. Tratábase dun monstro con forma de serpe ou dragón que vivía no mar e que esixía a entrega periódica dunha vítima humana, normalmente unha moza virxe. Se non se lle entregaba este tributo, o monstro acabaría con vidas e facendas, ata que os veciños ou un heroe acababan coa extorsión. Nótese a semellanza coas lendas do heroe grego Perseo, que libera do monstro á Andrómeda, ou a acción similar de San Xurxo cando mata ó dragón que ía comer á princesa.

Outras expresións da Coca en Galicia

editar

Tamén se teñen datos doutras cocas noutros puntos de Galicia: en Verín, en Baiona (que era de Sabarís), en Betanzos (chamada Camelo, pois é de cor verde e con dúas corcovas), A Coruña (chamada Tarea), Ourense (Coquetriz), Pontevedra (onde a venceron uns mariñeiros a bordo dunha pequena nao, e obrigárona a marchar na procesión do Corpus), Ortigueira (Dragón da illa de San Vicente[8]) Ribadavia (Becha), Compostela, Ares (onde a chaman Crocodilo, de forma semellante ó Camelo de Betanzos, pero sen ás; neste caso, o monstro vivía na praia de Sabadelle, en Caamouco, e saía a terra na baixamar) e Tui.[9].

A presenza da Coca nas procesións relixiosas derivou na prohibición por parte da Igrexa en diferentes lugares, mesmo baixo pena de excomuñón, ata o punto de que hoxe só procesiona no Corpus de Redondela. En Santiago saía no día do Corpus e nas festas de San Roque, e unha descrición da procesión escrita en 1565 detalla os distintos gremios e os seus padroeiros e bailes, incluíndo o gremio da obra prima (os zapateiros) como responsable da condución da Coca; en 1726 o concello multou ó gremio dos zapateiros por non ter fabricada unha nova coca segundo as instrucións recibidas [10].

Pérez Costanti, arquiveiro municipal de Santiago de Compostela finais do século XVIII e principios do XX, escribía nas súas Notas viejas galicianas (1925-1926, reed. de 1993) as queixas dos zapateiros que pedían ó concello que lles eximise de procesionar a Coca por saír moi malparados:

"deben llevar [á Tarasca] por las calles e iglesias de donde salen y entran bailando y danzando, con ella; de manera que no sólo sirve este espectáculo de un atraimiento de la xente menos culta y vulgar a la irrisión y gritería con tal indevoción e irreverencia a la Divina Magestad y Sagradas imágenes de María Santísima y más santos que van en ellas, sino de una concurrencia grande de muchachos, que acuden al propio fin con piedras y palos que tiran y dan a las personas que la conducen y acompañan, vituperándolas con dicterios y palabras indignas, de que resulta y tiene resultado varias veces graves daños de roturas de cabezas, dislocaciones de brazos y otras considerables heridas, y de que algunas de ellas estuvieron en gravísimo riesgo de la vida, como es público y notorio en la ciudad, a que se agrava la imposibilidad en que se ve el gremio, sus mayordomos y vicarios, de hallar persona que la conduzca, a causa de lo expuesto y de lo indecoroso e indecente"
Pérez Costanti: Notas viejas galicianas, p. 242

Por cousa destas expresións de violencia vicaria (dirixida ó demo pero practicada sobre as persoas que conducían a figura que o representaba), en 1777 prohibiuse sacar a Coca na procesión por ser motivo de desprezo, alborotos e de confusión e medo para nenos e mulleres. Sexa por estas prohibicións, sexa por ir esmorecendo a tradición, o feito é que agora Redondela é o único lugar de Galicia onde sae a Coca na procesión do Corpus.

A tarasca

editar
 
A tarasca de Tarascón levada cunha cinta por unha pequena Santa Marta.

Segundo conta a lenda, esta criatura vivía en Tarascón, Provenza, e destruía todo ó seu paso. Era unha especie de dragón con seis patas parecidas ás dun oso, un torso parecido ó dun boi cunha cuncha de sapoconcho no seu lombo e unha cola cuberta de escamas que terminaba no aguillón dun escorpión. A súa cabeza era coma a dun león con orellas de cabalo.[11]

 
Santa Marta e o dragón, atribuído a André Abellon, pintor dominico. Igrexa de María Magdalena en Saint-Maximin-la-Sainte-Baume, Var (Francia).

O Rei de Tarascón mandara atacar sen éxito á tarasca con tódolos seus soldados, pero Santa Marta encantou á besta coas súas pregarias, e volveu á cidade coa besta domada. Os habitantes aterrorizados atacaron á criatura ó caer a noite, que morreu alí mesmo sen ofrecer resistencia. Entón Santa Marta predicou un sermón á xente e converteu a moitos deles ó cristianismo. Arrepentidos de dar morte ó domado monstro, os habitantes cambiaron o nome do pobo a Tarascón.

Desde o 25 de novembro de 2005, as festas da tarasca en Tarascón foron proclamadas pola UNESCO como parte do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade e foron inscritas no 2008 dentro do apartado Xigantes e dragóns procesionais de Bélxica e Francia.[12]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tarasca.
  2. "a confraría de Santa Oufémea, que he dos çapateiros, cos seus ofiçios et coquetriz" (Vítor Vaqueiro)
  3. Sarmiento escribía en 1760 que "La voz 'cocotriz' ya significaba entonces el cocodrilo, en lengua castellana. Así a ese figurón como serpiente llaman en Galicia la 'Coca' y en Castilla 'Tarasco' o 'Tarasca'" (Dicionario de Dicionario, s. v. Coca). No mesmo Dicionario de Dicionarios recóllese a voz cocadriz co significado de crocodilo.
  4. "A qoqa he escandallosa" (Vítor Vaqueiro).
  5. Concello de Redondela (ed.). "Festa da Coca ´2012". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2012. Consultado o 8 de agosto de 2012. 
  6. En Dicionario de Dicionarios, s.v. coca.
  7. "La coca echa humo mientras recibe la visita de su hermana de Monção", en Faro de Vigo 29.05.1997, px. 29.
  8. MUNDIARIO (2022-09-26). "Isla de San Vicente, Brandaliz y la leyenda del Dragón". MUNDIARIO (en castelán). Consultado o 2024-06-05. 
  9. (Cuba, Miranda & Reigosa 1999, pp. 84-85)
  10. Vítor Vaqueiro.
  11. Légende dorée, Sainte Marthe Arquivado 01 de decembro de 2018 en Wayback Machine., traduction Roze, tome 2, 1902 (en francés)
  12. Xigantes e dragóns procesionais de Bélxica e Francia (en castelán), (en francés), (en inglés) e (en árabe)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar