Fervenza de Augacaída

Coordenadas: 42°31′02″N 7°42′46″O / 42.517144444444, -7.7127666666667

A fervenza de Augacaída[1] é unha cachoeira formada polo río Aguianza na súa desembocadura ao río Miño. A altura da fervenza é duns 40 metros.

Fervenza de Augacaída en Pantón

Características editar

 
Vistas do río Miño dende o castro de Marce.

Atópase en Marce, parroquia de Vilar de Ortelle, no concello de Pantón. O río Aguianza recolle as augas do rego das Cernadas e do Calve. A 400 metros está o castro de Marce. Existen varias lendas relacionadas coas fervenzas, que din que detrás delas hai unha porta máxica gardada por bruxas as cales levarán baixo o río ao mozo que se atreva a pasar, e así poderá casar coa súa princesa encantada e posuír unha gran fortuna.[Cómpre referencia]

A Fervenza de Augacaída sitúase no lado leste do canón que forma o val do Río Miño. Este val consta de pronunciadas ladeiras que poden chegar a acadar alturas de ata 500 metros, orixinando uns desniveis de case 300 metros, situándose a unha cota de 200 metros sobre o nivel do mar, sabendo que a auga do río Miño consérvase no encoro de Belesar.

Augas arriba hai outras fervenzas de tamaño menor. Aos pés da fervenza hai unha poza, na que cae con forza a auga.

Paisaxe e ecoloxía editar

A fervenza atópase oculta na espesura dun bosque formado de castiñeiros, carballos e outras especies autóctonas, pero principalmente por carballos, entre os restos de viñedos abandonados.

En canto á fauna, podemos encontrar libeliñas, as cales se adoitan pousar nas beiras dos cursos de auga, anfibios como os sapos, que se achegan ás augas limpas nas súas épocas de cría.

Accesos editar

Existiu unha época na que o camiño ata a fervenza de Augacaída quedou totalmente cerrado pola maleza. Pero no ano 2000 no mes de xuño, o camiño foi novamente reaberto grazas a un equipo de persoas que asistían a un curso formativo de operarios medioambientais, volvendo a popularizar a ruta, á que só se tiña acceso a través dunhas varandas de corda e camiños de pedras.

Hoxe en día, dende hai case dous anos, o camiño foi acondicionado pola Deputación de Lugo, de xeito que se incorporou á ruta unhas pasarelas de madeira, escaleiras e limparon o acceso, facilitando así a chegada. Tamén se colocaron paneis de madeira indicativos para facilitar a ruta, así como un pequeno aparcadoiro antes de iniciar o camiño. O camiño total da ruta de ida e volta e duns 5 km.

O acceso faise pola estrada de Ourense a Monforte de Lemos, a continuación colleremos o cruzamento que indica Guítara e posteriormente dirixímonos dirección Marce. Pouco antes de chegar á aldea hai un cartel do lado esquerdo que indica o camiño á fervenza.

Unha vez alí, hai que baixar un sendeiro cunha lonxitude de 2 km. Pero existen unhas escaleiras de madeira as cales dan a un pequeno miradoiro que ten un banco de madeira, con vistas directas á fervenza. Pódese seguir ata a poza na que se depositan as augas da cascada, a través dunha pasarela de madeira.

Notas editar

  1. Rueda, Carlos (26 de xuño de 2017). "Augacaída, la ruta más popular de la Ribeira Sacra". La Voz de Galicia. Consultado o 10 de maio de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar