Fernando Seoane

futbolista español
(Redirección desde «Fernando Seoane Antelo»)

Fernando Seoane Antelo, nado o 25 de marzo de 1983 en Tapia, Ames, é un exfutbolista galego. Xogaba como centrocampista e desenvolveu toda a súa carreira entre a Segunda División e a Segunda División B. É o segundo futbolista con máis partidos disputados na historia da Segunda División, con 426 encontros, só por detrás dos 571 de Nino.

Seoane
Información persoal
Nome Fernando Seoane Antelo
Nacemento 25 de marzo de 1983
Lugar de nacemento Santiago de Compostela
Altura 1,79 m
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Villestro
Compostela
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2002–2003 Compostela B
2003–2004 Compostela 30 (0)
2004–2006 Alavés B 61 (4)
2006–2007 Burgos 37 (1)
2007–2009 Écija 71 (0)
2009–2010 Lugo 36 (0)
2010–2012 Gimnàstic 75 (0)
2012–2022 Lugo 351 (7)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Futbolista histórico do Lugo, é o cuarto xogador con máis partidos da historia do club (397), só por detrás de Alvite, Domínguez e Carlos Pita, futbolista este último co que formou a dupla titular no centro do campo durante unha década. É ademais o futbolista con máis partidos en Segunda División na historia do Lugo (351).

Traxectoria editar

Comezos no Compostela editar

Nado en Tapia, Ames, xogou ao fútbol na SD Villestro ata a idade cadete, entrando logo na canteira do Compostela. Tras pasar polo equipo xuvenil e polo filial compostelán, debutou na Segunda División B co primeiro equipo na tempada 2003/04, da man do adestrador Pichi Lucas. No seu primeiro ano xogou 30 partidos, aínda que non puido evitar o descenso do seu equipo á Terceira. Con todo, o seu rendemento chamou a atención doutros clubs da categoría de bronce, asinando ao ano seguinte co filial do Deportivo Alavés.

Periplo pola Segunda B editar

Permaneceu dúas temporadas no Alavés B, sendo un dos habituais do once titular do equipo vasco. Con todo, o equipo tamén descendeu de categoría e Seoane buscou novo equipo. Esta vez asinou co Burgos CF, adestrado por Gonzalo Arconada. Militou un ano no club burgalés, onde xogou como lateral dereito, e disputou a fase de ascenso a Segunda, eliminando o Alcoyano e caendo na final contra o Sevilla Atlético.[1]

Na tempada 2007/08 fichou polo Écija Balompié, da mesma categoría. No equipo andaluz coincidiu con futbolistas como Xisco Campos ou Nolito, e proclamouse campión do grupo IV, pero non logrou o ascenso ao perder na final da fase de ascenso contra o Huesca, despois de ter eliminado ao Fabril.[2]

Primeiro paso polo Lugo editar

Na temporada 2009-10, volveu a Galiza e asinou co Lugo de Quique Setién, onde se converteu nun dos piares do equipo, formando unha destacada parella de mediocentros xunto con Marcos Rodríguez. Disputou 35 partidos, todos como titular, perdendo só tres encontros por sanción. Tras o seu gran ano, interesáronse por el varios equipos da Segunda División. Finalmente, decidiu asinar co Gimnàstic de Tarragona de Luis César Sampedro.[3]

Debut en Segunda co Nàstic editar

Debutou na Segunda División na primeira xornada da tempada 2010/11, nun partido contra a UD Las Palmas no estadio de Gran Canaria que acabou con derrota (3-2).[4] Xa no seu primeiro ano na categoría de prata converteuse nun dos xogadores fundamentais do equipo catalán, tendo como compañeiro máis habitual no centro do campo a Fernando Morán. Xogou 38 partidos esa primeira tempada, 37 deles como titular. Na seguinte campaña disputou 38 encontros, 35 como titular, pero non puido evitar que o equipo descendese a Segunda B.[5]

Segunda etapa no Lugo editar

Tras o descenso do Nàstic, o recentemente ascendido CD Lugo interesouse de novo polo xogador, asinando este polo club galego. Titular indiscutible dende a súa chegada, converteuse nun dos alicerces do equipo durante a seguinte década xunto con Carlos Pita, disputando preto de 400 partidos cada un. Na tempada 2016/17 coincidiu no Lugo co que fora o seu adestrador no Nàstic, Luis César Sampedro, obtendo o equipo o 9º posto, a mellor clasificación da historia do club.

O 28 de maio de 2022 disputou o seu último partido como profesional, saíndo como titular no derradeiro partido da tempada 2021/22 ante o Málaga no Anxo Carro (1-0). Foi o seu 426º partido na Segunda División, co que superou os 425 de Quique Martín, colocándose en solitario como o segundo futbolista con máis partidos na historia da competición, só po detrás dos 571 de Nino.[6]

Clubs editar

Club Div Tempada Liga Copa do Rei Promocións Total
Part. Goles Part. Goles Part. Goles Part. Goles
Compostela B 2002–03
Compostela 2ª B 2003–04 30 0 1 0 31 0
Alavés B 2ª B 2004–05 36 1 37 1
2ª B 2005–06 25 3 25 3
Total club 61 4 61 4
Burgos CF 2ª B 2006–07 34 1 3 0 3 0 40 1
Écija 2ª B 2007–08 35 0 0 0 4 0 39 0
2008–09 32 0 2 1 34 1
Total club 67 0 2 1 4 0 73 1
Lugo 2ª B 2009–10 35 0 35 0
Nàstic 2010–11 38 0 0 0 38 0
2011–12 37 0 1 0 38 0
Total club 75 0 1 0 77 0
Lugo 2012–13 36 0 1 0 37 0
2013–14 40 2 1 0 41 2
2014–15 41 1 2 0 43 1
2015–16 39 1 2 0 41 1
2016–17 38 2 1 0 39 2
2017–18 41 1 1 0 42 1
2018–19 34 0 0 0 34 0
2019–20 32 0 0 0 32 0
2020–21 28 0 2 0 30 0
2021–22 22 0 1 0 23 0
Total club 386 7 11 0 397 7
Total 653 12 18 1 7 0 678 13

Notas editar

  1. "De la banda derecha de El Plantío a histórico en Segunda" (en castelán). 15 de outubro de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2021. 
  2. "El último superviviente" (en castelán). 21 de maio de 2018. Consultado o 10 de decembro de 2021. 
  3. "El Nàstic ficha a Fernando Seoane para la próxima temporada". Marca. 28 de abril de 2010. 
  4. "3-2. Las Palmas convence ante el Nàstic a base de goles y cantera". Mundo Deportivo (en castelán). 28 de agosto de 2010. Consultado o 10 de decembro de 2021. 
  5. "El Nàstic certifica su descenso". Marca (en castelán). 19 de maio de 2012. Consultado o 10 de decembro de 2021. 
  6. Conde, Luis (28 de novembro de 2021). "Seoane, bronce en experiencia". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 10 de decembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar