Feniano
Feniano é un termo que se emprega dende mediados do século XIX para referirse aos nacionalistas irlandeses contrarios ao dominio británico sobre a Illa de Irlanda. Adoita ser empregado tamén para referirse aos membros da Irmandade Republicana Irlandesa. Malia que nun principio esta palabra se refería aos nacionalistas irlandeses, co paso do tempo o seu uso expandiuse ata pasar a denominar os simpatizantes do nacionalismo irlandés e aos católicos de ascendencia irlandesa (estereotipados como simpatizantes do nacionalismo irlandés). En Irlanda do Norte e Escocia empréganse hoxe as máis das veces cun significado pexorativo; en Australia tamén pasou a ter esta connotación.
Etimoloxía
editarEsta palabra deriva do irlandés Na Fianna ou Na Fianna Éireann, que na mitoloxía celta era unha banda de guerreiros formada para protexer Irlanda, de entre os que Fionn Mac Cumhaill era o máis famoso.
Fenianismo
editarO fenianismo, de acordo con John O'Mahony, está fundamentado en dous principios: o dereito natural de Irlanda a independizarse, e que este dereito só se pode levar a cabo mediante unha revolución armada.[1]
O termo fenianismo foi empregado ás veces na política do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda na década de 1960 do século XIX para referirse a calquera forma de mobilización da clase obreira ou que expresara algún sentimento nacionalista irlandés.
Uso histórico
editarA Irmandade Feniana foi fundada en 1858 por John O'Mahony, James Stephens e Michael Doheny como rama estadounidense da Irmandade Republicana Irlandesa. Rapidamente independizouse desta, aínda que continuou traballando para gañar o apoio dos irlandeses estadounidenses a unha rebelión armada en Irlanda.
«Feniano» (Fenian) é o único epitafio na tumba de Thomas James Clarke, nacionalista irlandés executado polo Exército Británico logo do Alzamento de Pascua de 1916.
Canadá
editarA Irmandade Feniana realizou na década de 1860 varios intentos de invadir partes do sur do Canadá, daquela baixo dominio británico, co fin de meter presión ao Reino Unido para que lle concedera a independencia a Irlanda.
Uso actual
editarIrlanda do Norte
editarEn Irlanda do Norte, este termo é empregado para deignar aos católicos ou nacionalistas irlandeses (para os unionistas é un sinónimo), e xeralmente é considerado pola xente (tanto católicos como protestantes) como ofensivo.
En 1984, o político unionista, e membro da Forza de Voluntarios do Ulster, George Seawright provocou a indignación nunha reunión da Oficina para a Educación e Bibliotecas de Belfast ao afirmar que os católicos contrarios a que se izara a bandeira unionista non eran máis que "escoura feniana que foron adoutrinados pola Igrexa católica". "A escoura feniana" era tamén un dos insultos dirixidos aos pais de alumnas católicas por parte dos militantes unionistas na disputa da santa cruz.[2]
Fianna Fáil é tamén o nome dun partido político da República de Irlanda.
Escocia
editarO termo feniano emprégase tamén con sentido pexorativo en Escocia. Durante os partidos de fútbol, especialmente entre o Rangers FC e o Celtic FC[3], xa que este último equipo ten as súas orixes nos inmigrantes irlandeses en Glasgow, e o club estivo historicamente asociado ao nacionalismo irlandés. Nunha tentativa de erradicar "cancións discriminatorias", nos Rangers tentouse fomentar o canto de máis cancións tradicionais como Wolverhampton Town.[4]
A pesar de que é considerado un insulto contra os católicos, moitos cren que non se refire a tódolos católicos, senón aos seguidores do nacionalismo irlandés ou como termo pexorativo dirixido aos seareiros do Celtic. Xogadores protestantes como Paul Lambert tamén recibiron este insulto. Ultimamente, os seguidores do Celtic tentaron ridiculizar o xogador católico dos Rangers Chris Burke coa frase quen é o feniano dos azuis?".[5]
Australia
editarEn Australia, o termo ten un significado pexorativo contra os membros do Partido Laborista Australiano (ALP) que son nacionalistas australianos e teñen un concepto similar ao dos seguidores católicos irlandeses da independencia irlandesa. Michael Atkinson, Procurador Xeral de Australia Meridional, considera a aqueles membros do ALP que querían remover o nome do Consello da Raíña como fenianos e bolxeviques nun discurso feito na Convención do ALP en Adelaida o 15 de outubro do 2006. Os católicos irlandeses foron tradicionalmente seguidores do ALP e influíron na posición do partido no referente á monarquía.
Notas
editar- ↑ Ryan (1967), p. 318
- ↑ http://u.tv/newsroom/indepth.asp?id=9601&pt=
- ↑ "Ibrox chant ruling goes to appeal" (en inglés). 2006-04-18. Consultado o 2022-09-06.
- ↑ "Rangers revive traditional songs" (en inglés). 2006-08-04. Consultado o 2022-09-06.
- ↑ http://www.bbc.co.uk/scotland/sportscotland/offtheball/illinformer/?2004/03/29[Ligazón morta]
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ryan, Desmond (1967). The Fenian Chief: A Biography of James Stephens (en inglés). Dublín: Hely Thom LTD.