Eu conto, ti cantas

obra literaria de María Victoria Moreno

Eu conto, ti cantas... é un libro de Literatura infantil que reúne tres contos en verso de María Victoria Moreno, publicado en 2005.[1] A 4ª edición é de xaneiro de 2018.[2]

Eu conto, ti cantas...
Autor/aMaría Victoria Moreno
Ilustrador/aManuel Uhía
OrixeGalicia
LinguaGalega
ColecciónMerlín, de 7 anos en adiante
Xénero(s)Poesía
EditorialXerais
Data de pub.2005
Páxinas64
ISBN978-84-9782-358-6
editar datos en Wikidata ]
Homenaxe a MVM no IES GTB

Características editar

Dedicatoria: Para Begoña, que chega á casa ao solpor e regálame todas as luces do día

A autora aínda puido asistir á presentación do libro un mes antes do seu pasamento en novembro de 2005.

Este libro, protagonizado por animais, é unha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear na súa literatura. Son tres contos para todos os nenos e nenas de sete anos en diante que buscan o amor nos olliños doces de mel dun can de bondadosas orellas.

¡Xa non teño medo! editar

Este conto xa fora publicado en 1998 na colección A maxia das palabras.

Un cativo, Xan, ten medo cando se vai deitar. Grazas a unha chorumiña, ao ir durmir na bufarda non sente medo da noite e comproba que no ceo sae a lúa e florece o sosego na terra escura [3]. A noite vai ser unha festa divertida e poboada de elementos máxicos e suxestivos. Os sons, os amigos curiosos que viven no armario, as sombras que esvaecen co fermoso luar e os personaxes que poboan a noite da súa vila velando polos demais, son retratados a través da ollada infantil, desbotando o medo a favor da maxia da vida cotiá.

Eu non durmo na bufarda
porque son malo,
porque esperto de noite
e porque falo
...
....
Eu, cando sexa grande,
serei bombeiro
acaso policía
ou quizais médico

Son bos oficios:
gáñase o pan velando
polos veciños[4].

Can branco, can negro editar

Publicado antes como Nico e Miños.

Os protagonistas son dous cans, un branco e un negro. Nicolau é un canciño que foi recibido por todos con aloumiños e festas, mentres que Correcamiños naceu na beiravía da estrada onde súa nai foi abandonada; ambos os dous un bo día xuntaranse nun arrabalde perdido e unirán para sempre o seu destino, nunha amizade entre cans que non entende de cores[5].

Chamáronlle Nicolau
un día de primavera
cando chegou a esta vida
aquel seu nobelo de seda.
...
....
Correcamiños naceu
na beiravía da estrada
onde un home malo e feo
botara a cadela branca,
que levaba na barriga
seis cadeliños de nata[6].

¿Un cachiño de bica? editar

Xa fora publicado en 1994.

Protagonizado por un mozo que mentres almorza nun restaurante ve como da súa cunca saen letras que lle queren contar unha historia. Ten tres partes, correspondentes a cada unha das comidas do día[7]. Esa historia é a de Iván que coida a Nica, unha cadela ben xeitosa, á que moito lle gustan os cachiños de bica; os dous están unidos polos lazos da complicidade e a necesidade mutua.

Cunha presa de letras
e un aloumiño
vouche contar un conto
coma un sorriso

Un conto ledo
coma os ollos dun can
e a voz dun neno
...
...
Se che gustou o conto
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:

fai coma Iván:
busca o amor
nos ollos doces dun can[8].

Notas editar

  1. Moreno, María Victoria (2005). Eu conto ti cantas... Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-358-6. 
  2. Moreno, María Victoria (2018). Eu conto ti cantas... Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-358-6. 
  3. "Despedidas que mancan o corazón. Isabel Soto Santiago". culturagalega.gal. Consultado o 28/04/2018. 
  4. Moreno 2018, p. 9-21.
  5. "Ficha da Editorial". Consultado o 28/04/2018. 
  6. Moreno 2018, p. 25-26.
  7. Pena, Montse (2018). A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Letras Galegas. Galaxia. ISBN 978-84-9151-156-4. 
  8. Moreno 2018, p. 41-61.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar