Esterilización (procedemento cirúrxico)
A esterilización é unha técnica cirúrxica que deixa a un home ou unha muller sen posibilidade de reproducirse. Trátase dun método de control da natalidade (para causas non cirúrxicas de esterilidade, véxase infertilidade).
Os métodos comúns de esterilización son:
- A vasectomía nos homes. Córtanse os condutos deferentes, os tubos que conectan os testículos coa próstata. Así evítase que os espermatozoides producidos nos testículos pasen a formar parte do seme (que se produce sobre todo nas vesículas seminais e na próstata).
- A ligadura de trompas nas mulleres. As trompas de Falopio, que permiten aos espermatozoides fecundar o óvulo e transportan o óvulo fecundado até o útero, están pechadas. En xeral, isto implica unha anestesia xeral e unha laparotomía ou unha laparoscopia para cortar, clipear ou cauterizar as trompas de Falopio. Menos común é a Obstrución tubárica definitiva ou método Essure para a obstrución dos condutos polos efectos duns tubos colocados por un catéter que pasa a través do colo uterino e o útero.
Outros procedementos para conseguir a esterilidade, son:
- A histerectomía nas mulleres. O útero extírpase cirurxicamente, de maneira permanente, para evitar o embarazo e algunhas enfermidades, como o cancro de útero.
- A castración nos machos. Os testículos extírpanse cirurxicamente. Isto utilízase con frecuencia para a esterilización dos animais, para conseguir vantaxes como a docilidade, a forte redución do impulso sexual e o máis rápido aumento de peso (que é desexábel nalgúns casos, por exemplo para acelerar a produción de carne).