Laparoscopia
A laparoscopia ou laparoscopía é unha técnica cirúrxica que permite a visión da cavidade pelviabdominal coa axuda duns dispositivos ópticos, introducidos a través de pequenas incisións na parede abdominal. A través dunha pequena incisión, a fibra óptica transmite luz que ilumina a cavidade, mentres que se observan as imaxes do interior cunha cámara conectada á mesma lente. O aparello empregado denomínase torre de laparoscopia, ou simplemente laparoscopio. É unha técnica complexa que require que o cirurxián teña experiencia.
Esta técnica é menos invasiva, e oferta unha vantaxe respecto da cirurxía aberta, que era a técnica empregada neste tipo de cirurxias antes da chegada da cirurxía laparoscópica. Así, a laparoscopia ten dous obxectivos:
- O diagnóstico laparoscópico, empregado cando non se puido establecer o diagnóstico con outras técnicas.
- A cirurxía laparoscopia, empregada en intervencións como a colecistectomía.