Terremoto de Granada de 1884

(Redirección desde «Terremoto de Andalucía de 1884»)

O Terremoto de Granada foi un sismo rexistrado na provincia española de Granada o 25 de decembro de 1884, con epicentro en Arenas del Rey. O tremor tivo unha magnitude de entre 6,2 e 6,5 graos na escala de Richter, e durou aproximadamente 10 segundos cun hipocentro a entre 40 e 50 quilómetros baixo terra, causando entre 1050 e 1200 vítimas, e ao redor do dobre de feridos.[1]

Dimensións e zonas afectadas editar

 
Ruínas da Igrexa de Zafarraya tralo terremoto.

O terremoto alcanzou unha expansión de 120 x 70 km, afectando uns cen núcleos urbanos de Granada e Málaga, sendo Albuñuelas del Valle unha das localidades máis afectadas. A poboación naquela época era duns 1640 habitantes, cun total de 489 edificios. Segundo os datos estatísticos da época houbo 104 mortos e uns 500 feridos, unha gran parte do total, formado por 800 mortos e 1500 feridos.[2] Ademais do desprendemento de rocas, causado polo tremor hai que sumar os deslindamentos dos estratos superiores do terreo, feito que agravou as secuelas do terremoto. Estes deslindamentos foron acompañados da formación de numerosas gretas.

Á sacudida máis importante seguíronlle varias sacudidas máis nos días posteriores, algunha de certa intensidade, isto fixo que a xente se botase á rúa, e o que quedaba na súa casa facíao coas portas abertas, a pesar do intenso frío.

Reacción pública e reconstrución editar

 
Terremoto en Málaga de Enrique Simonet.

Dadas as comunicacións existentes naquela época, a localización dos pobos e que o terremoto se produciu en pleno día de Nadal, até o día 27 dese mes non se coñeceu con exactitude o dano sufrido. Ese mesmo día, a Deputación Provincial enviou unha comisión informativa que recolleu o ocorrido. O día 29 de decembro, o xornal El Defensor de Granada pediu auxilio en prensa nacional, pero como aínda non se estendeu a noticia, a alarma foi interpretada en Madrid, como unha esaxeración, polo que a axuda seguiu atrasándose. Durante os 3 ou 4 días seguintes ao terremoto cada familia tivo que subsistir cos seus escasos medios, co que morreron máis persoas das provocadas polo terremoto en si. Ademais, aos poucos días do terremoto sobreveu na zona unha das maiores nevadas que se lembra en España, empeorando a situación.

As primeiras axudas que se recibiron foron cargamentos de víveres e de mantas. O consello de ministros presidido polo rei, acordaron abrir unha subscrición nacional convidando a todos os empregados do Estado a ceder unha parte dos seus soldos o primeiro día do seguinte mes de febreiro, e a que se fixesen espectáculos e festas a beneficio das comarcas danadas. Entre as que máis destacan está a celebrada o 28 de xaneiro de 1885, un concerto benéfico, organizado polos duques de Fernán Núñez, con representación de artistas do Teatro Real. Ao acto asistiron os reis Afonso XII e María Cristina e as infantas Isabel e Eulalia, quen contribuíron a que a recadación caritativa da festa fose maior.

Unha vez emendada a falta de alimentos, a necesidade máis próxima foi a da vivenda dos seus habitantes. En primeiro lugar recorreuse a tendas de campaña, dispostas de inmediato polo Goberno a fin de que puidesen gorecerse provisionalmente aqueles que quedaron sen fogar por efecto dos terremotos.

A Congregación de Madres de Desamparados y San José da Montaña fundada pola entón Nai Petra de San José acolleu a todas as orfas da catástrofe no antigo convento dos Capuchinos que por aquel entón albergaba en noviciado da Congregación.[3][4]

En total, se reedificaron case un milleiro de vivendas e reparáronse unhas 14.000. Investíronse 10 millóns de pesetas da época achegadas por poboacións de todo o mundo. En 1885 creouse a chamada Comisaría Rexia, encargada de distribuír estes fondos entre os afectados que estivo en funcionamento durante 32 meses. Cónchar, un dos municipios máis afectados, recibiu 31.870,62 de pesetas da Comisaría Rexia, e Dúrcal 13.062,75 pts da Comisaría Rexia e outras corporacións.

Notas editar

  1. www.conchar.com. "Terremoto de Andalucía, año 1884". 
  2. IAG. "El terremoto de 1884". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2014. Consultado o 15 de xaneiro de 2016. 
  3. Boletín de la Diócesis de Málaga. 31 de enero de 1885.
  4. «El cura párroco de Ibahernando (Cáceres), don Alfonso Rodríguez, ha reclamado el prohijamiento de un niño huérfano a causa de los terremotos de Málaga y Granada.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar