Escala de Richter

A escala de Richter cuantifica a magnitude sísmica dun terremoto.

Historia

editar

A escala de Richter foi desenvolvida en 1935 polos sismólogos Charles Francis Richter e Beno Gutenberg, ambos membros do California Institute of Technology (Caltech), que estudaban sismos no sur da California.

Principio

editar

É unha escala logarítmica: a magnitude de Richter corresponde ao logaritmo da medida da amplitude das ondas sísmicas de tipo P e S a 100 km do epicentro.

A fórmula utilizada é ML = logA - logA0 onde A representa a amplitude máxima medida no sismógrafo e A0 unha amplitude de referencia.

Así, por exemplo, un sismo con magnitude 6 ten unha amplitude 10 veces maior que un sismo de magnitude 5. Con todo, o sismo de magnitude 6 libera preto de 31 veces máis enerxía que o de magnitude 5.

A graduación

editar

Na práctica, a escala está graduada de 1 a 9, mais teoricamente é ilimitada.

  • 1. Detectado só por instrumentos científicos.
  • 2. Sentido por algunhas persoas e animais.
  • 3. Sentido por moitas persoas.
  • 4. Sentido por todas as persoas.
  • 5. Destrúe algunhas construcións
  • 6. As estruturas balancéanse e as paredes comezan a caer.
  • 7. Destrúe moitas construcións e mata xente.
  • 8. Un desastre.
  • 9. Destrución total. (Caos, morte e destrución)

O sismo máis forte xamais rexistrado foi o gran terremoto de Chile, o 22 de maio de 1960, que acadou o valor de 9,5 nesta escala. Do outro lado da escala, a caída dunha tella dunha altura de 1 m. ten a magnitude -2.

Magnitude e intensidade

editar

A escala de Richter non permite avaliar a intensidade sísmica dun sismo nun lugar determinado, e en particular en zonas urbanas. Para iso, utilízanse escalas de intensidade tales como a escala de Mercalli.

A magnitude é única para cada sismo, mentres que a intensidade das ondas sísmicas diminúe conforme a distancia das rochas atravesadas polas ondas e as liñas de falla.