Rabia

enfermidade infecciosa producida polo virus da rabia

A rabia é unha enfermidade infecciosa, producida polo virus da rabia da familia Rhabdoviridae, xénero Lyssavirus, transmisible entre os animais de sangue quente, incluído o home, polo que se clasifica como zoonose. Afecta ao sistema nervioso e causa encefalite. En España non se detectaron casos de rabia entre animais salvaxes terrestres desde 1975, en Málaga, aínda que nos anos oitenta e noventa comprobouse a presenza do virus en cans en Ceuta e Melilla. O último caso español de rabia humana mortal foi en Melilla, en 1979. A partir de 1987 diagnosticouse a presenza do virus nos morcegos insectívoros da península, e desde entón houbo máis casos nestas especies. Como segue sendo unha enfermidade enzoótica en Marrocos, Andalucía presenta máis risco.

Rabia
Clasificación e recursos externos
Can con rabia, deixando cae-la saliva da boca (1955).
ICD-10A82
DiseasesDB11148
MedlinePlus001334
eMedicineeerg/493 ped/1974
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O 5 de xuño de 2013 reportouse un caso de rabia nun can de Toledo que finou abatido pola policía o 1 de xuño. O can fora vacinado, pero viaxara a Marrocos en decembro de 2012 sen se cumprir o tempo recomendado para o desenvolvemento da inmunidade á rabia.[1] Os propietarios do can infectado introducírano en España no mes de abril desde Marrocos e un deles viaxou con el dende Cataluña ata Castela-A Mancha no mes de maio, ata que escapou o 31 de maio de 2013.[1]

En Galicia, o último caso diagnosticouse en 1962 aínda que ata 1994 non se declarou oficialmente o territorio libre de rabia.

Nos países da Unión Europea só houbo un único caso, mortal, en 2009, dun cidadán de Romanía. Non obstante, no mesmo ano detectáronse 859 casos de rabia animal (151 en animais domésticos, 671 en animais salvaxes e 37 en morcegos), en Romanía, Letonia, Italia, Bulgaria e Lituania, pero tamén algún resultado positivo en morcegos en Francia e Holanda.

Considérase como enfermidade de declaración obrigatoria, tanto nos casos humanos coma nos animais.

O 28 de setembro celébrase o Día Mundial contra a Rabia (o 28 de setembro de 1895 morreu Louis Pasteur, descubridor da vacina contra a rabia) [2]. A enfermidade aínda afecta a máis de 150 países no mundo e provoca decenas de miles de mortes anuais, especialmente en Asia e África. A vacinación é un método preventivo totalmente eficaz.

Etioloxía editar

Véxase tamén: Virus da rabia e Lyssavirus.

O axente causante da rabia é o virus da rabia (e en menor medida outros serotipos relacionados), que é un virus ARN da familia Rhabdoviridae e xénero Lyssavirus. Hai descritos sete variantes ou serotipos de lisavirus, dos que só dous afectan aos animais terrestres e seis aos morcegos (ambos os grupos comparten un serotipo). Só tres (o 1, e en menor medida o 5 e 6) teñen relevancia na nosa área.

  • Serotipo 1, de distribución cosmopolita. Agrupa as cepas dos carnívoros domésticos e salvaxes e dos morcegos americanos. É o prototipo do virus da rabia (rabia clásica) e utilízase como virus vacinal e é a especie tipo do xénero.
  • Serotipo 2 (virus lagos bat), propio de Nixeria e Suráfrica. Afecta a morcegos fruxívoros. Illado en 1958.
  • Serotipo 3 (virus Mokola), propio de Nixeria e o Camerún. Afecta a ratos silvestres, cans e gatos.
  • Serotipo 4 (virus Duvenhage), propio de Suráfrica e Rusia. Afecta aos morcegos. Illado en 1971, nunha persoa.
  • Serotipo 5 (virus EBL-1), propio de Europa, incluída España. Afecta a morcegos insectívoros. Foi o responsable de dúas das mortes de persoas mordidas por morcegos (un terceiro caso foi debido ó serotipo EBL-2).
  • Serotipo 6 (virus EBL-2), propio do norte de Europa. Afecta a morcegos insectívoros.
  • Serotipo 7 (virus ABL), propio de Australia. Afecta a morcegos fruxívoros.

Epidemioloxía editar

O principal reservorio do virus de rabia en España é o raposo, desde o que pasa ao can e deste ao ser humano a través de trabadas ou por contaminación de feridas externas (rabuñazos, abrasións) a partir do cuspe dun animal enfermo. Aínda así son posibles outras vías e fontes de contaxio, coma os gatos ou morcegos [3]. Desígnase rabia urbana a transmitida polos cans e rabia silvática a transmitida por raposos e morcegos; é moito máis infrecuente, pero posible, a rabia no gando doméstico, esquíos, coellos, ratas ou ratos.

O virus da rabia é incapaz de atravesar a pel intacta, polo que necesita ser inoculado a través da trabada dun animal enfermo ou mediante o contacto do seu cuspe con rabuñazos, erosións ou mesmo a través das mucosas. É posible tamén a transmisión por vía aérea, comprobada en covas cunha alta poboación de morcegos. Hai descrito algún caso de transmisión por transplante de córnea.

A posibilidade de contaxio pode darse antes de que o animal enfermo manifeste ningún síntoma (cans e gatos transmiten a rabia ata 10 días antes de mostrar sintomatoloxía) e, por suposto, durante todo o curso da enfermidade.

O período de incubación é variable segundo a especie animal, a profundidade e amplitude da ferida, ou a zona na que se produciu. No home oscila entre 2 e 8 semanas, pero déronse casos de períodos máis curtos ou ata superar o ano. No can, gato e aves é de 14 a 60 días; no porco, ovella e cabra, de 21 a 60 días; nos bóvidos, de 14 a 28 días; no cabalo, de 21 a 90 días. No raposo oscila entre os 25 e 30 días.

Cadro clínico editar

 
Enfermo de rabia (1959)

A sintomatoloxía máis característica está representada polo aumento da agresividade do animal enfermo. Outros síntomas dependerán da especie e da fase da enfermidade.

No can descríbese unha fase inicial, prodrómica (asintomática), tamén chamada período melancólico. Vén durar 1-3 días e adoita pasar inadvertida. No caso de manifestar síntomas, estes consisten en irritabilidade, lixeiros trastornos respiratorios e deposicións e miccións dolorosas.

A segunda fase, de excitación, é moi curta ou mesmo pode faltar. Caracterízase pola tendencia á agresión a outros animais ou á xente, fuxida do seu contorno doméstico e parálise progresiva dos músculos larínxeos, que se manifesta con ladrido rouco, e farínxeos, con deglutición dolorosa que fai que semelle rexeitar comer ou beber. Esta actitude de excitación ante a auga, pola sede que padece sen poder beber, é a orixe da denominación de hidrofobia.

Na terceira fase, que dura uns 3-8 días, esténdese a parálise muscular ao maxilar inferior, ao tronco e ás extremidades, rematando con parálise total, convulsións e a morte.

No caso do gato, o síntoma máis patognomónico (característico) é a agresividade e a tendencia a agocharse nun curruncho protexido. A parálise e a morte acontece aos 10-12 días.

No home adoita ser mortal se non se actúa antes da aparición dos primeiros síntomas clínicos. A enfermidade vén durando de 2 a 10 días e manifesta as tres fases clásicas: unha primeira fase melancólica ou prodrómica, con formigo na zona da mordedura, tristeza e abatemento; fase de excitación, ao cabo de 24-48 horas, con sensibilidade esaxerada ante estímulos sonoros ou luminosos, salivación continua e espasmos dolorosos farínxeos cando intentan tragar a saliva; e fase paralítica, con convulsións e parálise muscular, que remata coa morte por parálise cardiorrespiratoria. Nun 15% dos casos só se manifesta esta terceira fase.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Epidemiologia, Centro Nacional de (2014-03-10). "Caso de rabia canina importada de Marruecos a España. Junio de 2013.". Boletín epidemiológico semanal 21 (17): 225–229. ISSN 2173-9277. 
  2. "Día Mundial contra la Rabia 2022". Consultado o 2022-11-20. 
  3. Aínda así, a transmisión da rabia pola trabada dos morcegos é improbable, aínda sendo estes portadores do virus. O Instituto de Saúde Carlos III estudou un total de 600 agresións de morcegos a persoas desde 1985. Das 600 agresións, só 3 derivaron en rabia humana, en Finlandia (o primeiro caso demostrado de transmisión por esta vía, que causou a morte dun zoólogo), Rusia e Ucraína.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Ministerio de Agricultura: La rabia: bases técnicas para combatirla, 1978.
  • "Los murciélagos son improbables transmisores de la rabia a los seres humanos", en Información Veterinaria, xaneiro 2002.
  • Astorga, R. J.: "La rabia: revisión sobre aspectos zoonósicos y policía sanitaria", en Información Veterinaria, xullo-agosto 2002.

Ligazóns externas editar