Agustín de Argüelles Álvarez
Agustín de Argüelles Álvarez, nado en Ribadesella o 18 de agosto de 1776 e finado en Madrid o 26 de marzo de 1844), alcumado «el Divino» pola súa oratoria durante as Cortes de Cádiz, foi un avogado, político e diplomático español. Foi presidente das Cortes en 1841 e titor da Raíña Isabel II.
Traxectoria
Fillo segundo de José Antonio de Argüelles y Uría, maiorazgo en Ribadesella, e de Teresa Álvarez González, a súa segunda muller. Estudou Dereito na Universidade de Oviedo e en 1800 trasladouse a Madrid, onde grazas ao seu dominio do inglés empregouse na Secretaría de Interpretación de Linguas. En 1806, o valido de Carlos IV, Manuel Godoy, enviouno a Londres como embaixador especial para que trabase conversas co Goberno británico de cara a suscitar una alianza contra Napoleón Bonaparte.
En 1808, a raíz do levantamento español contra as tropas napoleónicas, regresou a España a requirimento do seu paisano Gaspar Melchor de Jovellanos e estableceuse en Sevilla, cidade non ocupada polos franceses onde tiña a súa sede a Xunta Suprema Central. Foi secretario da Real Xunta de Facenda e Lexislación, cuxos traballos anticiparon os das Cortes de Cádiz, e despois deputado por Asturias a ditas cortes, onde participou activamente na redacción da primeira constitución española, destacando polos seus intentos de abolición da escravitude e pola súa oposición ao tormento como proba xudicial. Debido á sua oratoria vibrante e emotiva sería alcumado «el Divino».
Coa volta de Fernando VII a España e a restauración absolutista, Argüelles foi enviado como presidiario a Ceuta en 1814 e ao ano seguinte á localidade mallorquina de Alcúdia, en cuxa prisión pasaría cinco años. Rehabilitado tralo pronunciamento de Riego, foi nomeado ministro da Gobernación. Despois do goberno liberal exiliouse a Inglaterra en 1823 e sobreviviu como bibliotecario de Lord Holland, con quen mantiña amistade dende a embaixada especial que desempeñara no Reino Unido por ordes de Godoy dúas décadas antes. No exilio escribiu a súa principal obra teórica: Examen histórico de la reforma constitucional en España, que vería a luz en Londres en 1835.
Trala morte de Fernando VII, regresou a España en 1834, participando na redacción da constitución de 1837. Foi elixido deputado por Asturias e nomeado preceptor de Isabel II durante a súa minoría de idade por Baldomero Espartero, tras perder a votación nas Cortes Xerais fronte a este para ser elixido rexente de España. En 1844 volveu a ser elixido deputado, inda que esta vez por Madrid, ese mesmo ano faleceu no seu domicilio dun ataque de apoplexía.
Doce anos despois da súa morte, o Concello de Madrid bautizou co seu nome a un dos barrios do Ensanche de Madrid, o que se edificou na parte alta da Montaña do Príncipe Pío. O barrio foi levantado entre 1856 y 1884. Desde 1902, con motivo das festividades pola coroación de Alfonso XIII, levantouse na súa honra una estatua esculpida en mármore polo catalán José Alcoverro.[1]
En Vigo ten unha praza adicada, que antes se chamaba Praza da Herba.[2]
Notas
- ↑ "Agustín Argüelles se muda al Templo de Debod". El País. Consultado o 1 de febreiro de 2014.
- ↑ Vázquez Xil, Lalo (1994) [1991]. Ediciones Cardeñoso, ed. As rúas de Vigo (2ª ed.). Vigo. p. 105. ISBN 84-87379-47-8.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Agustín de Argüelles Álvarez |
Bibliografía
- Ramos Argüelles, Antonio (1991). Agustín Argüelles (1776-1844), "Padre del constitucionalismo español". Madrid. Atlas.
- "Agustín de Argüelles" en Microsoft Encarta 2009 Biblioteca Premium en DVD.
Outros artigos
Ligazóns externas
- Discursos de Agustín Argüelles na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán).
- Vilches, Jorge: Retrato de Agustín Argüelles en La Ilustración Liberal (en castelán).
- Agustín de Argüelles Álvarez na Biblioteca Virtual de Polígrafos de la Fundación Ignacio Larramendi (en castelán).