Antonio Ramis y Ramis
Antonio Ramis y Ramis, nado en Maó, Menorca, o 29 de abril de 1771 e finado na mesma cidade o 17 de febreiro de 1840, foi un historiador, arqueólogo, numismático e avogado balear.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de abril de 1771 Maó, Menorca. |
Morte | 17 de febreiro de 1840 (68 anos) Maó, Menorca. |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Española. |
Educación | Universidade Literaria de Mallorca. |
Actividade | |
Campo de traballo | Historiografía, arqueoloxía, epigrafía e numismática. |
Ocupación | historiador , arqueólogo , avogado |
Membro de | Real Academia da Historia. Academia Mallorquina de Literatura, Antigüidades e Belas Artes. Sociedade Económica Mallorquina de Amigos do País. Sociedade Maonesa. |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Pais | Bartomeu Ramis Serra e Catalina Ramis y Calafat. |
Irmáns | Juan Ramis y Ramis. Pedro Ramis y Ramis. |
Traxectoria
editarPrimeiros anos e formación
editarAntonio Ramis naceu en Maó en 1771, fillo máis novo dos cinco que tiveron os curmáns Catalina Ramis y Calafat e Bartomeu Ramis Serra, avogado, procedentes da vila de Inca. Entre os seus irmáns estaban o tamén xurista e historiador Juan Ramis (1746-1819) e o avogado e tradutor Pedro Ramis (1748-1816).[1][2][3]
Antonio Ramis formouse como xurista e acadou o doutoramento en Dereito Civil e Dereito Canónico na Universidade Literaria de Mallorca, o 31 de outubro de 1793.[1][2][3]
Traxectoria profesional e erudita
editarA súa actividade profesional estivo vinculada ao mundo da avogacía, seguindo a tradición familiar, e chegou a ser nomeado asesor da alcaldía o 24 de abril de 1802. Tamén foi académico correspondente da Real Academia da Historia (RAH), desde o 31 de decembro de 1819, socio correspondente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Mallorca na década de 1830, e membro da Sociedade de Anticuarios de Francia, así como da efémera Academia Mallorquina de Literatura, Antigüidades e Belas Artes, fundada por Joaquín María Bover, con quen mantivo unha estreita relación.[2][3][4][5]
Ramis concibiuse e valorouse adoito como o derradeiro representante do grupo de ilustrados menorquinos. No ámbito da historiografía, continuou a apostar polos ideais ilustrados e enciclopedistas burgueses da segunda metade do século XVIII e que, en Menorca, se materializaran de cheo na constitución e no funcionamento da Sociedade Maonesa. A súa obra está conformada pola publicación dunha vintena de traballos, desde artigos para o Diario de Menorca ata opúsculos sobre temas históricos, numismáticos ou epigráficos, entre os anos 1820 e 1839.[2][3]
A unión entre os irmáns fíxose máis estreita cando Antonio contraeu matrimonio cunha filla de Juan. E á morte de Juan en 1819, Antonio herdou todos os seus bens, o que lle concedeu unha desenvoltura económica como para se dedicar integramente aos seus estudos de carácter histórico.[6] Dalgún xeito, a súa obra foi, xa que logo, continuación da do seu irmán maior e, como aquel, dedicouse en exclusiva á historia de Menorca e moi ocasionalmente á doutras illas baleares.[3]
Morte e legado
editarAntonio Ramis morreu en Maó o 17 de febreiro de 1840, e recibiu post mortem o nomeamento como "Menorquino Ilustre", o 28 de decembro de 1866.[2][3][4][6]
O seu fondo persoal consérvase na Biblioteca Pública de Maó, onde se conservan catro tomos manuscritos, tres deles moi voluminosos, cunha ampla información recompilada sinaladamente dos arquivos da Real Gobernación e Real Patrimonio, entre outras fontes. En época recente, a editora Edicions Nura levou a cabo reedicións facsimilares dalgunhas das súas obras.[2]
Publicacións
editarEstes son algúns dos traballos máis significativos da traxectoria de Antonio Ramis y Ramis ao longo da súa traxectoria:[2][3][7]
Escolma de monografías
editar- (1822). Inscripción copiada de una plancha de bronce que se encontró en 1821 en las cercanías de Constantina.
- (1824). Noticia de las pestes de Menorca.
- (1824). Descripción del monetario del difunto Dr. D. Juan Ramis y Ramis.
- (1826-1838). Noticias relativas á la isla de Menorca (7 volumes).
- (1828) Ensayo sobre algunas inscripciones y otros puntos de antigüedades.
- (1830). Manifiesto que hace al público la ciudad de Mahón sobre ser la capital de Menorca.
- (1832). Memoria sobre el Real Patrimonio de Menorca, y una moneda del Rey D. Alfonso relativa á ella, Idea del antiguo Directorio, ó Libro de los Bayles, y Almotacenes de la Isla, y Suplemento del Pariatje.
- (1832). Fortificaciones antiguas de Menorca.
- (1833). Inscripciones relativas á Menorca y noticias de varios documentos descubiertos en ella.
- (1836). Ilustraciones á una inscripcion romana descubierta en la isla de Ibiza.
- (1838). Observaciones que para rectificacion de los abusos se notan en la talla vecinal de Menorca propone A. R. y R.
- (1839). Disertación sobre unas monedas atribuidas á la antigua Ebusus, hoy isla de Ibiza.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Bover, J. M. (1868). Páxina 219.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Antoni Ramis i Ramis". En Diccionari enciclopèdic d'historiografia catalana. Grup Enciclopèdia Catalana, Barcelona.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Maier Allende, J. "Antonio Ramis y Ramis". Real Academia de la Historia (RAH.es).
- ↑ 4,0 4,1 "Antoni Ramis i Ramis 1771-1840". Ajuntament de Maó (Ajmao.org).
- ↑ Bover, J. M. (1868). Páxinas 219-220.
- ↑ 6,0 6,1 Bover, J. M. (1868). Páxina 220.
- ↑ Bover, J. M. (1868). Páxinas 220-223.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bagur, J. (1999). “La protoantropologia de germans Ramis”. En Enciclopèdia de Menorca. Vol. XIV. Obra Cultural de Menorca, Maó. Páxina 24.
- Bover, J. M. (1868). "Ramis (Antonio)". En Biblioteca de escritores baleares. Vol. II. Imprenta de Pedro José Gelabert, Palma. Páxinas 219-223
- Murillo, A. (1989). “Antoni Ramis i Ramis. L’home, l’obra i l’època”. En Revista de Menorca. Páxinas 191-204.