Escola franco-flamenga

(Redirixido desde "Escola francoflamenga")

En termos musicais, a escola franco-flamenga foi un movemento de renovación musical do Renacemento que se desenvolveu a partir do século XV nos Países Baixos borgoñóns antes de se espallar por toda a Europa[1]. Caracterizouse polo gran desenvolvemento da polifonía e iniciou, así, as bases da harmonía moderna. O estilo franco-flamengo, que logrou unha grande difusión grazas á invención da imprenta, é considerado como o primeiro estilo internacional despois da uniformización do canto gregoriano no século IX. A escola franco-flamenga esténdese sobre todo no período de 1420 a 1600, onde se distinguen cinco xeracións sucesivas de compositores.

Dueil angoisseux, de Gilles Binchois
Se La Face Ay Pale, de Guillaume Dufay
Hodie Completi Sunt, de Orlando di Lasso

Contexto históricoEditar

Mentres a Guerra dos Cen Anos entre a Francia e a Inglaterra chegaba á súa fin, algúns países non abranguidos co conflito, como os Países Baixos e Borgoña, coñecían a paz e a prosperidade económica. O desenvolvemento das fábricas, principalmente téxtiles, nos Países Baixos (Hainaut, Condado de Flandres, Principado de Liexa, Ducado de Luxemburgo e Brabante) contribúe tamén ao desenvolvemento das artes. Durante case dous séculos, eses países foron, xa que logo, escenario do principal centro cultural de Europa.

Os compositores da escola franco-flamenga non se contentaron con permanecer no seu país, senón que viaxaron para traballar en numerosos países europeos, fundamentalmente Italia, España, Francia e Alemaña, onde fixeron coñecer o seu estilo. Deste xeito, o estilo se espallouse axiña, coa axuda do desenvolvemento da imprenta.

Características compositivasEditar

 
Retrato de John Dunstable

O carácter da polifonía flamenga foi fortemente influído pola escola inglesa. Esta última, caracterizada pola superposición de terzas, sobre todo no "fauxbourdon", chegou a Francia como consecuencia de ser invadida pola Inglaterra de Guillerme I de Inglaterra, o Conquistador. Alí atoparon un notable éxito as composicións dun músico, matemático e astrónomo inglés, John Dunstable, autor de cancións sacras e profanas. Este foi un dos compositores máis influentes de todos os tempos.

Desta produción inglesa, os compositores flamengos tomaron prestada a superposición de terza e sexta, que aínda hoxe se corresponden coa nosa sensibilidade acústica, abandonando as sucesións de cuarta, quinta e oitava, características dos períodos da Ars Nova e da Ars Antiqua.

O centro da composición flamenga é a tríade, ou sexa, a superposición de terzas, acompañando e introducindo unha nova atención ao desenvolvemento vertical da polifonía, xermolo do que moito máis tarde será o fundamento da harmonía. Algunhas das regras modernas da composición viñeron á luz nesa época, e entre as máis notables podemos salientar:

  • Prohibición de crear quintas e oitavas paralelas, co fin de evitar o sabor arcaico que delas derivaba.
  • A obriga de que a superposición de voces sempre formase unha tríade consonante, permitindo disonancias só baixo a forma de notas de paso nos tempos febles e baixo forma de retardo sobre o tempo forte.

As cinco xeracións da escola franco-flamengaEditar

Na produción flamenga do sécilo XVI, adóitase facer unha distinción de cinco períodos ou xeracións, separados por arredor de vinte anos e cada un asociado ao nome dun ou máis compositores importantes.[2]

  • Quant ce vendra, de Antoine Busnois
    A primeira xeración (1420-1450), tamén coñecida como escola de Borgoña, foi dominada por Guillaume Dufay, Gilles Binchois e Antoine Busnois. Esta xeración marca unha ruptura con música medieval. Á sucesión de cuartas, quintas e oitavas, que marcaran a música da época, eles preferiron as superposicións de terzas e sextas.
  • A segunda xeración (1450-1485), da cal Johannes Ockeghem foi o compositor máis importante, está marcada polo desenvolvemento dos motetes, que pasan a ser as composicións preferidas de experimentación co contrapunto.
  • A terceira xeración (1480-1520) asóciase principalmente con Josquin des Prés, frecuentemente considerado como o maior compositor belga desta escola.
  • A cuarta xeración (1520-1560) vincúlase co compositor Jacob Clemens non Papa.
  • A quinta xeración (1560-1600) está determinada por Orlando di Lasso.

Listaxe de compositores da escola franco-flamengaEditar

NotasEditar

  1. A denominación "escola francoflamenga" ten a súa orixe na revista musicolóxica belga Revue belge de Musicologie / Belgisch Tijdschrift voor Muziekwetenschap. Volume 5. Números 3/4 (xullo - decembro, 1951). Páxina 114
  2. Mario Carrozzo, Cristina Cimagalli. Storia della musica occidentale. Volume 1. Armando Editore. 2008. Páxinas 173-180.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

BibliografíaEditar

  • Ignace Bossuyt. De Guillaume Dufay á Roland de Lassus : les très riches heures de la polyphonie franco-flamande. Racine, 1996 Bruxelas. [ISBN 2-87386-086-3]
  • Robert Wangermée. "Guillaume Dufay et la Renaissance en musique". En Robert Wangermée e Philippe Mercier. La musique en Wallonie et á Bruxelles. Tomo I: Des origines au XVIIIe siècle. La Renaissance du Libre. Bruxelas, 1980. Páxinas 127-144.
  • Robert Wangermée. "La musique". En Freddy Joris. Wallonie. Atouts et références d'une Région. Gouvernement Wallon. Namur, 1995 .