Epígonos

fillos dos Sete contra Tebas

Na mitoloxía grega, a chamada guerra dos Epígonos contra Tebas foi a continuación do desastroso intento de tomar Tebas, e que terminara coa morte de seis dos sete capitáns que participaron nesta guerra. Os Epígonos (en grego antigo Ἐπίγονοι, Epígonoi, 'nacidos despois') son os fillos daqueles heroes arxivos que xuraron vingar a morte dos seus pais e organizaron unha segunda expedición dez anos despois.

"Dez anos máis tarde, os fillos dos falecidos, chamados Epígonos, decidiron emprender unha expedición contra Tebas, desexosos de vingar a morte dos seus pais"
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 7, 2)

As orixesEditar

A primeira guerra contra Tebas tivo como causa o intento de devolver o trono da cidade a Polinices, a quen o seu irmán Eteocles se negara a cederllo transcorrido un ano do seu mandato, tal como acordaran cando Edipo, tras matar ó seu pai, Laio, anterior rei de Tebas, foi expulsado. Polinices conseguiu refuxio na corte de Argos, onde reinaba Adrasto e casou cunha filla deste, Arxía. Adrasto prometeulle restauralo no trono de Tebas e organizou un exército para conquistar a cidade. Con el reuniu a catro xefes arxivos: Anfiarao, Capaneo (fillo de Hipónoo), Hipomedonte (fillo de Aristómaco) e Partenopeo (fillo de Meleagro (ou Melanión) e Atalanta) que, xunto a Polinices e a Tideo, fillo de Eneo, rei de Calidón, conformaron a expedición dos sete príncipes [1].

Os Epígonos, fillos destes, chamábanse Exialeo (fillo de Adrasto), Alcmeón e Anfíloco (fillos de Anfiarao), Esténelo, fillo de Capaneo), Prómaco (fillo de Partenopeo), Tersandro (fillo de Polinices) e Diomedes (fillo de Tideo), ademais de Euríalo (fillo de Mecisteo) [2]. Estes oito forman a relación que achega Pseudo-Apolodoro [3], pero Pausanias engade a Polidoro (fillo de Hipomedonte) e a Adrasto e Timeo (fillos de Polinices) [4]. Pola súa banda, Hixino di que foron sete aínda que só nomea cinco, dos que Exialeo, Tersandro, Polidoro e Alcmeón coinciden coas outras fontes, e engade a Tlesímenes (fillo de Partenopeo) [5].

Conquista de TebasEditar

O Oráculo de Delfos asegurara a vitoria da expedición sempre que contara coa participación de Alcmeón pero este, tal como fixera o seu pai Anfiarao na primeira guerra, negouse a formar parte dela. Nunha repetición da historia, Tersandro, tal como fixera o seu pai Polinices na primeira guerra, comprou a vontade de Erifile regalándolle unha túnica máxica que Atenea regalara a Harmonía [6]. Deste xeito, Erifile convenceu a Alcmeón de que debía partir á guerra e este tivo que aceptar o mando da expedición; Pausanias di que o xefe deste exército foi Tersandro, que sería nomeado rei de Tebas trala vitoria.

As primeiras operacións consistiron en saquear al aldeas próximas a Tebas, o que obrigou ó exército tebano a sair a loitar a campo aberto, ó mando de Laodamante, fillo de Eteocles. Laodamante conseguiu matar a Exialeo pero logo resultou morto por Alcmeón, segundo Pseudo-Apolodoro [7], se ben Pausanias di que os arxivos resultaron vencedores e Laodamante fuxiu esa noite cos habitantes de Tebas cara Iliria [8].

Neste momento, o adiviño tebano Tiresias augurou que, trala morte de Exialeo, a batalla estaba perdida e que Tebas sería conquistada e saqueada. Baseábase no feito de que as murallas só resistirían mentres seguise vivo o último dos sete capitáns orixinais, e que Adrasto, pai de Exialeo, morrería de tristeza cando soubese que o seu fillo morrera. En consecuencia, os tebanos debían abandonar a cidade esa mesma noite, aínda que a el pouco lle importaba o que fixeran porque estaba predestinado a morrer en cando os arxivos tomaran Tebas. Efectivamente, os tebanos fuxiron na escuridade da noite cos bens que puideron levar e, unha vez lonxe do lugar, fundaron unha nova cidade á que chamaron Hestiea. Tiresias morreu esa madrugada ó beber auga da fonte Tilfusa, porque a auga estaba moi fría e causoulle a morte.

"O monte Tilfusio e a fonte chamada Tilfusa distan uns cincuenta estadios de Haliarto. Os gregos contan que os arxivos, logo de tomar Tebas cos fillos de Polinices, levaban a Delfos para o deus, entre outros despoxos, a Tiresias, e como tiña sede, bebeu da fonte Tilfusa xunto ó camiño e deixou a súa vida; e a súa tumba está xunto á fonte".
(Pausanias: Descripción de Grecia IX, 33, 1)

Á mañá seguinte comunicáronlle a Adrasto a nova da morte de Exialeo e, tal como anunciara Tiresias, morreu de pena. Os Epígonos puideron entrar na cidade sen resistencia e saqueárona. Logo derrubaron as murallas e leváronse o botín, que foi doado ó santuario de Apolo en Delfos. A filla de Tiresias, Manto, formaba parte deste botín e terminou converténdose en pitonisa do deus. Existen outras versións diferentes: segundo unha delas, Manto fuxiu da cidade e guiaba ó seu pai cara Delfos, cando este morreu no camiño; segundo outra, pai e filla permaneceron na cidade e foron feitos prisioneros e enviados a Delfos, pero o pai morreu no camiño pola fatiga.

Trala caída de Tebas, Alcmeón puido escoitar casualmente cómo se oufanaba Tersandro de posibilitar a vitoria grazas ós regalos ofrecidos a Erifile, do mesmo xeito que fixera o seu pai Polinices anos antes. Soubo entón que foran os subornos aceptados pola súa nai e a decisión desta de participar na guerra o que provocara a morte do seu pai, Anfiarao, e, cumprindo a promesa feita ó seu pai, matouna [9], incitado por Apolo no oráculo de Delfos, que lle asegurou que, efectivamente, Erifile merecía a morte. Pero antes de morrer, ela maldíxoo e pediu que ningunha terra do mundo enteiro dese amparo ós seus asasinos. Por este feito, Alcmeón foi perseguido polas Erinias a través de toda Grecia e enlouqueceu, e foi vagando por distintos lugares ata que conseguiu refuxio en terras de aluvión creadas polo deus fluvial Aqueloo. Como estas terras formáronse despois da maldición da súa nai, non estaban afectadas pola persecución das Erinias.

Arte e LiteraturaEditar

Pausanias conta que en Delfos se veneraban as tumbas dos heroes da batalla de Maratón e un cabalo de bronce (en lembranza do cabalo de madeira utilizado para conquistar Troia. E xunto ó cabalo estaban ofrendas dos capitáns da primeira expedición contra Tebas, incluído o carro de Anfiarao. Tamén estaban as estatuas dos Epígonos: Alcmeón, Esténelo, Prómaco, Tersandro, Exialeo [10].

Existiu un poema baixo o título de Epígonos, incluído dentro do Ciclo tebano e considerado como unha secuela da Tebaida ou a última parte da mesma. Segundo un escolio [11] a Aristófanes, o autor do poema sería Antímaco de Teos; outros atribúeno a Homero

Deste poema só se coñece a primeira liña:

"Agora, Musas, permitide empezar a cantar sobre os mozos..."

Tamén Sófocles escribiu unha traxedia sobre o tema, hoxe perdida agás algunhas liñas citadas en comentarios e dicionarios de antigos eruditos. En 2005 descubriuse un novo fragmento de varias liñas.


NotasEditar

  1. Algunhas fontes exclúen a Polinices e engaden a Eteoclo, fillo de Ifis, e Mecisteo (Graves, px. 413; Pseudo-Apolodoro III, 6, 3).
  2. Este Mecisteo figura nalgunhas tradicións como un dos membros da primeira expedición. Era fillo de Tálao e de Lisímaca, e irmán de Adrasto, Partenopeo e Erifile, entre outros fillos.
  3. Biblioteca mitológica III, 7, 2.
  4. Pausanias: Geografía de Grecia II, 20, 5.
  5. Hixino: Fábulas 71.
  6. Xunto ó colar que serviu para subornala dez anos antes.
  7. III, 7, 3.
  8. Pausanias IX, 5, 13; IX, 8, 6.
  9. Segundo uns, el só, pero outros din que a matou coa colaboración do seu irmán Anfíloco.
  10. Pausanias X, 1-4.
  11. Chámase escolios ás notas ou comentarios gramaticais, críticos ou explicativos, ben sexan originais ou ben extractos de comentarios existentes, que se insiren nas marxes do manuscrito dn autor antigo como glosa breve.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar