Abrir o menú principal

Elías Querejeta

produtor de cinema español

Elías Querejeta Gárate, nado en Hernani (Guipúscoa) o 27 de outubro de 1934 e finado en Madrid o 9 de xuño de 2013[1], foi un futbolista e produtor de cine vasco. Traballou tamén como guionista e documentalista. Na súa mocidade xogou na Real Sociedad e na Primeira división española. É pai da actriz e directora de cine Gracia Querejeta.

Elías Querejeta
Nome completoElías Querejeta Gárate
Nacemento27 de outubro de 1934
 Hernani, Guipúscoa
Falecemento9 de xuño de 2013
 Madrid
CausaCancro de pulmón
NacionalidadeEspaña
OcupaciónFutbolista, produtor, guionista
PaiElías Querejeta Insausti
FillosGracia Querejeta
editar datos en Wikidata ]

Segundo o crítico cinematográfico Gregorio Belinchón, «se alguén se gañou con suor o cualificativo de "O Produtor", o título de gran creador do cine español, e desde logo un dos máis prestixiosos hoxe do cine europeo é Elías Querejeta, [...] o legado de Querejeta é fundamental para entender o que foi o gran cine de autor durante case medio século en Europa, e para que as novas xeracións entendan o importante que é un produtor; como un cineasta como Querejeta empuxou e engrandeceu a carreira de directores como Carlos Saura, Jaime Chávarri, Emilio Martínez Lázaro, Fernando León, Víctor Erice e da súa filla Gracia Querejeta, ademais de apostar no documental cos filmes de Eterio Ortega».[2]

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

Foi fillo do político Elías Querejeta Insausti. Na súa mocidade foi un futbolista de elite, aínda que compaxinou esta actividade con estudos de química e dereito. Xogou como dianteiro na Real Sociedad de Fútbol durante 6 tempadas entre 1952 e 1958. Debutou moi novo; o 5 de abril de 1953, con só 18 anos, xogou o seu primeiro partido na primeira división española. A súa carreira como futbolista foi bastante irregular xa que en 6 anos disputou só 41 partidos coa Real e marcou 6 goles; 39 dos partidos e 5 dos goles foron na primeira división española. Da súa carreira futbolística é lembrado principalmente un gran gol que marcou o 9 de outubro de 1955 no Estadio de Atotxa ao Real Madrid de Alfredo Di Stéfano. Ese gol valeu a vitoria á Real. En 1958 decidiu deixar o mundo do fútbol prematuramente, con só 23 anos e marchouse da súa Guipúscoa natal a Madrid para dedicarse profesionalmente ao cine, a súa gran paixón.

Carreira cinematográficaEditar

Dende 1963, ano no que crea a súa propia produtora, produciu máis de cincuenta películas, das que unha boa parte contribuíron á renovación dos temas e as formas do cine español do tardofranquismo e a transición. Continuou o seu labor producindo películas de Fernando León de Aranoa (Familia e Barrio) e da súa filla, Gracia Querejeta (Una estación de paso, El último viaje de Robert Rylands e Cuando vuelvas a mi lado).

Pero sen dúbida, o seu máis importante contribución ao cine radica nas producións que fixo para filmes de Carlos Saura, Víctor Erice, Manuel Gutiérrez Aragón ou Julio Medem. Con respecto ao primeiro, creou, xunto co director aragonés, un cine que analizaba con rigor intelectual a sociedade española do franquismo, aínda non recuperada das feridas producidas por unha situación social e moralmente represora. Cun estilo ás veces críptico, estas películas denunciaban a situación política e social, conseguindo burlar os mecanismos da censura da época. Así figuran coma fitos do cine de Saura e Querejeta La caza (1965), que obtivo o premio ao Mellor Director no Festival Internacional de Cinema de Berlín; Peppermint frappé (1967), premiada co Oso de Prata en devandito festival; Stress es tres, tres (1968), xunto con La madriguera (1969) e El jardín de las delicias (1970), facían un repaso dos problemas de parella na época.

Ana y los lobos (1972), La prima Angélica (1973) e Cría cuervos (1975), estas dúas últimas galardoadas co Premio do Xurado no Festival de Cannes, poderían considerarse unha disección da familia na España do tardofranquismo. Elisa, vida miña (1977), quizais a película máis ambiciosa na súa incisiva reflexión sobre os límites da enunciación da voz narradora no cine. Con Los ojos vendados (1978), Mamá cumple cien anos (1979), Rápido, rápido (1980), Oso de Ouro no Festival de Berlín e Dulces horas (1981) finalizaría a súa colaboración con Saura.

Tamén produciu unha das obras máis recoñecidas do cine español, do director Víctor Erice, El espíritu de la colmena, película que foi premiada no Festival Internacional de Cine de Donostia de 1973 coa Cuncha de Ouro á Mellor Película. En xaneiro de 2007 produciu Noticias de una guerra, na que se seleccionaron imaxes de arquivos españois e estranxeiros para contar a historia da guerra civil española.[3]

Entre os seus premios destaca a medalla de ouro da Academia de Ciencias Cinematográficas española, que recibiu en 1998.

O 9 de xuño de 2013 falece na súa casa en Madrid a causa do cancro de pulmón.

FilmografíaEditar

DirectorEditar

  • Cerca de tus ollos (2009).

Codirixiu xunto con Antonio Eceiza dúas curtas documentais:

  • A través del fútbol (1962).
  • A través de San Sebastián (1960)

ProdutorEditar

*Os filmes aparecen segundo o seu título orixinal

  • Cerca de tus ojos (2009)
  • El agua de la vida (2008)
  • Buscarse la vida (2007)
  • Siete mesas de billar francés (2007)
  • Goodbye, América (2006)
  • Noticias de una guerra (2006)
  • Avant l'oubli (2005) (coproductor)
  • Invierno en Bagdad (2005)
  • Condenados al corredor (2003)
  • Os luns ao sol (2002)
  • Asesinato en febrero (2001)
  • La espalda del mundo (2000)
  • Cuando vuelvas a mi lado (1999)
  • Barrio (1998)
  • Shampoo Horns (1998)
  • Familia (1996)
  • El último viaje de Robert Rylands (1996)
  • La cité des enfants perdus (1995)
  • Historias del Kronen (1995)
  • El aliento del diablo (1993)
  • Una estación de paso (1992)
  • Las cartas de Alou (1990)
  • El número marcado (1989)
  • 27 horas (1986)
  • Tasio (1984)
  • Feroz (1984)
  • El sur (1983)
  • Dulces horas (1982)
  • Deprisa, deprisa (1981)
  • Dedicatoria (1980)
  • Los primeros metros (1980)
  • Mamá cumple cien años (1979)
  • Los ojos vendados (1978)
  • Las palabras de Max (1978)
  • A un dios desconocido (1977)
  • Elisa, vida mía (1977)
  • El desencanto (1976)
  • Pascual Duarte (1976)
  • Cría cuervos (1976)
  • El increíble aumento del coste de la vida (1976)
  • La prima Angélica (1974)
  • El espíritu de la colmena (1973)
  • Verflucht, dies Amerika (1973)
  • Ana y los lobos (1973).
  • Carta de amor de un asesino (1972)
  • El jardín de las delicias (1970)
  • Las secretas intenciones (1970)
  • Los desafíos (1969)
  • La madriguera (1969)
  • Stress es tres, tres (1968)
  • Si volvemos a vernos (1968)
  • Peppermint frappé (1967)
  • De cuerpo presente (1967)
  • El próximo otoño (1967)
  • Último encuentro (1967)
  • La caza (1966)
  • Noche de verano (1962)

NotasEditar