Ekaterina Vorontsova-Dashkova
A princesa Ekaterina Romanovna Vorontsova-Dashkova (en ruso: Екатери́на Рома́новна Воронцо́ва-Да́шкова), nada en San Petersburgo o 28 de marzo de 1743[nota 1] e finada en Moscova o 15 de xaneiro de 1810,[2] foi a amiga máis achegada da emperatriz Catarina a Grande e unha importante figura do Iluminismo Ruso. Participou nun golpe de Estado que situou a Catarina no trono. Vorontsova-Dashkova foi a primeira muller do mundo que dirixiu unha academia nacional de ciencia e axudou a fundar a Academia Rusa. Tamén foi unha autora prolífica, con obras orixinais e traducidas sobre moitos temas.[3]
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarNada como condesa Ekaterina Vorontsova, foi a terceira filla do conde Roman Vorontsov, membro do senado, e destacou polos seus dotes intelectuais. O seu tío Mikhail Illarionovich e o seu irmán Alexander Romanovich prestaron servizo como chanceleres imperiais, mentres que o seu irmán Semyon foi embaixador de Rusia en Gran Bretaña e un recoñecido anglófilo. Recibiu unha educación excepcional, demostrando dende moi nova gustos e habilidades que fixeron a súa carreira tan singular. Estudou matemáticas na Universidade de Moscova. En literatura, os seus autores favoritos eran Bayle, Montesquieu, Boileau, Voltaire e Helvétius.[4]
Golpe de estado de Catarina
editarMentres aínda era unha nena, tivo relación coa corte rusa, e acabou por converterse nunha das líderes do partido ligado á gran duquesa Catarina Alexeievna.
Antes dos dezaseis anos casou co príncipe Mikhail Ivanovich Dashkov (1736–1764), prominente nobre ruso da dinastía Rurik, en febreiro de 1759, e pasou a residir con el en Moscova.[4] Arpendeu ruso alí para comunicarse coa súa familia política. Trala morte do príncipe Dashkov, dedicouse aos seus fillos, á literatura e á política.[2]
En 1762, foi a San Petersburgo e, segundo ela mesma conta, asumiu o liderado no golpe de estado polo que Catarina chegou ao trono; non obstante, isto foi desmentido por Catarina nas súas cartas.[5] Outro curso dos acontecementos probablemente resultaría na ascensión ao trono da irmá máis vella da princesa Dashkova, Elizaveta, antiga amante do emperador.[4]
Viaxes ao estranxeiro
editarAs súas relacións coa nova emperatriz non foron de natureza cordial, aínda que continuou a ser leal a ela. Moitas veces non lle gustaban os homes que Catarina escollía como amantes, e adoitaba ofenderse polas grazas e a devoción mostradas a eles pola emperatriz. O seu carácter franco, o non disimulado desprezo aos favoritos que segundo ela deshonraban a corte, e quizais tamén o seu sentido do mérito non correspondido, produciron un afastamento entre ela e a emperatriz que acabaron coa petición da princesa de viaxar ao estranxeiro. O permiso foi concedido e pouco despois marchou, aínda que seguiu a ser un apoio leal de Catarina e continuaron a ser amigas. Dise que a verdadeira causa da súa petición de marchar foi a negativa de Catarina a que a nomease coronel das gardas imperiais.
Como o seu marido morrera, comezou en 1768 unha longa viaxe por Europa. Foi recibida con gran consideración nas cortes estranxeiras, e a súa reputación literaria e científica facilitaron a súa entrada na sociedade instruída de moitas das capitais europeas.[4]
En París, tivo unha cálida amizade e a admiración de Diderot e Voltaire. Ela afirmaou de varios xeitos a súa forte atracción por Gran Bretaña e os británicos. Carteouse con Garrick, o doutor Blair e William Robertson; e cando estivo en Edimburgo foi moi ben recibida e confiou a educación do seu fillo, Pavel Michailovich, príncipe Dashkov a Robertson.[4]
Viviu en Edimburgo entre 1777 e 1779 e doou unha colección de medallas conmemorativas rusas á Universidade de Edimburgo.[6] O seu fillo converteuse en axudante de Grigorii Potemkin.[7]
Viaxou a Irlanda, onde se pode ver pasando revista aos Voluntarios Irlandeses nun cadro de Francis Wheatley en novembro de 1779. Fixo amizade con Georgiana Shipley, filla de Jonathan Shipley, en Londres. Coñeceu a Benjamin Franklin en París o 3 de febreiro de 1781.[8][9]
Directora de dúas academias
editarEn 1782, Dashkova volveu á capital rusa e foi tomada en consideración pola emperatriz, coa que simpatizou en gustos literarios e especialmente no desexo de elevar o ruso a un lugar máis alto entre as linguas literarias de Europa.[4]
Inmediatamente despois da súa volta, a princesa foi nomeada directora da Academia Imperial das Artes e das Ciencias, actualmente Academia Rusa das Ciencias.[4] En teoría, o director da Academia era sempre o seu presidente, mais o conde Kirill Razumovsky, que fora nomeado presidente en 1746 con só dezaoito anos só tivo un papel nominal na Academia, e o liderado real da institución foi dos sucesivos directores.
Dashkova foi a primeira muller no mundo en dirixir unha academia de ciencias. Aínda que ela non era científica, Dashkova devolveu á institución a prominencia e o respecto intelectual. Isto provocou un momento crítico na historia da ciencia, a transformación do que se chamaba filosofía natural, que adoitaba ser practicado por afeccionados, a unha empresa profesional.
En 1784 Dashkova tamén foi nomeada primeira presidenta da Academia Rusa, acabada de crear. Neste posto tamén se moveu con grande habilidade. Lanzou o proxecto da Academia de crear o Dicionario das Linguas Rusas en seis volumes, preparou o plan e ela mesma executou parte do traballo.[4]
En 1783 foi elixida membro de honra da Real Academia Sueca das Ciencias, primeira muller estranxeira e segunda muller despois de Eva Ekeblad.
Pouco antes da morte de Catarina, as amigas discutiron sobre unha traxedia que a princesa permitira que fose publicada pola Academia, a pesar de que contiña principios revolucionarios, segundo a emperatriz. Finalmente houbo unha reconciliación parcial, mais pouco despois a princesa retirouse da corte.[4]
Exilio e legado
editarCoa subida ao trono do emperador Paulo en 1796, foi despoxada dos seus despachos e obrigada a retirarse a unha casa miserable na gobernación de Novgorod, "para meditar sobre os sucesos de 1762". Despois dun tempo a sentenza foi modificada parcialmente por petición dos seus amigos e permitiuse que pasase os últimos anos da súa vida na súa propiedade de Moscova, onde morreu o 4 de xaneiro de 1810.[4]
O seu fillo, o último membro da familia Dashkov, faleceu en 1807 e legou a súa fortuna ao seu primo Ivan Vorontsov, que a continuación por licenza imperial adoptou o nome de Vorontsov-Dashkov. O fillo de Ivan, o conde Illarion Ivanovich Vorontsov-Dashkov, tivo un posto na casa do tsar entre 1881 e 1897[4] antes de lograr un amplo renome como gobernador xeral do Cáucaso entre 1905 e 1915.
Obras
editarAdemais do seu traballo no dicionario ruso, a princesa Dashkova editou unha revista mensual e escribiu polo menos dúas obras dramáticas: The Marriage of Fabian, e unha comedia titulada Toissiokoff. As súas memorias publicáronse en francés en París en 1804 (Mon Histoire) e en inglés en 1840 en Londres en dous volumes (Memoirs of the Princess Daschkaw, written by herself).[10] A versión inglesa das súas memorias foron editadas por Mrs. W. Bradford.[4]
Notas
editar- Referencias
- ↑ Dashkova, Ekaterina Romanovna (1995). The Memoirs of Princess Dashkova. Traducido por Fitzlyon, Kyril. Duke University Press. p. 31. ISBN 9780822316213. Consultado o 26 de marzo de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 Gilman, D. C.; Peck, H. T.; Colby, F. M., eds. (1905). "Dashkoff, Ekaterina Romanovna, Princess". New International Encyclopedia (1st ed.). Nova York: Dodd, Mead. Esta forte indica que o príncipe Dashkov faleceu en 1761.
- ↑ "Dashkova, Yekaterina Romanovna | Encyclopedia.com". www.encyclopedia.com. Consultado o 28 de febreiro de 2019.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Dashkov, Catherina Romanovna Vorontsov, Princess". Encyclopædia Britannica 7 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 844.
- ↑ Massie, Robert K., Catherine the Great: Portrait of a Woman, (Random House) Nova York, NY, 2011.
- ↑ "The Dashkov Medals" Arquivado 14 de maio de 2020 en Wayback Machine., Edinburgh University Library, Special Collections and Archives
- ↑ Prince of princes: the life of Potemkin, Sebag Montefiore, Macmillan, 2001, ISBN 978-0-312-27815-1
- ↑ "Benjamin Franklin and Russia" Arquivado 19 de agosto de 2019 en Wayback Machine., The Philosophical Age páx. 129
- ↑ "Benjamin Franklin and Russia" Arquivado 19 de agosto de 2019 en Wayback Machine., The Philosophical Age pp. 58–61
- ↑ "Ekaterina Dashkova – Russiapedia History and mythology Prominent Russians". Rt.com. 16 de agosto de 1941. Consultado o 16 de agosto de 2012.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- The princess & the patriot: Ekaterina Dashkova, Benjamin Franklin , and the Age of Enlightenment, Volume 96, Part 1, Editor Sue Ann Prince, American Philosophical Society, 2006, ISBN 978-0-87169-961-9
- Woronzoff-Dashkoff, A. Dashkova: A Life of Influence and Exile. American Philosophical Society: Philadelphia, 2008.
- The memoirs of Princess Dashkova, Editors Jehanne M. Gheith, Alexander Woronzoff-Dashkoff, Translator Kyril FitzLyon,Duke University Press, 1995, ISBN 978-0-8223-1621-3
- "Princess Ekaterina Romanovna Vorontsova Dashkova", Great Women Travel Writers: From 1750 to the Present, Editors Alba Amoia, Bettina Knapp, Continuum International Publishing Group, 2006, ISBN 978-0-8264-1840-1