Abrir o menú principal

Dulce Chacón Gutiérrez

Poeta, novelista e dramaturga estremeña
(Redirixido desde "Dulce Chacón (escritora)")

Para a artista e ilustradora mexicana ver Dulce Chacón (ilustradora).

Dulce Chacón Gutiérrez
Nacemento3 de xuño de 1954
 Zafra
Falecemento3 de decembro de 2003
 Madrid
Causacancro de páncreas
NacionalidadeEspaña
OcupaciónPoetisa, novelista, dramaturga
editar datos en Wikidata ]

Dulce Chacón Gutiérrez, nada en Zafra, Badaxoz, o 3 de xuño de 1954 e finada en Burlete, Madrid, o 3 de decembro de 2003, foi unha escritora e poeta española. O tema central da súa obra é a represión franquista, e de maneira especial a situación das mulleres durante ese período. Comprometida socialmente, pertence a varias asociacións, entre outras: á Asociación de Mujeres contra la Violencia de Género, á Asociación de Mujeres Contra la Guerra, á Plataforma de Cultura contra la Guerra, estas dúas últimas en relación coa Invasión de Iraq no 2003. Diversos colexios e institutos, así como premios literarios levan o seu nome como homenaxe á súa figura. Era irmá xemelga da tamén escritora Inma Chacón.[1][2]

Biografía e traxectoria literariaEditar

Nada en Zafra, no seo dunha familia podente e conservadora "aristócrata, de dereitas e do bando nacional", nas súas propias palabras.[3] O seu pai, Antonio Chacón, foi alcalde de Zafra durante a ditadura de Franco e tamén unha persoa ilustrada con inquietudes literarias, posto que escribía (co pseudónimo "Hache") e lía poesía á súa familia, o que espertou a vocación literaria da moza Dulce Chacón.[4]

Cando contaba só 11 anos de idade, o seu pai morreu. Un ano máis tarde, a súa nai, María Gutiérrez, foise a vivir con toda a familia a Madrid, onde viviría dende entón. Dulce e Inma, a súa irmá xemelga, foron estudar a un internado. Foi alí onde Chacón comezou a escribir poesía, nun esforzo por evadirse das difíciles circunstancias persoais que estaba a vivir. Das lecturas da súa adolescencia, foron os poetas Celan, Rilke, César Vallejo e José Anxo Valente os que deixaron maior pegada no seu estilo poético.[3] Outras influencias posteriores foron Félix Grande, na poesía, e Julio Llamazares, Luís Landero e José Saramago na narrativa (a estes dous últimos, así como á muller de Saramago, Pilar del Río, uníalle unha grande amizade).[5]

Aínda que comezou a escribir moi pronto, non publicou o seu primeiro libro, o poemario Querrán ponerle nombre, até 1992. Seguiríanlle outras dúas obras poéticas,  Las palabras de la piedra (1993) e Contra el desprestigio de la altura (1995). Por esta última gañou o seu primeiro premio, o Ciudad de Irún.[3] A continuación internouse no terreo da novela. En 1996 publicou Algún amor que no mate, sobre unha muller maltratada polo seu marido.[6] José Saramago cualificouna de "dura pero necesaria". Un ano despois publicou a súa segunda novela, Blanca vuela mañana. 1998 foi un ano de moita intensidade: publicou Matadora, unha biografía de Cristina Sánchez, a primeira muller toureiro española; tamén estreou a súa primeira obra teatral, Segunda mano; e publicou a súa terceira novela, Háblame, musa, de aquel varón. Nesta, retoma algún dos temas de Algún amor que no mate, como é a violencia doméstica, abordando tamén outras formas de intolerancia, como a xenofobia. Con Háblame, Chacón pechaba unha triloxía sobre a incomunicación na parella.[4] A continuación veu un novo poemario, Matar al ángel (1999) e ese mesmo ano Cielos de barro, unha novela coral ambientada na Estremadura da posguerra que Chacón presentou á edición de 2000 do premio Azorín baixo o pseudónimo "Hache". A novela, que obtivo o galardón, estaba dedicada a Antonio Chacón, o pai de Dulce. O título foi un "agasallo" do escritor Julio Llamazares.

A súa seguinte novela foi  La voz dormida, publicada en 2002. Chacón tardou catro anos en completala, comezando a reunir material incluso antes da publicación de Matar al ángel e Cielos de barro. Nela, Dulce Chacón continuou abordando os difíciles anos da posguerra, novelando os testemuños, recollidos en entrevistas por toda España, de mulleres vítimas da represión franquista durante os anos corenta.[3][7] A novela obtivo o premio Libro do Ano 2003, outorgado polo Gremio de Libreiros de Madrid. En 2002, estreouse a adaptación teatral de Algún amor que no mate, realizada pola propia Chacón.[1] Dirixiu a adaptación Eduardo Vasco.[8] En 2003 publicou outro poemario, Cuatro gotas.

A carreira de Dulce Chacón truncouna a súa prematura morte. Faleceu o 3 de decembro de 2003, vítima dun cancro de páncreas que lle diagnosticaron un mes antes e que se estendeu ao fígado.[9][4] As súas cinzas foron depositadas na súa localidade natal, xunto aos restos mortais do seu pai, Antonio Chacón.[10] Parte das súas cinzas foron esparexidas nas montañas del Torno, un pequeno pobo do Valle del Jerte (Cáceres).[11] Deixaba marido, dúas fillas e un fillo.[3]

Compromiso social e políticoEditar

 
Castiñeiro na serra del Torno, Cáceres, en memoria de Dulce Chacón, onde repousan parte das súas cinzas.

A pesar da súa pertenza a unha familia conservadora, Dulce Chacón converteuse moi pronto nunha persoa de esquerdas. Segundo declarou, unha das razóns que a levou a súa posición política foi o silencio familiar acerca da represión franquista, particularmente cruenta en Zafra[12], onde nos primeiros meses da guerra, tras a toma da cidade polos sublevados, o 8 de agosto de 1936, unhas duascentas cincuenta persoas foron asasinadas polas novas autoridades. A localidade tiña 7000 habitantes e, tralo estalido da guerra, ningún dereitista foi asasinado antes da entrada das tropas sublevadas[13]. A causa das vítimas do franquismo foi unha das súas prioridades, e sempre mantivo que o rancor derivado da violencia política durante a guerra civil e o franquismo segue enquistado, ao non ser exposto á luz pública. A súa lema respecto diso era "nin rancor min esquecemento". Tamén declarou que "a reconciliación real aínda non chegou, porque aínda non se produciu esa conversación. Ouvimos a versión dos vencedores, agora temos que ouvir aos vencidos".[5]

Desta forma, involucrouse en numerosas actividades sociais e políticas de carácter progresista. Escribiu La voz dormida, obra na que recollen e novelan testemuños de mulleres do bando perdedor da Guerra Civil de toda España.[9] En relación coa invasión de Iraq, formou parte da plataforma 'Cultura contra la guerra' e leu, xunto co premio Nobel José Saramago, o manifesto antibélico que pechou a gran manifestación contra a guerra do 15 de marzo de 2003 en Madrid. Como parte dunha delegación da plataforma 'Mujeres contra la Guerra' tamén acudiu a Bagdad en marzo do mesmo ano para coñecer a situación do pobo iraquí e a súa oposición ao conflito. Ademais, pertenceu á asociación Mujeres contra la Violencia de Género.[4] Tamén formou parte do Colectivo Hermanos, Amigos y Compañeros de José Couso, o cámara asasinado por tropas estadounidenses en Bagdad durante a invasión.

O seu marido, Miguel Anxo Alcántara, definiuna como "unha loitadora, de esquerdas, agnóstica e peleona, e a súa mellor arma era a palabra e a escritura".

Recoñecementos e tributosEditar

 
Rúa na cidade de Sevilla.

A súa cidade natal concedeu a Dulce Chacón a distinción de filla predilecta da localidade a título póstumo, o 17 de febreiro de 2005. Tamén deu o seu nome a unha praza e instituiu un premio de narrativa española co seu nome. En 2003, a localidade madrileña de Brunete, onde vivía Dulce Chacón, convocou o Premio Literario de Novela Corta Dulce Chacón.[8]

En 2009, Barricada publicou o libro-CD La tierra está sorda con 18 cancións relacionadas coa represión franquista. Segundo declarou Enrique Vilarreal «El Drogas», líder do grupo, foi a lectura de La voz dormida o que lle impulsou a crear o libro-CD.[14] Algunhas das cancións inspíranse directamente nos testemuños recollidos e novelados por Chacón.[15] Barricada presentou o traballo en Zafra o 19 de marzo de 2010.[16]

 
Teatro Dulce Chacón (Parla)

O Instituto de Educación Secundaria Obrigatoria de La Garrovilla (Badaxoz) chámase dende o ano 2005 IESO Dulce Chacón en recordo da escritora.[17] O salón de actos de Tocina (Sevilla) leva o seu nome. Tamén un Colexio Público na localidade madrileña de Fuenlabrada, outro na localidade de Rivas Vaciamadrid, e outro na cidade estremeña de Cáceres.[18] A biblioteca principal da Universidad Europea de Madrid tamén leva o seu nome. Tamén no 2005, inaugurouse en Parla o Auditorio Dulce Chacón, que alberga un club social para a terceira idade, un teatro, sás para reunións de veciños e unha biblioteca, entre otras cousas.

ObraEditar

PoesíaEditar

  • Querrán ponerle nombre(1992)
  • Las palabras de la piedra(1993)
  • Contra el desprestigio de la altura(1995), premio Ciudad de Irún.[4]
  • Matar al ángel(1999)
  • Cuatro gotas(2003)

NovelaEditar

ContosEditar

  • Te querré hasta la muerte(2003), en Sobre raíles.[19]

TeatroEditar

  • Segunda mano(1998)
  • Adaptación teatral de Algún amor que no mate(2002), candidata a los premios Max 2004a la mejor autora teatral en castellano.

BiografíasEditar

  • Matadora (1998).

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Lecturalia S.L. (ed.). "Biografía de Dulce Chacón". Consultado o 4 de xuño de 2012. 
  2. lecturalia.com (ed.). "Biografía de Inma Chacón". Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 ww2.circulo.es (ed.). "Biografía de Dulce Chacón". Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Dulce Chacón pierde su batalla contra la muerte". El País. 4 de decembro de 2003. 
  5. 5,0 5,1 Velázquez Jordán, Santiago (2002). "Dulce Chacón: "La reconciliación real de la guerra civil aún no ha llegado"". Espéculo. Revista de estudios literario (Universidad Complutense de Madrid) (22). 
  6. Folleto de la representación teatral de Algún amor que no mate, de Aldaba Producciones.
  7. "Dulce Chacón da voz a las mujeres víctimas de la posguerra". El Mundo. 10 de setembro de 2002. 
  8. 8,0 8,1 "Dulce Chacón". En: escritoras.com. 4 de decembro de 2003.
  9. 9,0 9,1 "Dulce Chacón fallece a los 49 años en su casa de Madrid". El Mundo. 4 de decembro de 2003. 
  10. Holguín, Ana (14 de decembro de 2003). "Dulce Chacón ya descansa en su Zafra natal junto a su padre". El Periódico de Extremadura. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  11. "La poesía de Inma Chacón y la segunda República se dieron cita ayer en Piornal". Hoy (Extremadura) Hoy. 14 de agosto de 2006. Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  12. Armengou, Montse; Bells, Ricard (2004). ""Las fosas comunes de la Guerra Civil"". Clío. Número 3: pág. 71. Cita de Eduardo Montagut Contreras, baseándose no artigo anterior. 
  13. "La Comunidad » La memoria histórica como proyecto social y cultural » Zafra, agosto del 36". web.archive.org. 2012-01-13. Consultado o 2019-10-24. 
  14. "Barricada, contra la sordera histórica". Terra Música. 2 de outubro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  15. "Las letras de 'La Tierra está sorda'". Noticias de Navarra. 30 de outubro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2010. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  16. Charla+Acústico de Barricada en nuestro 40 aniversario, en la web del instituto Suárez de Figueroa de Zafra, 10 de decembro de 2010.
  17. "IESO Dulce Chacón". Consultado o 8 de abril de 2019. 
  18. "Colegio Público Dulce Chacón". 
  19. "Dulce Chacón". En: escritoras.com. 4 de decembro de 2003.