O termo dourado provén do latín vulgar dauratus, e este de auratus, de aurum, que significa ouro. A técnica do dourado consiste en cubrir con ouro a superficie dun obxecto principalmente polo seu valor lumínico, en tanto que se converte nun receptáculo da luz. Tradicionalmente empregábase na arte relixiosa para vinculala coa luz celestial, o que producía sobre os fieis unha sensación de temor e asombro.

Marco dourado listo para puír cunha ferramenta de ágata.
Aplicación dunha folla de ouro a unha reprodución dunha pintura do século XV.

Pan de ouro editar

É unha lámina moi fina de ouro batido, que se obtén de martelar as pranchas de ouro ou mediante rolo, usado tradicionalmente para decoración por medio do dourado en diferentes obxectos de carácter artístico. Ademais desta folla de ouro tamén existen as de prata, cobre e aluminio. A meirande parte do pan de ouro fabrícase en Alemaña e en Italia e preséntase en libriños de vinte ou vinte e cinco follas separadas por papel de seda. As láminas son moi finas e con tres posibles medidas, ben 5×5 cm ou 8×8 cm para o ouro fino ou verdadeiro e, 14×14 para o ouro falso. Existen dous tipos de pan de ouro, o ouro fino que é un produto de vinte e dous quilates e o ouro falso de maior grosor composto por unha aliaxe de cobre, estaño ou cinc. Para a manipulación do ouro verdadeiro é necesaria unha serie de instrumental como a polonesa, a chumaceira ou o coitelo de dourar porque non se pode manipular coas mans. Non obstante, o pan de ouro falso, aínda que pode ser manipulado como o anterior, tamén se pode tocar coas mans. Ademais, este último ten que ser protexido ou vernizado porque ennegrece en contacto coa humidade.

A aplicación do pan de ouro pode realizarse mediante dúas técnicas, ben dourado ao mixtión para o que pode empregarse tanto o ouro verdadeiro como o falso, ou ben dourado á auga para o que soamente se pode empregar ouro verdadeiro.

Historia editar

 
Un Vajrasattva tibetán dourado.

O dourado é unha técnica decorativa que se utilizou nos distintos períodos artísticos ao longo da historia da nosa civilización porque é considerado, dende as primeiras civilizacións, un metal nobre cheo de simboloxía vinculada coa luz e co poder. De feito, o emprego do dourado data xa das civilizacións sumerias e exipcias, que ao descubriren a ductilidade do ouro o empregaron para revestir obxectos menos nobres como a madeira, a pedra ou outros metais. Nestes comezos o ouro era golpeado até obter láminas moi finiñas, pero co tempo a técnica evolucionou cara ao emprego do dourado á auga, segundo os restos achados nas primeiras dinastías exipcias. Con posterioridade esta técnica chegou a Europa, a través de Exipto e Grecia fundamentalmente, e espallouse durante o século II d.C. por todo o territorio centroeuropeo. Non obstante, na produción artística destas civilizacións o dominante era o emprego de pedra, pigmento, barro etc. quedando o ouro relegado a obras máis miúdas e persoais, como xoias ou recipientes pequenos. Polo que foi durante o período medieval cando o dourado alcanzou certa importancia no mundo do patrimonio cultural.

Coa chegada de Carlomagno (742-814), quen utilizou a arte coma propaganda, aumentou o número de producións artísticas nas que se empregaba o ouro, tales como manuscritos, miniaturas, retablos etc. E, polo tanto, tamén coa igrexa, neses anos cuestión indivisible, que buscaba obter obxectos luminosos, próximos á luz divina, que enfeitizasen os fieis e os achegasen a Deus e os adoutrinasen nas sagradas escrituras. En consecuencia, empregouse o ouro para toda clase de obxectos vinculados coa liturxia da igrexa católica. Foi na época gótica cando se estendeu o uso do ouro sobre moitas superficies (ferro, madeira, pedra etc.).

Non obstante, o período de máximo esplendor do emprego desta técnica foi no barroco e rococó, a mediados do século XVIII, onde se usou tanto para cuestións relixiosas (retablos, altares, iconas etc.) coma laicas (mobles, palacios etc.). Isto débese a que nestes períodos buscábase que a arte representase o seu carácter ilusorio ou artificioso onde o enxeño chegase a enganar a vista até asombrala, segundo palabras do propio Gian Lorenzo Bernini. Valorábase especialmente o visual e efémero, de xeito que todo tendía á teatralización esaxerada e á opulencia e, por iso, o emprego de ouro era tan acusado porque producía resultados moi luminosos e efectistas.

A partir do século XIX o emprego do dourado foise minimizando até permanecer illado en autores como Gustav Klimt que resalta as súas figuras realistas sobre fondos imposibles e que permaneceu no século XX na corrente do art déco onde se mantén o interese barroco da profusa decoración, o emprego de materiais luxosos, e a utilización de motivos vexetais, con intencións efectivas e teatralizantes. Foi durante este século cando apareceu o “falso ouro” xurdido das innovacións técnicas e da intención de minimizar os custos de produción e axilizar o proceso de execución. Apareceron tamén as pinturas a base de purpurinas que inclúen po finísimo de bronce ou outros metais para dotar a pintura dun ton dourado ou prateado; pigmentos iridescentes ou nacarados compostos por un revestimento de óxido metálico sobre unha escama de mica que non sofren problemas de envellecemento en condicións de temperatura e humidade convencionais. Non obstante, de xeito illado, algúns artistas seguen a empregar as técnicas tradicionais de dourado como Yves Klein nos seus corenta e cinco Monodourados, para os que empregou as dúas técnicas (dourado ao mixtión e á auga). Outros autores, dende o panorama actual, achegáronse ao dourado como James Lee Byars, Louise Nevelson ou Jannis Kounellis.

O dourado na disciplina de conservación-restauración de bens culturais editar

O dourado na conservación-restauración dos bens culturais é limpado, elimináselle a sucidade superficial que co paso do tempo tende a depositarse sobre as obras, e con frecuencia debe ser asentado puntualmente para evitar a súa separación do soporte. No tocante á realización da técnica ou reprodución naquelas zonas onde teña desaparecido depende do código deontolóxico de cada territorio. Así por exemplo, en España non se volve a dourar senón que nesas zonas, de ser necesario para a comprensión da obra ou para devolverlle a súa lexitimidade, aplícase unha reintegración cromática (mediante rigattino, tratteggio ou puntos) coa que se aproxima a cor dourada mediante a asociación de cores (ocre, amarelo, verde, vermello). Noutros países, como Portugal, vólvese a dourar de ser necesario.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar