Dinar almorábide

moeda de ouro almorábide

O dinar almorábide (en árabe: الدينار المرابطي) foi unha moeda de ouro cuñada pola dinastía almorábide no Magreb e en Al-Andalus.[1][2]

Dinar almorábide cuñado a nome de Yusuf ibn Tashfin (1061-1106), líder dos almorábides na Península Ibérica durante o século XI. Procede da ceca de Agmat, en Mortocos.

As cecas onde se producían os dinares almorábides abastecíanse do ouro procedente das minas da África occidental, ao sur do deserto to Sáhara.[1][3]

Os dinares almorábides circularon amplamente fóra dos límites do Imperio Almorábide e nos reinos cristiáns da Península Ibérica estas moedas comezaron a ser coñecidas como "morabetinos", o que deu lugar posteriormente á aparición dos "marabedís".[3]

Historia

editar

Cando os almorábides conquistaron Audagost cara a 1054 gañaron o control da parte sur das rutas comerciais que atravesaban o Sáhara. A parte norte foi ocupada logo da toma dos oasis de Sijilmasa aos nagrava por parte de Abu Bakr ibn Umar. Nesta posición, os almorábides puideron controlar e beneficiarse do comercio de ouro transahariano. Dous anos despois da toma de Sijilmasa, punto de entrada do ouro no norte de África, cuñáronse alí dinares a nome de Abu Bakr ibn Umar.[1]

Ao se converter oficialmente Yusuf ibn Tashfin en emir dos almorábides en 1087, cuñáronse moedas co seu nome e o volume da produción aumentou. Ademais de en Sijilmasa, cuñáronse moedas en varias cecas novas, a primeira delas en Agmat, en 1093. A ceca de Agmat tivo a maior produción de todas as do norte de África ata 1122 e esta localidade era a máis rica durante o período almorábide.[1]

A partir de 1096 comezaron a cuñarse os dinares almorábides en al-Andalus, inicialmente en Sevilla. A produción aumentou notablemente a partir de 1104, o ano despois de que Ali ibn Yusuf fose recoñecido como herdeiro do imperio; nestas moedas apracece o seu nome xunto ao do seu pai. Ronald A. Messier suxire que o obxectivo era "dar a coñecer a lexitimidade do dereito de Ali ao trono".[1]

Baixo Ali, a produción de moedas aumentou considerablemente e os dinares pasaron a ser cuñados tamén en Marrakech, que acababa de ser establecida como capital almorábide, aproximadamente en 1097. Catro anos máis tarde comezaron a cuñarse tamén en Fez e en Tremecén (na actual Alxeria), entre outros lugares. A multiplicación das cidades onde se cuñaban os dinares axudaban o sultán a consolidar o seu control dobre as partes máis distantes do seu imperio, xa que o seu nome impreso sobre as moedas funcionaba como unha especie de marca e símbolo de autoridade fronte ás hipotéticas revoltas.[1]

 
Dinar almorábide a nome de Ali ibn Yusuf (1107-1142). Ceca de Isbiliya (Sevilla). Datado en AH 520 (AD 1126/1127).

A maior produción de dinares almorábides comezou cara a 1120 e mantívose ata aproximadamente 1130, coincidindo co punto culminante da prosperidade almorábide e cando se realizou a maioría das construcións de Ali. As cecas andalusís máis produtivas desta época estaban situadas en Almería, Sevilla e Granada, que eran as cidades máis importantes para o comercio internacional.[1]

Ante a ameaza de Ibn Tumart e o movemento almohade, Ali focalizou a súa atención na parte africana do seu imperio. Cara a 1130 producíronse máis dinares almorábides en África que na Península Ibérica. Entre 1139 e 1146, os almohades de Ibn Tumart emprenderon unha guerra total contra os almorábides ata chegar a conquistar Marrakech. Os efectos económicos deste conflito fixéronse notar xa mesmo en 1141, cando os comerciantes de Fez se queixaban dos "usurpadores" almohades.[1]

O derradeiro sultán almorábide, Ishaq ibn Ali, e algúns rebeldes almorábides cuñaron algúns dinares entre 1146 e 1151.[1]

Circulación

editar

Os almorábides comerciaban case exclusivamente con dinares de produción local. Baixo os almorábides, al-Andalus exportaba produtos ao norte de África, a Exipto e ao norte dos Pireneos, entre outros lugares, e tamén importaba produtos de zonas tan distantes como a China, a India ou Persia, Oriente Medio, o norte de África e Europa.[1]

Por mor da extensa rede comercial dos almorábides e a reputada calidade das súas moedas, os mercados mediterráneos estiveron inzados de dinares almorábides durante case un século e competiron co dinar fatimí como moeda dominante do comercio mediterráneo.[1]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar