Diario de Operaciones del Sexto Cuerpo del Ejército

periódico galego

O Diario de Operaciones del Sexto Cuerpo del Ejército foi unha publicación editada na cidade de Lugo entre maio de 1811 e polo menos 1813. Está considerado polos historiadores como o primeiro periódico da cidade e da provincia de Lugo.

Diario de Operaciones del Sexto Cuerpo del Ejército
Fundaciónmaio de 1811
Lingualingua castelá
LocalidadeLugo
editar datos en Wikidata ]

Deste xeito, a capital provincial converteuse na terceira cidade de Galicia que viu saír un periódico, despois de Santiago de Compostela[1] e A Coruña[2].

Historia editar

O Diario de Operaciones... era un periódico de guerra. Foi editado polo Sexto Corpo do Exército español, que se instalou en Lugo durante a Guerra de Independencia. Facíase nunha imprenta portátil que levaba consigo o cuartel xeral deste corpo militar.

As información castrenses eran o principal elemento da publicación, pero non o único. Así, mentres se daba conta da evolución da campaña, tamén se inserían outras noticias. Publicábanse, por exemplo, bandos, destinados á poboación en xeral. E as informacións bélicas non se referían só á actividade do sexto corpo, senón á doutras compañías.

Publicábase en idioma castelán e contiña habitualmente catro páxinas, aínda que non son raros os números con follas soltas. Aínda que se denominaba diario, non saía todos os días, e houbo etapas nas que se editou sen periodicidade regular.

Cesou de publicarse cando o sexto corpo do exército abandonou Lugo.

Cuestións a debate editar

As referencias ao Diario de Operaciones... baséanse en documentación de terceiros. A diferenza dos seus predecesores de Santiago e A Coruña, non parece que queden exemplares da publicación en Galicia. Este aspecto dificulta que os historiadores poidan datalo de xeito preciso. Sábese que o primeiro número é de maio de 1811, aínda que non o día exacto. O número nove é do 21 de xullo dese ano, o que desmente a teoría de Manuel Soto Freire[3] de que apareceu en 1812.

A inclusión de noticias non castrenses fai que o Diario de Operaciones... sexa considerado un periódico ao uso e non un boletín oficial máis. Haberá que agardar ata 1857 para atopar o primeiro periódico xeneralista de Lugo, La Aurora del Miño. Entre 1813 e 1857 saíron na cidade o descoñecido Diario Constitucional (1820), o Boletín Oficial de la Provincia (1834, que aínda se segue a editar) e o Boletín Oficial del Obispado de Mondoñedo (1856).

O nome de Diario de Operaciones del Sexto Cuerpo del Ejército é o asumido pola meirande parte dos historiadores, aínda que hai outros que dan outros nomes: Boletín del Sexto Cuerpo del Ejército, Estado Mayor. Sexto Ejército. Resultado de las Operaciones de este Ejército ou Cuerpo de Operaciones. Con todo, semella que estes outros títulos son ou partes da publicación ou nomes que levou nalgún número solto.

Notas editar

  1. El Catón Compostelano, de 1800, foi o primeiro desta cidade e de Galicia.
  2. O primeiro foi Diario de La Coruña, de 1808.
  3. Soto, 1982.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar