Dialecto berciano

nome xenérico das variedades dialectais tradicionalmente faladas na comarca do Bierzo

Dialecto berciano é o nome xenérico das variedades dialectais tradicionalmente faladas na bisbarra do Bierzo. Estas variedades forman parte do continuo dialectal romance do Noroeste da Península Ibérica, e teñen puntos en común co asturleonés, o galego e en menor medida, outras variedades romances. Existen ou existían variedades locais coa súa propia identidade, como por exemplo, a fala de Bembibre (buecés), a de Toreno (toreniense) ou o fornelo do Val de Fornela, todas elas de base asturleonesa; o ancarés, o charro de Vilafranca, a fala do Val de Finolledo, a fala do Val de Valcarce e a fala da Merindade de Aguiar, todas elas de base galega.

Íntegro en PDF, Ensayos poéticos en dialecto berciano.

Referencias escritas editar

A primeira referencia escrita sobre o dialecto berciano vén de man do cóengo Bernardo de Aldrete (século XVII), autor de Origen y Principio de la Lengua Castellana, que se decatou da realidade lingüística do Bierzo mentres realizaba o Camiño de Santiago, e fixo a seguinte observación: "os máis políticos falan ben o castelán, pero os non tanto e as mulleres o leonés que tira ao galego; verdade é que a veciñanza e os moitos que pasan de Galicia son a causa disto".

A mediados do século XIX publícase o traballo de Isidoro Andrés de Llano, Recuerdo a Puentedeume en dialecto berciano (1860, na Revista Esla). En 1861 Antonio Fernández y Morales escribe a instancias de Mariano Cubí, coautor, en dialecto berciano: " Ensaios poéticos en dialecto berciano " considerado polo autor como forma dialectal berciana do idioma galego. ("Entre o galego i o seu dialecto berciano", "O Berciano é un sub-dialecto galego", "se ben o berciano é un subdialecto galego"...).

Recolléronse expresións e vocabulario propio en diversos traballos sendo os máis interesantes os realizados por Luís A. Pastrana e David López, a principios da década de 1970, consistentes en nocións da descrición da morfoloxía e a sintaxe do dialecto, e un interesante dicionario de expresións e palabras; tamén cómpre mencionar a tese doutoral de Manuel Gutiérrez Tuñón, "El Habla de El Bierzo", publicada en 1975.

Dificultade de clasificación editar

 
Situación lingüística nas provincias de León e Zamora

Considerouse sempre o Bierzo como unha ponte entre o galego oriental[1] e o leonés, pero con caracteres propios moi diferenciados[2] que levaron a definir esa fala do bierzo como dialecto berciano no século XIX, sendo encadrada dentro do dominio lingüístico galego por Antonio Fernández y Morales en 1861 e dentro do dominio lingüístico leonés por Ramón Menéndez Pidal, manifestando este que a liña divisoria entre o leonés e o galego se situaría entre as concas dos ríos Cúa e Sil. En 1934, Verardo García Rey, recolle o vocabulario do dialecto berciano na publicación Vocabulario del Bierzo, onde o autor explica que tras o seu traballo de campo, resituaría a franxa divisoria entre as falas asturleonesas e as galaico-portuguesas axustándoa estritamente ao trazado debuxado polo curso do río Sil. Jesús García e García, en 1994, sitúa a devandita franxa dende o Alto Cúa ata parte do concello de Ponferrada (Devesas, Fontesnovas)[2].

Trazado da fronteira lingüística entre o leonés e o galego[3]
Leonés Leonés de transición Transición Galego de transición Galego
Zona I Zona II
Localidades
Ancares / Fornela Chano Guímara Lumeiras
O Bierzo Sancedo Lillo del Bierzo Fontoira San Miguel de Arganza Magaz de Arriba
A Cabreira Benuza Castroquilame Ponte de Domingos Flórez
Seabra San Ciprián Rihonor Pías
Isoglosas
-LL- ll l l
-L- l l ø
-NN- ñ n n
-N- ñ n ø
Ĕ, Æ, Ŏ diptongación adiptongación
S + yod queisu queišo
Presentes VĔNIO vengo veño

Notas editar

  1. Léxico e literatura de tradición oral no ámbito de Las Médulas. 2011. Fernando Bello Garnelo
  2. 2,0 2,1 Pueblos e ríos bercianos: significado e historia dos seus nomes' (1994), Jesús García e García, ISBN 84-604-8787-3
  3. VV.AA (2004) [1996]. Congreso Internacional A Lingua Galega: historia e actualidade (1ª ed.). Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. p. 626. ISBN 84-96530-22-1. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar