Rihonor de Castilla

Coordenadas: 41°57′00″N 6°37′00″O / 41.95, -6.61666667

Rihonor de Castilla (Riudenore o Rueidenore en leonés) é unha localidade seabresa pertencente ao concello de Pedralba de la Pradería, na provincia de Zamora (España).

Contexto xeográfico editar

Esta aldea raiana está situada ao sur da chamada Serra da Culebra (ou da Culiebra en leonés). O casarío é atravesado polo río del Fontano, tamén coñecido como Comtensa ou Río Onor no seu tramo portugués. Dista 15 km da capital da bisbarra, 21 km da capital do seu concello, e 25 km de Braganza, capital do concello ao que pertence a veciña aldea de Rio de Onor, coa que conforma na práctica un mesmo núcleo de poboación.

Demografía editar

O número de habitantes foi descendendo na localidade de xeito paulatino dende mediados do século XX, chegando aos 18 censados no ano 2003 segundo o INE. Dende entón, a súa poboación tense recuperado lixeiramente, até contar 31 veciños en 2020. Na actualidade existen algunhas iniciativas para fixar poboación na aldea, que apelan á beleza das súas paisaxes, a idiosincrasia dos seus habitantes e as enormes posibilidades de desenvolvemento.

Fala editar

Francisco Xavier Frías Conde[1] caracteriza a fala de Rihonor dentro do dialecto seabrés, aínda que como fala de transición ente o dominio lingüístico asturleonés e o dominio lingüístico galegoportugués. En realidade amosa todos os trazos comúns do galego agás que diptonga as vogais breves latinas: puorta, vieyu.

  • A diferenza do seabrés e do resto do dominio asturleonés, non palatiza o /l-/ inicial: leite, lume, lua. Amais reduce a xeminada latina /–ll-/: cabalu, ela, elos, elas.
  • A diferenza do seabrés e os seus posesivos "mieu, tou, sou", esta fala casa cos galaicos nos de segunda e terceira persoa "mieu, teu, seu".
  • A diferenza do sufixo seabrés -inu/-ina (caminu, sobrina, mulinu) danse no sur as formas camiñu, sobriña, touciñu.
  • A diferenza dos sufixos seabreses masculinos singulares irmanu, chenu, bonu, e plurais irmanos, chenos, corazones, danse nesta faixa as formas singulares irmán, chen, bon, e as plurais irmáns, chens, corazóns.
  • A diferenza dos sufixos seabreses femininos singulares irmana, chena, bona, e plurais irmanas, chenas, bonas, danse nesta faixa as formas singulares irmá, chea, bo, e as plurales irmás, cheas, bos.
  • Palatización das formas verbais poñu, teñu, veñu, fronte ás formas xerais en Rihonor tengu, vengu, pongu.
  • A diferenza dos indirectos seabreses diou-le / diou-lle, rexístraxe o galaico o diou.
  • Non palatalización de /n-/ nen /nn/: nuosu, nuovu, nuoite, cabana.
  • Raramente e fronte ao critero xeral de Seabra, desenvolvemento dos conxuntos latinos -k'l-, -g'l-, -ly- > y: muyer, abeya, coyere.

Sociedade editar

A principal fonte de ingresos foi tradicionalmente o comercio, ao estar situado nun paso fronteirizo con Portugal. Actualmente, a economía é de subsistencia, xa que a maioría das terras se encontran abandonadas e a maior parte dos seus habitantes son xubilados. Existe un só comercio de ultramarinos do que se abastecen os rihonoreses, ademais dos comerciantes que acoden cos seus vehículos dende Portugal para vender o seu xénero (pan, carne, peixe...).

Este lugar ten unha particularidade única na Península Ibérica: forma unha unidade coa aldea portuguesa de Rio de Onor. Realmente ambas as aldeas son unha soa, dividida artificialmente pola raia fronteiriza. Debido a esta singularidade, os seus habitantes falan indiferentemente castelán e portugués, moi influenciados ambos pola lingua autóctona: o case extinto rihonorés, dialecto do leonés.

Localmente coñécense as partes española e portuguesa coas formas portuguesas "Povo de cima" e "Povo de abaixo" respectivamente, e en localidades próximas onde o leonés aínda está vivo recóllense as formas Rueidenore de Riba e d’Abaixu[2].

 
Rihonor de Castilla (pormenor do rio)

Notas editar

  1. Xavier Frías Conde "El Sanabrés caracterización del dialecto” . 1998
  2. David García López e Ricardo Boyano Andrés (2002). "Toponimia menor del noroeste de la provincia de Zamora: 3. Santa Cruz d’Abranes (con notas sobre el machuecu curixegu)". Lletras Asturianes (79): 63. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar