Delphinus (xénero)

xénero de mamíferos

Delphinus
Golfiños comúns

Golfiños comúns

Tamaño comparado co dun humano
Tamaño comparado co dun humano

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Delphinus
Linnaeus, 1758 [1]
Especies
Referencia:[1]
  • Delphinus capensis
  • Delphinus delphis
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Eudelphinus P.-J. van Bénéden e Gervais, 1880
  • Rhinodelphis Wagner, 1846

Delphinus é un xénero de cetáceos odontocetos da familia dos delfínidos que comprende dúas especies coñecidas como golfiños comúns ou delfíns comúms.

Son golfiños oceánicos propios das augas tropicais e subtropicais próximasa ás costas de ambas as beiras do Atlántico norte, do Índico e do Pacífico.[2]

Etimoloxía editar

O xénero Delphinus tomouno Linneo do nome latino do golfiño (ou delfín) común, delphīnus, -i,[3] nome que, á súa vez, deriva do grego δελφίς (delphís), "delfín",[4] ou δελφύς (delphýs).[4]

Taxonomía editar

Ata 1994, cando se recoñeceu como especie diferente a Delphinus capensis, que definira Gray en 1828,[2][5] críase que era a única especie do xénero Delphinus. Posteriormente, en 1971, Van Bree definiu unha terceira especie, Delphinus tropicalis, pero na actualidade non é admitida pola comunidade científica, e os ictiólogos considérana como unha subespecie de Delphinus capensis, clasificada hoxe como Delphinus capensis tropicalis Jefferson & Van Waerebeek, 2002.[5]

Especies e subespecies editar

Distribución xeográfica editar

Características editar

Teñen unha lonxitude corporal nos adultos que pode oscilar entre os 2 e os 2,6 m, e un peso de entre os 70 e os 135 kg. Os machos son lixeiramente máis grandes que as femias.

O corpo é esvelto, hidrodinámico, delgado, e un fociño longo, máis longo en Delphinus capensis, e de cor gris escura ou negra, aínda que pode ter a punta branca; hai unha pregadura ben marcada entre o bico e a fronte, que descende desde o alto da cabeza en suave declive.[6] Na boca teñen entre 80 e 120 dentes cónicos, pequenos, simliares (homodonte), en cada maxilar.

Presentan unha aleta dorsal alta, situada no centro do lombo, e de forma que pode variar entre a falciforme á case triangular, e a súa cor pode oscilar entre a negra a practicamente a branca agrisada, cos bordos máis escuros, grises ou negros. As aletas pectorais son relativamente pequenas, anchas, de cor negra ou gris, e cos extremos lixeiramente acabados en punta; os bordos da punta son convexos. O pedúnculo caudal é fino, de cor gris clara, e a aleta caudal é de cor gris escura ou negra, cunha lixeira fendedura separando os dous lobos, que teñen os extremos dirixidos cara a atrás e están rematados en punta.[6]

A coloración é moi vistosa, máis apagada en Delphiunus capensis, co lombo gris, negro, negro purpúreo ou apardazado, que forma unha "V" ou unha "X" debaixo da aleta dorsal, como debuxando a súa sombra (deseño denominado "en reloxo de area"), que se vai aclarando no pedúnculo caudal. O ventre é branco ou de cor crema, que se ve interrompida por unha ou dúas liñas amarelas ou grises, descontinuas; na rexión torácica dos flancos presenta unha mancha (o chamado parche torácico) de cor amarelada ou crema torrada. Ao redor dos ollos levan un anteface negro, que se prolonga ata o bico. Presentan, tamén, unha estreita banda escura desde a aleta pectoral ata o centro do maxilar inferior.[6]

Bioloxía editar

Artigo principal: Golfiño común#Bioloxía.

Diferenzas entre as dúas especies editar

Véxase tamén: Golfiño común.
 
Grupo de Delphinus capensis.

A diferenza máis evidente entre o Delphinus delphis e Delphinus capensis é a lonxitude e a anchura do peteiro. Porén, hai tamén outros trazos distintivos.

D. delphis ten o corpo algo máis repoludo, a cabeza máis arredondada, un debuxo máis complexo no seu bico, o anteface máis chamativo, unha banda máis estreita entre a mandíbula interior e as aletas pectorais e unhas cores máis brillantes, e adoita vivir máis lonxe das costas.

D. capensis ten un perfil máis fino, pouco ou nada de branco entre o ollo e a aleta pectoral, a fronte máis suave, o debuxo do bico moito máis simple e unhas cores máis apagadas, e normalmente vive máis preto da costa. Tamén hai diferenzas de comportamento entre ambas as especies.[6]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Delphinus Linnaeus, 1758 en ITIS.
  2. 2,0 2,1 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B (asesores) (2008): Lista vermella Arquivado 18 de setembro de 2018 en Wayback Machine. de especies ameazadas da UICN.
  3. "Charlton T. Lewis, Charles Short, A Latin Dictionary, delphīnus". www.perseus.tufts.edu. Consultado o 2021-02-12. 
  4. 4,0 4,1 Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon
  5. 5,0 5,1 WoRMS
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Carwardine, M. (1995), pp. 164-167.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Kowalski, Kazimerierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Mead, J. G. e Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. e Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. pp. 723–743. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • Perrin, William F.; Bernd Wursig e J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1-891276-03-3.
  • Stewart, Brent S.; Phillip J. Clapham, James A. Powell e Randall R. Reeves (2002): National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World. ISBN 0-375-41141-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar