Dasiúridos
Dasyuridae

Rango fósil: mioceno - actualidade

Cuol oriental (Dasyurus viverrinus)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Marsupialia
Magnorde: Australidelphia
Superorde: Eometatheria
Orde: Dasyuromorphia
Familia: Dasyuridae
(Goldfuss, 1820)
Familias e Xéneros
Véxase o texto

A dos dasiúridos (Dasyuridae) é unha familia de mamíferos marsupiais australidelfos, unha das tres recoñecidas dentro da orde dos dasiuromorfos,[1][2] que viviron desde o mioceno medio até o presente.

A familia comprende a gran maioría das especies de marsupiais carnívoros. É a maior (e a única non monotípica)[3] da orde dos dasiuromorfos e inclúe unhas 70 especies nunha vintena de xéneros, entre elas os chamados gatos marsupiais (ou gatos nativos, que din os australianos), os ratos marsupiais, as ratas marsupiais e o demo de Tasmania.[4]

Os dasiúrídos son animais de pequeno a mediano porte, pesando entre algúns gramos e os 8 kg. Todos presentan un corpo alongado, coa cabea afiada e unha cola longa, peluda e non prênsil. Son plantígrados, e a estrutura da pata non é sindáctila,[5] o que os distingue do grupo dos canguros (orde dos diprotodontes). As especies arborícolas teñen un dedo extra nas patas traseiras.

Características editar

A diversidade morfolóxica desta familia resulta evidente se temos en conta que o seu peso oscila entre menos de 10 g, como ocorre en especies dos xéneros Planigale ou Ningaui, entre os cales se achan os mamíferos máis pequenos do planeta, aos máis de 8 kg que pode alcanzar o demo de Tasmania (Sarcophilus harrisii).[4]

Morfometría Masa

(g)

Lonxitude (cm)
Cabeza e tronco Cola
Antechinus swainsonii 40-65 13 12
Dasycercus cristicauda 115 13-22 7-13
Phascogale tapoatafa 110-310 16-23 17-22
Dasyurus maculatus 2.500 40-75 35-56
Sarcophilus harrisi 7.500 52-80 23-30

Por outra parte, a capa que cobre o seu corpo adoita estar formada por pelos curtos e mestos, de cor variada segundo as distintas especies: de practicamente negra a gris pálida ou rubia, pasando por todos os tons pardos e canelas; de completamente liso, a salferido de manchas de distintas cores. Algunhas especies presentan corpos estilizados e esveltos, mentres que outras son robustas e compactas.

As extremidades son curtas ou de mediana lonxitude, con apoio plantígrado, estando nalgunhas especies a superficie plantar das extremidades tapizada de formacións de queratina, estriadas ou granulosas, que lles confiren un considerábel agarre, sempre necesario para animais que deben alcanzar velocidades considerábeis que lles permitan dar alcance ás súa presas.

Aínda que non presentan fenómenos de sindactilia (dedos fusionados), o polgar das extremidades posteriores é pequeno pero móbil nas especies arborícolas, mentres que tende a reducirse ou desaparece nas terrícolas. En todas as especies, as garras alcanzan un desenvolvemento considerábel salvo neste último dedo, onde pode ser pequena ou estar ausente.

A cola, non prénsil, adoita ser longa, e está cuberta de pelo en maior ou menor cantidade segundo as especies. Algunhas delas ademais presentan o extremo cuberto de pelo de maior lonxitude que lle á aparencia de pincel.

Maioritariamente insectívoros, o aparello dixestivo non necesita estar especialmente especializado, sendo o estómago unha estrutura sacular simple.

Por outra parte, a dentadura está preparada para a depredación. Os incisivos son numerosos e afiados, os caninos están notabelmente desenvolvidos e premolares e molares están dotados de prominentes cristas que lles axudan a esgazar a carne.

Fórmula dentaria
incisivos: 4 caninos 1 premolares 2-3 molares 4
3 1 2-3 4

Chama a atención o excepcional desenvolvemento da dentadura de Sarcophilus harrisii, especie predominantemente preeira, que necesita fortes mandíbulas e grandes dentes capaces de crebar ósos dos restos de cadáveres de animais de gran tamaño, cazados e abandonados por outros carnívoros.

O marsupio non está moi desenvolvido; nalgunhas especies limítase a simples pregas da pel do abdome ou as ínguas, chegando a estar ausente noutras de maneira permanente ou sendo unicamente evidente en épocas de cría.

Bioloxía editar

Distribución xeográfica editar

Todas as especies da familia, tanto fósiles como vivas. circunscríbense á rexión Australiana.

Nutrición editar

Por regra xeral aliméntanse de insectos e outros invertebrados, acompañando esta dieta con vertebrados de maior ou menor tamaño segundo o propio da especie, aínda que algunhas delas son tan extremadamente agresivas e voraces que non dubidan en dar caza a outros vertebrados de maior envergadura que a súa propia.

Ademais, algunhas especies mostran hábitos necrófagos e incluso aproveitan recursos vexetais.

Reprodución editar

A fisioloxía reprodutiva dalgunhas especies desta familia non está demasiado estudada na vida salvaxe, xa que moitas delas apenas foron observadas, porén cabe destacar que entre as mesmas sitúanse algunhas das que presentan períodos de xestación máis curtos.

Comportamento editar

Son animais despertos e intelixentes con acusados sentidos imprescindíbeis para conseguir alimento durante as cacerías nocturnas.

Papel ecolóxico editar

Os dasiúridos adoitan seren depredadores de insectos e pequenos vertebrados. O demo de Tasmania aliméntase de prea.

Clasificación editar

—o Familia Dasyuridae - (Goldfuss, 1820)

      |- Xénero Ankotarinja - Archer, 1976 (†)
      |- Xénero Dasylurinja - Archer, 1982 (†)
      |- Xénero Keeuna - Archer, 1976 (†)
      |- Xénero Wakamatha - Archer & Rich, 1979 (†)
      |-o Subfamilia Barinyainae - Wroe, 1999 (†)
        `- Xénero Barinya - Wroe, 1999 (†)
      |-o Subfamilia Dasyurinae - (Goldfuss, 1820)
      | |-o Tribo Dasyurini - Goldfuss, 1820
      | | |- Xénero Dasycercus - Peters, 1875 
      | | |- Xénero Dasykaluta - (Ride, 1964) 
      | | |- Xénero Dasyuroides - Spencer, 1896 
      | | |- Xénero Dasyurus - Geoffroy Saint-Hilaire, 1796 
      | | |- Xénero Glaucodon - Stirton, 1957 (†)
      | | |- Xénero Myoictis - Gray, 1858 
      | | |- Xénero Neophascogale - Stein, 1933 
      | | |- Xénero Parantechinus - Tate, 1947 
      | | |- Xénero Phascolosorex - Matschie, 1916 
      | | |- Xénero Pseudantechinus - Tate, 1947 
      | | `- Xénero Sarcophilus - Geoffroy Saint-Hilaire & Cuvier, 1837 
      | `-o Tribo Phascogalini - Gill, 1872
      |   |- Xénero Antechinus - MacLeay, 1841 
      |   |- Xénero Micromurexia - Van Dyck, 2002
      |   |- Xénero Murexechinus - Van Dyck, 2002
      |   |- Xénero Murexia - Tate & Archbold, 1937 
      |   |- Xénero Paramurexia - Van Dyck, 2002
      |   |- Xénero Phascogale - Temminck, 1827
      |   `- Xénero Phascomurexia - Van Dyck, 2002 
      `-o Subfamilia Sminthopsinae - Archer, 1982
        |-o Tribo Planigalini - Archer, 1982
        | `- Xénero Planigale - Troughton, 1928
        `-o Tribo Sminthopsini - Archer, 1982
          |- Xénero Antechinomys - Archer, 1975
          `- Xénero Sminthopsis - Thomas, 1887

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Dasyuromorphia no SIIT.
  2. Dasyuromorphia en MSW.
  3. O adxectivo monotípico, -a refírese a un taxon que só ten un taxon inmediatamente subordinado; neste caso, quere dicir que a familia comprende varuos xéneros.
  4. 4,0 4,1 Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Los marsupiales carnívoros, un tesoro zoológico en peligro", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 9, Australia e islas, pp. 155-165. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  5. cos dedos unidos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level Nova York: Columbia University Press. 0-231-11013-8.
  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Dasyuromorphia en Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar